É evidente que nos últimos tempos o clima
cambiou en Galicia. Non só son opinións de persoas maiores, senón que están
respaldadas polas cifras. Este cambio non foi radical porque a influencia do
Océano Atlántico garante a presenza de borrascas. Pode haber secas intensas e
persistentes, pero máis tarde que cedo acabará chovendo. Isto é algo que non
poden dicir outras zonas do mundo como o Mediterráneo, nun proceso de desertificación
preocupante. Con todo o incremento da temperatura media global está a alterar claramente
os nosos patróns meteorolóxicos.
Temperatura
Desde 1962
mediuse un aumento de 0,19ºC
por década. Isto provocou un incremento dos días nos que as máximas superan os 25ºC. En Ourense o crecemento
foi de 11,4 días por cada dez anos, en Vigo de 4,4, en Lugo de 11,4, en
Santiago de 5,3 e na Coruña de 3,1. Os veráns son máis longos, ata 150 días no
caso de Ourense. Nótase a mesma tendencia nos días con polo menos 30 graos, que agora chegan dous meses antes que a mediados do século XX.
Os
días calorosos son máis e os xélidos menos, non de forma tan intensa, pero si o
suficiente como para que se perciba un cambio nos valores climatolóxicos desde
1950. Os días con temperaturas por baixo dos 0ºC son cada vez máis tardíos e
o último día de xeadas rexístrase máis cedo. Esta situación é máis
significativa en Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.
Preme nas imaxes se queres ver as gráficas a maior tamaño.
Precipitacións
Contrariamente á temperatura, nas
precipitacións non se observa ningunha tendencia clara no que se refire á
cantidade. Galicia segue recollendo os seus 1.200 litros de auga
cada ano. O que se ve é un cambio
importante no patrón de choiva, cada vez máis torrencial. Neste sentido, xoga
un papel fundamental o fenómeno do río atmosférico (transporte de humidade
tropical cara ás latitudes medias). Galicia está moi exposta aos seus efectos e por
cada grao que aumente a temperatura global estes roteiros transportarán un 7 %
máis de humidade.
Estacións e ciclóns
O efecto máis visible do cambio climático na
meteoroloxía galega apréciase no esvaecemento das diferenzas estacionais e xa
nos afixemos a pasar frío no verán e calor no inverno repetindo iso de que «o
tempo está tolo». Tamén aumentou a frecuencia dos fenómenos extremos (ondas de
calor e de frío) debido ao enfraquecemento da corrente en chorro que reparte o
frío polar e a calor subtropical polo hemisferio boreal. Cando a parte
ascendente abarca o Atlántico créase un anticiclón de bloqueo que impide que
chova. Nos últimos 13 anos rexistráronse cinco secas: 2005, 2007, 2012, 2016 e
2017.
Galicia sempre foi territorio de borrascas, ás
veces moi potentes como Hortensia ou
Klaus, pero agora tamén é terra de
ciclóns e furacáns. A combinación dun Atlántico cada vez máis cálido coas
ondulacións do jet stream están a modificar o roteiro habitual dos sistemas de
baixas presións tropicais, que adoitan desprazarse de oeste a este impulsados
polos ventos alisios. Desde o ano 2017 varios ciclóns e furacáns, como Ofelia e
Leslie, estiveron desviándose cara ao norte e pasando preto de Galicia. O caso
máis sorprendente produciuse en outubro do 2019. Pablo foi unha borrasca que descendeu máis ao sur do habitual.
Alimentándose de augas quentes transformouse nunha tormenta tropical e, contra
todo prognóstico, volveu ascender en latitude e a intensificarse fronte á costa
galega ata transformarse nun furacán de categoría 1. Nunca se vira un evento
desta natureza.
FONTE: Xavier Fonseca
No hay comentarios:
Publicar un comentario