sábado, 5 de septiembre de 2020

Balas na feira da Adina

  1933 estivo cheo de tensión política pero non faltaron tampouco os sucesos que non tiñan ningunha relación con ela.   
  En abril tivo lugar un triste accidente en Casanova, parroquia de Ardemil, onde a anciá indixente Manuela Manteiga Pardo, que vivía soa nunha choza, morreu queimada ao achegarse á lareira, probablemente por estar embriagada.
  Outra noticia menos dramática foi a de Manuel Posse rogando á alcaldía que dese ordes aos axentes para impedir a excesiva velocidade dos ciclistas por "las calles de la ciudad" (había apenas catro).
  En agosto José Vázquez Mandayo, un mozo de 20 anos, foi detido pola Garda Civil por atacar á súa veciña Estrella Liñares Pulleiro cunha gadaña coa que a feriu no ombreiro e lle rompeu varios dentes. 
 
  Pero o suceso máis grave tivo lugar en decembro durante a feira da Adina.
Segundo La Voz de Galicia os irmáns José e Jesús Reboredo Campos que ían acompañados de Jesús Bouzas Busto e Jesús García, veciños todos de Leira, atoparon a Ricardo Prego Candal*, de Ardemil, co que tiñan unha gran inimizade.
  Comezaron os paus, pero ao verse só Ricardo fuxiu e puido refuxiarse na taberna de Ricardo Viqueira Gestal. Alí chegaron os perseguidores e disparáronlle varias balas de revólver. Caeu ao chan bañado en sangue cun balazo na cabeza e outro no ventre.
  E non foi a única vítima. Tanto a esposa do dono, María Fariña Candal, como o seu conveciño, Manuel Sánchez Raposo, con quen se achaba na cociña conversando á calor do lume foron alcanzados tamén, María no brazo e Manuel nunha perna.
  O moribundo Ricardo Prego Candal e Manuel Sánchez foron trasladados ao hospital de Santiago de Compostela, mentres María foi levada nunha camioneta á Coruña e atendida polo médico e practicante de garda.
  Pouco despois a Garda Civil de Ordes detivo a Jesús Bouzas, de 28 anos, Jesús Reboredo, de 18, e Jesús Varela Castro, de 21, (quen non era mencionado por La Voz de Galicia) como autores da morte de Ricardo Prego.
  En novembro de 1934 celebrouse o xuízo contra os irmáns Reboredo Campos. A acusación pediu para José 14 anos, 8 meses e 1 día de reclusión, retirando os cargos contra o seu irmán.
  O defensor foi o prolífico Manuel Casás Fernández. Unha vez máis, como era usual naqueles tempos, o xurado emitiu veredicto de inculpabilidade.
 
* Ricardo Prego Candal era un habitual das liortas. 3 anos antes, en 1930, tamén participou noutra en San Cosmade da que loxicamente saiu mellor parado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario