martes, 22 de marzo de 2022

San Pedro de Cestaños


   A capela de San Pedro está en Cestaños (parroquia de Parada) a uns 60 metros ao sur das casas. A súa situación á beira dun carballo e no medio das leiras fai que, se non fose por unha pequena cruz cumial, puidésemos confundila facilmente cun alpendre.
  É unha pequena e encantadora construción, non moi antiga, de apenas 9,50 metros de lonxitude por 4,50 de anchura (ou sexa uns 42 metros cadrados), aínda que a nave ten só uns 30 correspondendo os outros 12 a un soportal aberto na zona oeste. Isto fai que sexa a máis pequena do concello. Destacan as dúas grosas columnas feitas con grandes pedras e as trabes de madeira.
 Este formato de nave con soportal é habitual en moitas ermidas do rural. Na parroquia de Vilamaior a capela do Socorro, moito máis grande, é lixeiramente similar. 
 

  Os muros son de cachotería revocada e pintada de cor branca. A cuberta é a dúas augas con tella do país. Ten só unha xanela, máis ben un angosto respiradoiro, no muro sur, aínda que a nave goza de bastante luz porque a porta ten zonas acristaladas. 
  No interior (con só catro bancos para os fregueses) hai non unha, senón dúas figuras de San Pedro, perfectamente recoñecibles coas súas chaves nas mans. Tamén dúas figuras de Santa Aia -ou Santa Eulalia- coa palma do martirio, outra mártir moi venerada na Galicia rural.
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario