En 2013 a
noticia máis importante no ámbito da política ordense foi o cambio de rumbo que
sufriu o BNG: os seus dous concelleiros, Gonzalo Castro e Montserrat Rei presentaron a súa
renuncia.
Pero... como se chegou a esta situación? Fagamos
historia.
O entón BNPG naceu en Ordes no lonxano 1979 cando presentou unha lista nas
eleccións municipais, pero só acadou 155 votos e ningún concelleiro, o que
provocou a súa desaparición durante moitos anos.
Ao redor de 1994 o bloque era un partido en auxe, liderado por un carismático
Xosé Manuel Beiras. Un concorrido mitin celebrado na biblioteca, que por entón
estaba nos baixos do concello, foi o primeiro impulso para a creación dunha
asemblea local. O partido púxose en contacto cos membros de ARO e estes constituíron a inmensa
maioría dos seus primeiros militantes. Eran mozos menores de 25 anos, agás o
matrimonio de profesores formado por Francesco Traficante e Rosario
Fernández Charo. As súas reunións
tiñan lugar no Restaurante Labarada e o primeiro responsable local foi Carlos Garabato.
Escusado é dicir que as súas ideas eran
bastante radicais, o que non auguraba un gran futuro electoral. O asunto
cambiou cando se uniu Ramiro Recouso, que sería novo responsable, e
posteriormente Victorino
Cores de Montaos e Manuel Recouso de Parada, que daban un plus de
madurez ao proxecto.
As eleccións de 1995 foron un enorme éxito: o BNG ordense logrou 4 concelleiros,
por 3 o PSOE. Ordes foi o precursor do "sorpasso" que dous anos
despois se produciría nas eleccións galegas. Pero isto no trouxo a felicidade á
asemblea, fracturada en dúas correntes, a oficialista que seguía as consignas
da UPG e a más libertaria dos antigos integrantes da ARO.
As eleccións de 1999 debían traer a paz, pero a confección das listas foi un axuste
de contas e un inxustificable maltrato á figura de Victorino Cores. A entrada
no número dous de Avelino Candal do Mesón non fixo que o BNG pasara
dos 4 aos 6 concelleiros que esperaba. A decepción foi enorme e provocou a
saída masiva (aínda que silenciosa) da maioría dos ex-ARO. Pouco despois
Victorino tamén desertou dun lugar onde non era querido para unirse á coalición
de goberno.
O BNG quedaba consolidado pero o impulso que
levaba perdeuse naquela lexislatura. Nas seguintes eleccións de 2003 con Ramiro, Avelino e Mª Xosé Raña
de Nº 3, o BNG tivo 1.693 votos e perdeu un dos 4 concelleiros que tiña, malia
volver a ser 2ª forza, escaso consolo diante da maioría absoluta de Teodosio
Martino. Aquí veu o primeiro cambio de rumbo: Ramiro decatouse de que ese barco
non ía a ningún lado e en xaneiro de 2004 fíxose a un lado, renunciando non só
á portavocía (da que se fixo cargo Avelino) senón tamén ao seu posto na
corporación onde foi substituído por Manuel Recouso. No seu adeus recoñeceu que
o Bloque necesitaba unha renovación e que era hora de buscar un candidato para
as próximas eleccións.
En setembro do 2006 decidiuse que o candidato ideal sería Gonzalo Castro Prado, un home
do réxime pero con "talante", non obstante coa eiva de ser moi pouco
coñecido en xeral por nacer e residir na Coruña. O seguinte en baixar da
primeira liña foi Avelino, así que Gonzalo quedou como clara cabeza do partido.
Despois dunha campaña para darse a coñecer, as cousas non pintaban ben e o Bloque
botou man de novo da vella garda. Ramiro (sen dúbida presionado pola UPG) e
Avelino acompañarían como 3 e 4
a Gonzalo e a Mª Xosé Raña.
As eleccións
de 2007 (as do furacán UxO) deixaron
ao BNG con 3 concelleiros. Só baixara un con respecto á anterior lexislatura,
pero a sensación era de quedar fóra de xogo e lonxe de ser alternativa. Se isto
parecía malo, as cousas empeoraron aínda máis nas eleccións de 2011. Agora Gonzalo ía acompañado por Montse Rei
Patiño, bióloga e responsable de ADEGA na comarca de Ordes. Os
resultados foron decepcionantes e unicamente lograron as súas dúas actas.
A conclusión era clara: o BNG en Ordes era un
partido de nicho e só o votaban os fieis, cousa que valía para ter presenza e
facer ruído pero non para medrar e chegar a ser unha alternativa. Necesitábase
un gran golpe de temón.
Con esta premisa non pode sorprender que
ambos os dous formalizaran o venres 19 de abril do 2013 a súa renuncia á acta
de edís no rexistro do Concello. As razóns que deron foron de tipo persoal e de
falta de tempo, pero claramente a UPG perdera a confianza en Zalo,
que por certo acabaría formando parte do PSOE coruñés e borrando do seu
currículo os anos en Ordes.
O substituto volvería a ser o incombustible
Ramiro, agora acompañado do responsable de Galiza Nova, o mozo de 27 anos Pablo Vidal
Ríos.
As eleccións do 2015, nas que chegou á alcaldía Martís,
devolverían ao Bloque á senda do crecemento, acadando tres concelleiros: Ramiro
(pelexando contra a enfermidade), Pablo (o futuro lider) e Paula Castenda Blanco.

No hay comentarios:
Publicar un comentario