Os Concheiro García, tamén coñecidos como os de Carballo, foron (xa faleceron todos) unha das familias máis ricas e distinguidas de Ordes. Procedían da unión do procurador de tribunais Pedro Concheiro Rodríguez con Juana García Mouriño, filla do riquísimo comerciante Manuel García Bermúdez. A voda tivo lugar no ano 1900 e dese matrimonio naceron 12 fillos, entre eles personaxes tan coñecidos como Manuel Concheiro, o fundador de Macoga e Internaco, ou os exiliados Choncha e Luciano.
Pero como en toda familia ben que se prece e especialmente se a prole é numerosa, como foi o caso, é inevitable que haxa unha ovella negra. Aquí sen dúbida ese papel correspondeulle ao 5º fillo, José, nacido en 1910.
José Concheiro García, un mozo aposto e encantador, parecía seguir a senda familiar. Marchou a Santiago onde estudou Dereito, pero non hai noticias de que acabase a carreira. Aínda así parecía un mozo prometedor en grao sumo que tiña relación co máis selecto da sociedade. En Ordes participaba nas comisións de festas e compartía as ideas republicanas da familia. En xaneiro de 1933 convidou a un banquete na súa casa familiar a Niceto Alcalá Zamora, fillo do presidente da República, ao catedrático Calvo e ao profesor auxiliar Castro Rial. Poucos días despois participaría nun mitín republicano na vila.
Nalgún xornal foi mencionado como funcionario do Ministerio da Gobernación e iso é o que aparecía na súa tarxeta. Claro que tamén tiña moitas outras con diversas ocupacións. Segundo o xornal El Compostelano: «Hace algún tiempo comenzó a recorrer Galicia un joven de aspecto elegante y fácil verba, que, a juzgar por sus manifestaciones, hacía y deshacía en ministerios y gobiernos civiles, y no había asunto por complicado que fuese al que no hallara solución satisfactoria. Desempeñaba según él y según las tarjetas y membretes en que iba esculpido en relieve su nombre, unas diez o doce secretarías particulares entre ministros, gobernadores -los de Galicia especialmente- y directores generales. Informaba acerca de carreteras y obras públicas como ingeniero; intervenía en pleitos como jurista; acompañaba a la policía de diversas partes como detective; tramitaba licencias de armas como un cacique rural y no sería difícil que interviniese también en la solución de los intrincadísimos "affaires" que inquietan a los graves caballeros de la Sociedad de Naciones. Todo naturalmente, forjado en el espeso laberinto de su fantasía novelesca».
Obviamente comezaron as sospeitas e denuncias pero grazas á forza do seu apelido nunca houbo unha actuación policial contra el. Ata maio de 1934 que pasou do timo ao roubo. José, de 24 anos, vivía entón na Avenida de Abril Nº 30 e foi curarse dunhas doenzas ao sanatorio do seu veciño, o médico Manuel Villar Iglesias, que estaba en Xeneral Pardiñas.
O doutor notou que lle faltaran 200 pesetas na súa carteira e nunha segunda ocasión outras 800. Posto de acordo co xefe de policía Bernardino del Vado y López Soldado, este estableceu un servizo de vixilancia no sanatorio, marcando un billete de 100 pesetas, outro de 50 e dous de 25 que foron gardados na carteira, e logo na americana do doutor. Pouco despois o axente Díaz Cardama atrapou a José, quen nun principio negou os feitos pero acabou confesando e entregando as 200 pesetas que tiña no zapato. Recoñeceu os roubos anteriores e dixo que con eles comprara un traxe e pagara débedas.
Máis interesante é o que se atopou no seu piso nunha maleta: unha licenza para usar armas de fogo como empregado do estado e outras catro máis, oito guías gratuítas, varias autorizacións para circulación de transportes dos Gobernos civís da Coruña, Pontevedra ... e Gipúscoa! oficios do gobernador de Pontevedra para asistir como delegado a reunións en Cangas, unha autorización do Goberno Civil de Pontevedra para uso dun rifle, outra para unha delegación de Valga, outro de Pontevedra transcribindo unha orde do Ministerio para que a Garda Civil e forzas de orde pública de Galicia se puxesen ás súas ordes como inspector rexional de vixilancia de camiños, e varios máis de menor importancia.
José tamén declarou que non foi nunca empregado do estado e que unicamente estivo na secretaría de don Ángel Castillo, gobernador de Pontevedra. Tamén manifestou que as firmas foran falsificadas por el.
Parecería que un golpe tan lesivo para a súa reputación podería afundir a moral de José, pero nada máis lonxe da realidade. A malos tempos, solucións imaxinativas. En 1936 tivo lugar o alzamento e a familia Concheiro García, notoriamente de esquerda, sufriu (tres dos irmáns remataron exiliados en México). Non foi o caso de José, porque esquecendo aquelas amizades e simpatías republicanas, agora era un fervoroso falanxista.
A seguinte vez que oímos falar del foi en setembro de 1936 cando se achegou a escola de Cures (Boiro) onde se ía repoñer solemnemente o crucifixo na escola. Alí tomou a palabra despois do cura Enrique Romero e segundo a prensa "pronunciaron brillantísimas oraciones patriótico-religiosas encaminadas a hacerles comprender la importancia del acto que se estaba celebrando [...] ya que no esposible hacer de los niños de hoy los hombres que mañana han de ser útiles a Dios y a la Patria, sin una educación y una instrucción en los más sanos principios de la moral cristiana".
Por certo que casou coa mestra desa escola, Benedicta Pazos Rodríguez, filla do médico de Pontevea Jesús Pazos Touceda. Alí, en Pontevea, onde era Xefe da FET de la Jons, sorprendeuno a morte o 20 de febreiro de 1938, co só 28 anos de idade, privándonos dun personaxe que prometía ser un dos ordenses de biografía máis interesante. Alí está soterrado no cemiterio de San Cristovo de Reis (Teo).
No hay comentarios:
Publicar un comentario