martes, 29 de marzo de 2022

O apelido Liñares


   O apelido Liñares non é especialmente abundante, pois só hai pouco máis de 3.100 portadores en Galicia. Pero a súa distribución é unha proba da importancia que tivo na nosa comarca o cultivo do liño (liñar era un campo cultivado con esa planta). O apelido Liñeira tamén ten o mesmo significado aínda que é moito máis escaso, pois non chega aos 350 portadores, dos que 48 están en Oroso e Ordes.
  Como podemos ver na imaxe, aínda que o concello con maior número de Liñares en termos absolutos sexa Santiago, os dous con maior porcentaxe, Tordoia e Cerceda, pertencen á nosa comarca, e os concellos de Trazo, Ordes e Oroso tamén están entre os 10 primeiros.
  Non é de estrañar por tanto que con esta bagaxe teñamos nas Terras de Ordes numerosos Liñares destacados, entre eles varios alcaldes.
 
 
  Remontándonos moito no tempo o primeiro personaxe coñecido foi Gumersindo Liñares Iglesias (m.1929), alcalde de Trazo durante 18 anos, e patriarca da familia Liñares que viviu no cruce de Ordes fronte ao Nogallás. Esta familia, á que pertenceu o mítico Bar Liñares, tivo outros dous alcaldes pero xa non de Trazo senón de Ordes: o seu fillo Juan Liñares Iglesias (1885-1951) e o seu neto Juan Liñares Castro (1909-1969). Outros destacados membros desta familia foron o médico Francisco Liñares Iglesias (m.1941) e o bailarín Juanjo Linares, famoso a nivel nacional durante os anos 50 e 60.

  
Sen relación con eles, na parroquia de Buscás viviu José Iglesias Liñares, que foi presidente da Sociedade Agraria de Ordes e concelleiro por Izquierda Republicana na última corporación da 2ª República.
  Tamén de Buscás foi Cesáreo Liñares Vilariño (1927-1991), coñecido como Cesáreo da Rúa, fillo de Ignacio Liñares Regos e Ramona Vilariño Sánchez, que foi un dos integrantes do famoso cuarteto Airiños de Buscás.
  Moi recordada na vila de Ordes é Concepción Liñares Seoane (1945-2010), máis coñecida como Chita, que rexentou o restaurante O Túnel, un dos máis importantes do lugar, fundado polo seu pai Antonio Liñares Rama e a súa nai Concepción Seoane Noya.
  En Ardemil tamén hai Liñares, por exemplo a familia formada por Manuel Liñares Barreiro e María Rosende Presedo. A cuarta e última filla, Anabel Liñares Rosende, é moi coñecida en todo o norte do concello por ser conserxe do CEIP Mesón do Vento desde hai máis de 30 anos.
  

  En Tordoia, o concello con máis porcentaxe de Liñares, tamén houbo dous alcaldes con este apelido. Manuel Liñares Vázquez (1889-1963) foi o proxenitor dunha extensa familia de Bardaos e o cuarto dos seus dez fillos foi o alcalde e presidente da Cámara Agraria de Tordoia Marcelino Liñares Regueiro (1921-1983). Moito máis recente foi Antonio Pereiro Liñares (1959-2019), que gobernou o concello desde 1999 ata a súa morte.
 
  En Cerceda durante a 2ª República Juan Liñares García foi o vicesecretario da Sociedade Agraria Adiante das Encrobas e José González Liñares o Ferreiro de Xesteda foi o principal dirixente da fronte Popular no concello, polo que debeu vivir escondido varios anos en Compostela despois do Alzamento.
  Pero moito máis coñecido é o alcalde José García Liñares (n.1950) con orixe tamén na parroquia de Bardaos, que sucedeu no cargo ao lugués Fernando Martínez e que gobernou con man de ferro o concello desde 1995 acadando sete! maiorías absolutas ata que tivo que dimitir por problemas legais.
 
 
  En Oroso, que eu saiba non houbo alcaldes, como moito o presidente do equipo de fútbol, o Sigüeiro FC, Antonio Liñares Nouche (n.1959).  

No hay comentarios:

Publicar un comentario