A noite do 4 de febreiro de 1934 houbo un novo homicidio na comarca. Esta vez foi particularmente atroz porque un fillo morreu a mans do seu pai.
Sucedeu en Mesía, diante da casa de Manuel Blanco. Alí estaba José María Mosquera Rodríguez cando pasou o seu fillo de 25 anos Manuel Mosquera Uzal, co que tiña unha gran inimizade desde longo tempo por cuestión de intereses. Segundo a narración do fiscal no xuízo, José iniciou a conversación co seu fillo atraéndoo ao dicirlle que tiña para el dúas caixas de mistos. Manuel achegouse e o seu pai, sempre segundo a versión do fiscal, abalanzouse sobre el cun coitelo e, a pesar de que Manuel se defendeu cun pau, asestoulle cinco puñaladas que o deixaron case morto. Foi levado ao hospital de Santiago pero 15 días despois faleceu pola gravidade das súas feridas.
José Mosquera ao día seguinte presentouse
voluntariamente ás autoridades xudiciais declarándose autor da morte. Pouco tempo despois tivo lugar o acto fúnebre polo eterno descanso de Manuel, que congregou a unhas 400 persoas na igrexa de Olas, unha cantidade de xente que non acordaban os máis vellos do lugar.
O xuízo tivo lugar en febreiro de 1935. O fiscal Pedro González Villamil pedía para o procesado a pena de 20 anos e un día de reclusión coas accesorias e as costas. Sabendo que nas causas con xurado popular o homicida case sempre era exculpado, Villamil, invocando unha moi recente sentenza do Supremo, expuxo que se declarase incompetente ao tribunal do xurado e continuase entendendo o asunto o Tribunal de Urxencia.
Loxicamente o avogado defensor, o curtido Manuel Iglesias Corral, opúxose firmemente a esa pretensión afirmando que, como nas conclusións provisionais do fiscal non se definiu o feito contrario á orde pública, debía manterse a competencia dese tribunal porque senón sería un ataque á institución do xurado a pesar de estar constitucionalmente garantida a súa implantación.
Por suposto o tribunal estivo de acordo coas teses do defensor pronunciándose por manter a súa competencia no asunto. O problema foi que ningunha das testemuñas propostas pola fiscalía se presentou no xuizo. Así que tivo que suspenderse, non sen que o avogado defensor pedira (supoño que con sarcasmo) que se tomasen "enérxicas medidas" para que comparecesen esas testemuñas das que se sabía que estaban na cidade da Coruña pero que voluntariamente non tiñan acudido á sala.
O xuízo pasou á Audiencia de Santiago de Compostela. O 25 de maio volveu a repetirse e o fiscal aumentou a 27 anos de cárcere e a 15.000 pesetas de indemnización aos familiares a condena que pedía para José Mosquera. Pero tamén se volveu a repetir a falta de testemuñas de cargo, así que de novo o xuízo foi suspendido.
Lamentablemente non puiden atopar máis información sobre o caso que probablemente continuou demorándose porque ninguén quería declarar.
Segundo "Nomes e voces" houbo un José Mosquera Rodríguez, propietario agrícola de Mesía que foi paseado e morto o 26 de setembro de 1936, pero ignoro se é a mesma persoa do caso anterior, pois tanto o nome como os apelidos son moi comúns na zona.
No hay comentarios:
Publicar un comentario