martes, 5 de julio de 2022

A casa tradicional


  As casas tradicionais da comarca de Ordes eran similares ás de toda a zona rural da provincia coruñesa. 
  As edificacións estaban formadas por un núcleo inicial que constaba sempre de cociña e un par de cuartos, máis as imprescindibles cortes para o gando. A este núcleo inicial íanselle sumando elementos auxiliares como o forno, o alpendre, etc. 
  Aínda que había moitas casas dunha soa planta, o modelo máis estendido era o da casa con sobrado, que ás veces ocupaba todo o núcleo central do edificio e outras só o espazo situado sobre as cortes. No sobrado, de chan feito con táboas de madeira, estaban os dormitorios e ás veces o comedor, no que non era raro que se almacenasen diversos froitos. 
  A entrada á vivenda facíase a través dun soportal cuberto que normalmente se usaba para gardar o carro e os útiles de labranza e ás veces tamén palla. Con el comunicaban as cortes, o forno e, en moitas ocasións, unha dependencia na que se preparaba a comida do gando. Despois pasábase ao interior onde estaban as cortes e a cociña separadas polo corredor, e ao fondo deste a porta que levaba á eira e ao horto. Ás veces era ao revés e o soportal era o que daba á eira. 
  Os muros sustentantes eran de cachotería en seco e trábabanse a eles os dos distintos corpos acaroados. As cubertas eran de tella romana e o núcleo central tiña un tellado xeralmente a dúas augas. No bordo colocábanse pedras grosas para evitar que o aire levantase as tellas. 
  Un elemento construtivo menos habitual era o archete, pequeno tellado apoiado nun lintel de madeira crebado que no caso das edificacións de muros baixos tiña como finalidade lograr a altura suficiente para un cómodo acceso ao interior da vivenda.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario