Un dos máis descoñecidos achados que se
produciron en Ordes foi o dunha colección de moedas medievais nos anos 60.
O suceso está cheo de interrogantes: non
sabemos nin o lugar, nin a data exacta. Tampouco sabemos quen atopou as pezas e
cantas eran realmente, pois sospéitase que había máis, atendendo ás moi
distintas pátinas que observamos nas moedas. Así, por exemplo, dous exemplares
presentan zonas verdes que non traspasaron a ningún outro (nin unha pequena
mancha).
Sabemos que o 2 de xuño de 1967 este grupo de moedas ingresou na
colección do Museo Arqueolóxico
Provincial de Lugo. O doador foi
o director do museo naquel tempo, Manuel
Vázquez Seijas. Tamén quen dixo que a procedencia do achado era Ordes, máis
concretamente a parroquia de San Paio de Buscás, pero non deu máis precisións.
En todo caso considérase un achado
extraordinario, tanto polo número como polo estado de conservación e a rareza
das pezas. Consta de 16 moedas, 14 dineros
leoneses e 2 meajas* da época do rei Alfonso IX de León (1188-1230), todos
do tipo león e cruz á dereita. (Nun estudo recente, Pablo Núñez Meneses di que
son 13 dineros e 3 meajas).
O máis extraordinario son as meajas de extrema rareza. As cecas dos
exemplares son: Compostela (polo menos 3 meajas
e 5 dineros), Extremadura, Ciudad
Rodrigo, León, e unha que non sabemos asociar a ningún lugar.
Supónse que foron soterradas entre os
reinados de Alfonso IX e Fernando III, que é o momento da súa acuñación
(1200-1256).
No
ano 1999 foi exposta no Pazo de Xelmírez en Santiago. No catálogo da exposición
figura un estudio de J. Suárez Otero: «Tesorillo
de Buscás (Ordes, A Coruña)».
*
Antiga moeda que circulaba e acuñaba no reino de Castela e
León. valía a sexta parte dun dinero
ou equivalía aproximadamente a medio maravedí
burgalés ou 5 maravedís normais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario