domingo, 28 de junio de 2020

Juan José Liñares Martiáñez

  Juan José Liñares Martiáñez, máis coñecido como Juanjo Linares, naceu en Ordes o 6 de Setembro de 1933. Era fillo de Gumersindo Liñares, propietario do "Bar Liñares" (entón punto de reunión dos VIPs de Ordes) e de Valentina Martiáñez Bengochea, unha madrileña de distinguida familia.
  Juanjo viviu por e para o baile. Entregou toda a súa vida á danza, nas súas diferentes facetas: bailarín, coreógrafo e mestre e, sen ningunha dúbida, foi unha máxima autoridade no estudo do baile folclórico español (el prefería o termo “danza tradicional”) ao que consideraba como un patrimonio que debía ser atendido e conservado.

  Desde moi pequeno, Pocholo, como era alcumado en Ordes, escapaba do bar e achegábase uns 100 metros á casa da súa tía avoa Rita Castro Bao (m.1984) -hoxe Alfonso Senra 106-, que lle ensinou os primeiros pasos de baile.
  Xa aos 8 anos de idade presentouse ao concurso de baile galego que había nas festas e por suposto gañouno. Logo acudiría ás romarías de Santa Margarida na Coruña, tendo como primeira compañeira de baile á súa veciña Teresa Marcos.
 Esa afección ao baile rexional levouno a ser instrutor de "Coros y Danzas" durante 3-4 anos, a traballar co "Ballet de la Coruña", ser profesor de "Lembranzas do Arte" e colaborar con "Follas Novas" e "Aturuxo". Paralelamente chegou a estudar Dereito pero a súa dedicación á danza impediulle rematar a carreira. 

  Despois de estudar con Paco Reyes, o mestre Carito, Salvador Melho ou Lolita Domíngez e facer televisión con José Toledano, en 1959 prodúcese o seu debut profesional no Teatro de La Comedia de Madrid co Ballet Español de Rosario (1918-2000), ex-parella do seu admirado Antonio.
  Obtivo un gran éxito, ata o punto de que a crítica bautizouno como “o bailarín dos pés alados" (como Aquiles). Gañaba 400 pesetas ao día que pronto se converteron en 500.

 Logo sería primeiro bailarín con Mariemma e colaboraría con Marifé de Triana, Antoñita Moreno, o Ballet español de Pilar de Oro e Alfredo Gil, María Rosa ... en fin, os nomes máis prestixiosos desa época.
  Tamén formou o seu propio ballet coas bailarinas Carmela Prieto, Malena Muñoz, Fefa de Alba, Elvirita Loal e Dolores España, acompañadas ao piano por América Villar.
 A súa etapa como bailarín rematou cando, traballando como artista convidado con María Rosa foille diagnosticada unha tuberculose renal en 1970.

  Tempo despois regresa á capital onde se lle ofreceu a creación do Grupo Nacional de Danzas de Educación e Descanso. Coa caída do franquismo, pasa a ocupar un posto de funcionario que compatibilizou coa montaxe de coreografías para o Ballet Nacional de Festivales de España, Antonio Gades, Ballet Folklórico Nacional, a Compañía de Zarzuela Isaac Albéniz, Imperio Argentina, José Greco, etc.

  En 1970 "Sementes do Arte" en Ordes foi o primeiro de varios grupos de danza folclórica que creou por Galicia e Castela. En 1971 foi "Semillas del Arte" de Puebla de Moltalbán (Toledo), e logo varios máis, porque o estudo e o ensino da danza tradicional foi a paixón á que dedicou a segunda metade da súa vida. Escribiu varios libros e moitos traballos pequenos sobre bailes rexionais. Discípulos seus serían Javier García, Manuel Segovia, o director da Compañía Ibérica de danza, ou Aida Gómez, que preparaba un traballo con el.

  Paralelamente era un coleccionista compulsivo de traxes. Sostiña que o clima e por tanto o vestido determinaban o modo de bailar. Non tiña un oco libre na súa casa, ocupada totalmente por centenares de traxes, non só rexionais senón tamén vestidos de artistas famosas coas que compartira o escenario. Ao longo da súa vida realizou exposicións en Madrid, Santillana del Mar, Cádiz, Córdoba… pero finalmente legou a colección a Ordes, que creou para ela o Museo do Traxe.

  Non puido asistir á súa inauguración, en xaneiro de 2010, porque morreu o 16 de novembro de 2009 no Hospital de la Concepción de Madrid, aos 76 anos, por complicacións dun infarto sufrido cando ía saír da súa casa para impartir unha clase maxistral. Rematou a súa vida “coas zapatillas postas” como era a súa obsesión.


  Juanjo Linares foi o ordense máis exitoso durante os anos 60 e 70. O número de premios e distincións que acadou é altísimo, destacando a Medalla de las Bellas Artes (prata) e unha das Medallas de Galicia (bronce). É Fillo predilecto de Ordes desde 1990 e leva o seu nome a rúa coa que fai esquina a Casa da Cultura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario