martes, 1 de marzo de 2022

Liorta en Beán

   Xa temos dito que antigamente a xente era bastante incivilizada na nosa comarca e chegaba ás mans con moita facilidade. E non só ás mans porque todo valía nas pelexas: navallas, bastóns, paraugas "de sete parroquias" ou apeiros de labranza como nesta ocasión. A finais dos anos 40 tivo lugar unha multitudinaria pelexa entre mozos de Montaos e Trasmonte coñecida como a "Batalla do Cano" e pouco despois este suceso en Beán, narrado por Victorino Cores.

 

  Dous dos mozos de Queis, que participaron na liorta do Cano, foron unha noite a unha tasca* a Beán para estar con dúas mozas que tiñan comprometidas. Petaron á porta e mandáronos pasar. As tascadoras bailaban cos mozos ou unhas coas outras na ampla cociña e no corredor, ao son dunha pandeireta que tocaba unha muller xa maior.

 

  O dono da casa coñecía aos dous mozos e mandounos sentar nun banco de costas cara ao anllar. A trouleada seguiu e de alí a un pouco os dous mozos foron botar unha baila coas súa mozas e decatáronse de que a xente os ollaba rindo.

-Tes un papel prendido nas costas –díxolle un dos mozos ao compañeiro.

-Ti tamén o tes, cun burro mal pintado –respondeulle o outro mozo.

  Coma dúas feras rabiosas, remataron de bailar aquela peza  e abandonaron a casa entre as risas burlonas dos presentes.

 

  Ao saír pola porta, os mozos viron varias ferramentas de labranza colgadas no taboado do alpendre. Entón un deles detívose e díxolle ao compañeiro:

­-Ríronse de nos e non debemos fuxir coma dous covardes. Vamos coller cada un a súa legoña e chamámolos fóra. Segundo vaian saíndo mallamos neles coma no liño.

  Dito e feito, colleron as legoñas e puxéronse un en cada lado da porta, e segundo asomaban as cabezas mallaron neles coma dous tolos. Algúns dos feridos sangraban pola cabeza. Cando se cansaron de mallar, tiraron as legoñas e fuxiron.

  A dous dos agredidos quedáronlle cicatrices permanentes polas graves lesións que sufriron. Os dous mozos foron detidos e botaron oito meses no cárcere da Coruña.

 

  Pasados uns anos, eles os dous, que tan amigos foran toda a vida, tamén pelexaron entre si. Incluso un deles cortou ao outro cun coitelo nun brazo.
Victorino Cores Liste
 
* Tasca: era un dos traballos relacionados co cultivo do liño. As mozas xuntábanse e sentadas en bancos pasaban as estrigas polo fío do tascón repetidamente para poñer a febra o máis delgada posible. Os mozos ían a esta reunión para cantar e parolar coas mozas e logo bailar con elas cando remataban.

1 comentario: