Na parroquia de Vilamaior, no medio dun
fermoso contorno* e bordeada polo río Buxán,
podemos admirar esta atípica ermida rural de bastante antigüidade, aínda que
foi restaurada na primeira década deste século.
É un
edificio de planta rectangular cun pequeno anexo na súa parte oeste e con
tellado a tres augas. Os muros, grosos e altos, están feitos de cachotería sen
revocar. A súa sorprendente altura de ata 4 metros parece froito
dalgunha recente reforma xa que orixinalmente deberon ser máis baixos.
Para ser unha ermida é bastante grande. Os
seus 15 metros
de lonxitude e algo máis de 5 de anchura xunto co anexo, fan que ocupe uns 100 metros cadrados,
aínda que máis de 20 corresponden a zona non pechada do soportal.
Precisamente no soportal están os elementos
máis interesantes: un par de grosas columnas feitas de cachotería na súa parte
leste, mentres no oeste o muro prolóngase pero cunha abertura que ten un arco
de medio punto. Unha balaustrada de madeira decora e dalle un toque de
distinción a todo o conxunto.
O interior é moi austero coa pedra sen
revocar e incongruentes baldosas de cor parda. Hai un sinxelo retablo
neoclásico ao fondo, pero o punto de atención é, sobre unha peaña na esquina
esquerda, unha colorida imaxe da Virxe do Socorro entre un demo e un anxo. Esperta
moita devoción na parroquia e na súa honra celébrase unha festa o fin de semana
máis próximo ao día 8 de setembro.
* Contorno limpado e
arranxado pola asociación cultural "Seixo branco" de Vilamaior no ano
2007.
Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario