Marzo de 1934 non foi un bo mes en Ordes. Producíronse dous sucesos sanguentos, o que por desgraza non era inhabitual.
O 4 de marzo dese ano reuníronse varios mozos en Senra (Poulo), na casa da agraciada moza Dolores del Río. Eran Pedro García, de 25 años, natural da parroquia de Beán, José Barreiro lópez, Ricardo Fernández Garabato* e Manuel Reboredo Viaño. Despois de parolar coa moza, Pedro marchou para a súa casa e foi seguido polos outros tres mozos. Xa en Pereira agredírono e matárono a paus, supostamente por ciumes. Pedro quedou morto no camiño co cranio fracturado.
A Garda Civil detivo pouco tempo despois aos agresores que tamén eran veciños de Beán. O xuízo tivo lugar en marzo de 1936. O fiscal Alonso Pérez Hickman retirou a acusación contra José Barreiro e Ricardo Fernández, pero mantívoa contra Manuel Reboredo, aínda que apreciando algúns atenuantes. O avogado defensor foi o omnipresente Manuel Casás. O xurado dictou, como era habitual, veredicto de inculpabilidade e por tanto Manuel foi absolto.
A parroquia de Ardemil, facendo honra ao seu nome (o gótico Ardemiro significa "famoso pola súa dureza"), sempre foi terra de homes -e mulleres- duros e violentos. O 13 de marzo de 1934 quedou de novo demostrado: José Blanco Remuiñán, de 44 anos, acababa de casar en segundas nupcias e como era tradicional un grupo de mozos (e non tan mozos) foron máis dunha noite ata a súa casa para darlle a habitual cencerrada. Cansado de escoitar insultos José, escopeta en man, disparou contra o grupo ferindo a 5 persoas. Francisco Sánchez Rodríguez, de 34 anos, levou un tiro na íngua do que foi atendido no hospital pero o peor parado foi o adolescente Manuel Sánchez Gómez, 16 anos, que quedou tendido no chan sen vida.
José non gozou da súa lúa de mel: foi detido e ingresado no cárcere de Ordes. O xuízo tivo lugar 20 meses despois, en novembro de 1935, sendo fiscal Gustavo Varela Radío (irmán do famoso médico Manuel Varela Radío) e avogado defensor de novo o inevitable Manuel Casás. Adiviñades o veredicto do xurado? Efectivamente, foi de inculpabilidade e por tanto o tribunal absolveu a José Blanco.
* En La Voz de Galicia (17-03-1934) chámanlle Andrés Fernández Garabato, pero noutras publicacións aparece como Ricardo. Posiblemente era un mozo da Regueira (1910-1984).
No hay comentarios:
Publicar un comentario