martes, 9 de junio de 2020

A escola do Canedo

  En novembro de 1933 tivo lugar a inauguración da escola do Canedo.
  O acto foi moi concorrido. Ademais dos numerosos veciños asistiu o presidente do Consello local de Primeiro ensino Emilio Solera, os mestres nacionais Paulino V. González de Ordes, José Sánchez do Casal e Atanasio García de Ardemil, o director da Banda de Música de Ordes Higinio Cambeses e o capitán do exército Serafín Caridad.
  Estaban tamén os dous, aínda que parentes, inimigos políticos Manuel García Gerpe e o alcalde Antonio Concheiro Iglesias, que tomaron o acto como unha escaramuza máis na súa xa longa guerra política.

  Comezou os discursos o novo mestre da escola Ángel Sánchez Vázquez que se centrou nas vantaxes da educación afirmando que os beneficios alcanzarían a todos por igual. Seguiuno logo o mestre de Ordes Paulino V. González exhortando aos presentes a que puxesen atención decidida ao ensino dos seus fillos, encomiando a laboriosidade dos mestres aos que cualificou de "obreiros do ensino" e terminou alabando ao réxime republicano polas súas melloras educativas e a dignificación do maxisterio.
  Manuel García Gerpe "con frases plenas de elocuencia" agradeceu a invitación aos organizadores e aproveitou para encomiar tamén á República polo fomento do maxisterio ao que cualificou de "economicamente liberado e socialmente prestixiado" e, despois de explicar que a escola laica significaba o respecto á liberdade dos cidadáns, rematou con sorna congratulándose de que o acto estivese presidido polo alcalde que "ao parecer pretendía dar un novo e necesario rumbo á política local".
  Antonio Concheiro pasou por alto a pulla do seu rival e chamou á colaboración de profesores e veciños no labor de rexurdimento científico, poñéndose ao dispor de todos para acadar unha mellora científica, económica e moral. Agradeceu os eloxios polo esforzo posto en conseguir a escola e volveu chamar á cooperación para conseguir elevar o nivel cultural do municipio.
  E como sempre en Ordes non faltou logo a actuación da banda para gozar da celebración.

  Ángel Sánchez só estaría un ano no Canedo e sería substituído ao ano seguinte por Germán Doval García (1906-1962), mestre con inquietudes políticas, que chegaría a ser brevemente alcalde de Ordes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario