Benigno
Andrade, máis coñecido como Foucellas,
é o máis lendario dos combatentes antifranquistas da posguerra, ata tal punto
que o seu alcume pasou a ser a denominación popular de todos eles. O seu
carácter simpático e independente, tan distinto da rixidez doutros
guerrilleiros, gañoulle o aprecio popular e unha fama que os eclipsou a todos.
Naceu o 22 de
outubro de 1908 no lugar das
Foucellas, parroquia de Cabrui (Mesía). Traballou no campo, nunha leitaría e
posteriormente nas minas de carbón de Fabero
(O Bierzo). Casou con María Pérez Mellid,
con quen tivo dous fillos, Mª Josefa e Sergio. Ela traballaba na casa do médico de
Curtis, Manuel Calvelo López, que xunto coa súa muller Isabel Ríos Lazcano,
dirixía a célula comunista de Curtis, na que se integraron ambos.
Posteriormente afiliouse á CNT. En 1936
traballa nunha serraría no momento en que se produce o alzamento militar en
Galiza. Forma parte dunha columna que sae dende Curtis cara á Coruña en apoio
das forzas leais á República. Regresa a Curtis e bótase ao monte para salvar a
vida da represión que os franquistas desataron naqueles momentos. O seu mentor Calvelo foi fusilado a finais do ano.
Durante a
guerra estivo enfermo de difteria. Mantívose escondido e foi chamado a filas e
declarado prófugo.
En 1941 Foucellas está á fronte dun grupo da Resistencia que operaba na zona de Arzúa e Sobrado dos Monxes. En 1943 entra na IV Agrupación Guerrilleira de Galiza, convidado polo guerrilleiro ordense Manuel Ponte Pedreira. En 1944 o Partido Comunista faise co control da organización da loita guerrilleira en Galiza. Antón Seoane (xefe militar) e Xosé Gómez Gayoso (secretario xeral) regresan de Arxentina e Cuba, respectivamente, e toman o mando.
En febreiro
de 1945 Foucellas mata o cabo
da Garda Civil de Curtis. Días despois férese involuntariamente coa súa propia arma
que levaba no cabalo. Os seus compañeiros trasládano ao sanatorio San
Nicolás da Coruña, na céntrica Praza de Vigo onde o operan baixo o nome falso
de Juan Fernández.
Pasa varios
meses recuperándose nunha casa do barrio de Monelos. Asiste en varias ocasións
ao estadio de Riazor, segundo a lenda, disfrazado de crego, para ver xogar ao
Deportivo.
En 1947
reincorpórase á loita armada. As discrepancias con Gómez Gayoso e Seoane, que
non gustan do seu carácter anárquico, e a morte de Manuel Ponte fan que mude a
súa zona de actuación. Foucellas marcha destinado a zona de Lalín,
Caldas e Arousa á fronte do Destacamento Manolito Bello da V Agrupación.
A partir do
ano 1948 a guerrilla vai esmorecendo. En
novembro morren executados na Coruña Seoane e Gómez Gayoso. Foucellas
trasládase á zona de Betanzos e resiste ata o 9 de marzo de 1952.
A Garda Civil deteno na Costa da Regueira (Oza dos
Ríos), onde permanecía agochado nunha cova-refuxio, cando se ía asear ao río
Mendo. Estábase a preparar para ir de festa. Un dos disparos deulle nunha
perna. Torturado, confesa o nome dos seus colaboradores (entre eles moita xente
de dereitas).
O 26 de xullo foi xulgado en consello de guerra e condenado a morte. 12 días despois, o 7 de agosto de 1952 foi executado a garrote vil no cárcere da Coruña. Os seus restos mortais repousan no cemiterio de San Amaro nunha fosa común.
Ao
contrario que outros personaxes, a súa vida é moi coñecida aínda que ás veces é
difícil separar a realidade da propaganda (positiva e negativa). O indubidable
é que foi unha figura que marcou a vida da comarca na década dos 40. Para
coñecer máis cousas sobre a súa figura preme nesta ligazón: Benigno Andrade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario