Non se pode dicir que as terras de Ordes teñan dado escritores famosos.
O que máis se achegaría a esa condición sería Euloxio Rodríguez, que si é
relativamente coñecido no ambiente cultural galego, pero non pola xente da rúa.
Non
obstante houbo e hai ao longo dos tres últimos séculos numerosos autores con
obras publicadas. Velaquí unha pequena
relación na que espero que non quedara ningún no tinteiro.
Antonio Francisco de Castro (XVIII-1825): Naceu na aldea de Sar, parroquia de San Mamede dos Anxos (Oroso) e era parente da familia Castro do pazo de Meimixe. Ordenado sacerdote, foi abade en Compostela. De ideas absolutistas, colaborou no xornal El Sensato e na Estafeta de Santiago. Afeccionado á poesía, compuxo algunhas de tono romántico sobre as tristuras e dores dos galegos daquela época. Postumamente editáronse en 1841 dúas obras: "Poesías" e "Las glorias de Galicia en la Guerra de Independencia". Florencio Pol Ramos España (1824-1902): o
extravagante notario, patriarca da familia Pol, cheo de inquedanzas de todo
tipo, foi o primeiro escritor coñecido de Ordes. Publicou algúns folletos e dous
libros sobre temas teosóficos. En 1892 "El
secreto redentor" e en 1893 "Evidencia
de la reencarnación".
Carlos Pol Caamaño (+-1862-?): fillo
do anterior, herdou moitas das súas ideas progresistas e foi fundador da loxa
másonica de Ordes. Xornalista e escritor con gusto polo teatro, a súa primeira
obra foi "Edad de locos" en
1888.
Manuel García Gerpe (1908-1949):
avogado, dirixente de Izquierda
Republicana e lider da Fronte Popular en Ordes, tivo que exiliarse en 1939.
Escribiu moitos libros, o primeiro "Hipólito o un estudiante
aprovechado" en 1925 era unha novela semi autobiográfica. Estando en
Madrid escribiu "Política
social" en 1934 e diversos folletos. Xa en Buenos Aires escribiu "Alambradas" sobre a súa
experiencia en campos de concentración franceses, "De la República Española a la Unión Soviética", estudo
comparativo sobre a lexislación destes países, e "La configuración constitucional de la postguerra a través del
profesor Posada" en 1944.
Víctor González Faya (1920-1989):
ademais de zapateiro, no seu tempo libre foi dramaturgo (e correspondente de
prensa). Escribiu e representou varias pezas teatrais como "Un marido interino" en 1944, "El Tenorio resucita" ou "La pícara hija del molinero".
Manuel Astray Rivas (1924-1994): de
distinguida famila, foi avogado e subdirector da oficina de Administración
Pública. A súa paixón foi a literatura e tanto fixo colaboracións en xornais
como poesía. O seu libro máis coñecido e vendido foi "Síndrome del 36" publicado por Edicións do Castro en
1992, unha memoria persoal da actividade guerrilleira na comarca de Ordes.
Manuel Rodríguez García (1924-1999): un
dos coñecidos Estevos do Casal. Nado en Ordes
pero residente en Santiago, foi pai do escritor Euloxio Rodríguez. Na súa
vellez publicou "Historia viva" en 1998, un libro escrito en galego
con pequenos relatos sobre personaxes e temas da súa infancia e mocidade
ordense.
José María Botana López (1933-2025): nado en Vitre, fillo do secretario do xulgado de paz en Frades e da mestra de Moar Josefa López (os que cederon o edificio da actual Casa Consistorial de Frades). Licenciado en Dereito pola USC, posteriormente sería xuíz en varias localidades, presidente da Sala do Social do TXG, maxistrado do Tribunal Supremo e Fillo Predilecto de Frades (2011). Autor de varios libros e artigos especializados.
Jaime Concheiro del Río (n.1937): fillo de
Jaime Concheiro e Sofía del Río (da farmacia) nado en Madrid, pero residente en
Ordes na infancia e adolescencia. Avogado e rexistrador da propiedade, tamén
colaborador en xornais, escribiu varios libros técnicos con títulos tan pouco
atraentes como "Inmatriculación de
fincas" ou "El Catastro y
el impuesto sobre bienes inmuebles".
Luis Concheiro Carro (n.1940): curmán
do anterior e 2º fillo do alcalde ordense Antonio Concheiro, é un importantísimo
médico forense. Ten artigos en revistas
e colaboracións en obras colectivas, pero tamén 3 libros, un dos cales é "De las relaciones entre la medicina y
el derecho". Josefina García Castro Fina:
natural de Bedrobe, Cabaleiros. Sen apenas escola, naceu nela a afección á
poesía e, arredor do ano 2000, comezou a compoñer cantigas de tipo tradicional
das que o Concello editou unha parte no ano 2015.
Euloxio Rodríguez Ruibal (n.1945): nado en
Ordes, pero residente en Santiago desde neno. Fundamentalmente dramaturgo,
tamén cultivou a narrativa. A súa primeira obra foi "Zardigot" de 1973, publicada en 1974 por Editorial Galaxia.
Victorino Cores Liste (n.1946): natural
de Queis, Montaos, Victorino é coñecido maiormente por ter sido presidente do
equipo de fútbol da parroquia e pola súa actividade política en diversos
partidos. Pero tamén ten inquedanzas culturais, froito das cales son moitos
poemas e algúns libros sobre temas locais
como "Santa Cruz de Montaos, terra do bo fidalgo", "Ordes, na búsqueda das
súas orixes" publicado no ano 2003 ou "Órdenes
1752. Según el catastro del Marqués de la Ensenada" do 2005.
Roberto González Amado (n.1947): nado en
Ordes pero residente en Madrid. Físico de profesión, ten libros variados como "Física para juristas, economistas... y
demás gente curiosa" de 1993, pero tamén novelas como "Azar y cenizas" ou "Los dioses que no podían serlo".
Pilar
Astray Chacón: da familia Astray.
Licenciada en Ciencias da Información e maxistrada, escribiu o libro de poemas
"Un alfabeto para amarse"
en 2018 e "Los extraños ojos de
Marina Bao". Teresa Patiño Gago: 2ª filla de Amadeo de Patiño, publicou no ano 2024 "El internado", unha novela autobiográfica sobre o tempo que pasou na súa adolescencia nos anos 60 en Doña Enma, un colexio de Santiago.
Rosalía Morlán Vieites (n.1959): natural
de Trazo aínda que marchou a Santiago aos 6 anos. Enfermeira. Ten varios libros, o primeiro publicado no ano
2010, "A coitada lúa". Constantino Cuesta Ibañez Tino (n.1959): natural de Barakaldo (Biscaia). Licenciado en Medicina pola USC, foi doutor en Ribeira (5 anos) e en Melide (11) antes de chegar a Sigüeiro en 1989. Ademais de ser afeccionado á pintura tamén escribe e ten publicados numerosos libros desde 2012, sendo o primeiro "Herdeiros da Miseria" editado por Finis Terrae Ediciones. Outras das súas obras son: "Soñadores sin porvenir", "Una jaula de chiflados", "Los niños artistas y... La Profe Pintaycolorea", etc. que ademais están ilustradas por el.
Manuel Pazos Gómez (n.1962): nado en
Marzoa (Oroso), foi o creador da asociación Obradoiro da Historia. Ademais de
multitude de pequenos trípticos didácticos, escribiu libros sobre temas
comarcais como "Os camiños antigos do concello de Oroso" en 1996 ou
"A guerra silenciada", pero tamén libros de relatos como
"Despois da guerra" en 2003.
Mª Mercedes Vega Cerqueiro (n.1962): nada en
Cabaleiros (Tordoia). Fotógrafa e xornalista. Residiu ata 1990 no seu concello.
Aínda que máis que nada os seus libros
son de fotografías, tamén ten un conto xuvenil, publicado por Sotelo Blanco en
2006, "Camiño a Tibiáns". Ángel Concheiro Coello Tito (n.1966): Licenciado en Prehistoria e Arqueoloxía pola USC, é autor do libro "Castro del Achadizo: cultura material, economía y subsistencia en la Edad del Hierro" editado polo Concello de Boiro, e de moitos artigos aparecidos en revistas científicas.
Fernando del Río Guillín (n.1968): doutor
en Economía pola Universidade Carlos III de Madrid e profesor da USC, antigo
militante reintegracionista, cantante e escritor nos seus ratos libres. Publicou numerosos artigos de Economía e dous libros
de ficción: "Las edades de la
vida", colección de relatos curtos, e "La casa de las muñecas rotas".
Alejandro Couto Lago (n.1968): nado en
Montevideo pero residente en Ordes. Licenciado en Ciencias Económicas e
Empresariais pola USC, adestrador de fútbol, comentarista deportivo... Tamén escribiu
varios libros de temática deportiva e as novelas "Fieles a la reina" en 2013 e "Cartas a un amor sin memoria" en 2021.
José
Jacobo Ríos Soneira (n.1970): residente
na Coruña e comercial de AD Grupo Regueira, o que lle permitiu coñecer a fondo
a Costa da Morte, publicou "El
inmenso mar de los olvidados" en 2015 sobre a Armada Invencible e "De corazón galaico" en 2023.
Cristina Mourón Figueroa (n.1970): natural de Santiago pero residente moitos anos en Ordes. Profesora de Filoloxía Inglesa e Alemá na USC, ten numerosas publicacións sobre esa temática, e ademais tamén publicou unha triloxía de novelas sobre a figura do rei inglés Richard III.
Mª Begoña Picón González (n.1972): natural de Tordoia e responsable de Igualdade da empresa Inditex. Publicou os seus primeiros poemas no ano 2008. Escribiu "La estación del recuerdo" publicado por Editorial Lulu.com no ano 2015.
Ramón Vilar Landeira (n.1973): nado en
Rodís pero residente en Ordes. Xornalista, colaborador de La Voz de Galicia,
ten varios libros, o primeiro dos cales foi "Os televisores
estrábicos" publicado en 2014 por Edicións Xerais. Mónica Prego Franqueira (n.1975): nacida en Mercurín e licencidada en Económicas, ten un blog "Pandebroa" sobre gastronomía. En xuño de 2024 presentou o seu primeiro libro: "A carón do lume".
Elisabet Ríos Liste (n.1976): nada en Londres
pero vivindo en Ordes desde a infancia, agora reside en Cambre. Fai desde contos
infantís ata poesía pasando pola novela. A súa primeira obra foi "Nós
escoitando o badalo de Marienplatz" editada por Espiral Maior Edicións no
ano 2010.
Miguel Calvo Santos (n.1979): Nado en Ordes, é licenciado en Historia da Arte pola USC e en Belas Artes pola de Vigo, e por riba ten unha empresa de instalación de gas. Ademais de escribir nunha web sobre arte, publicou en 2022 unha biografía de Goya. "Francisco de Goya. El tiempo tambien pinta" editada por Sargantana. Marisol Gándara Sánchez (n.1981): nada en
Francia pero criada en Ordes, é licenciada en filoloxía inglesa pola USC.
Escribe poesía e o seu primeiro libro foi "Ata o corazón da mazá" que
levou o premio Pérez Parallé e foi publicado por Espiral Maior no ano 2013.
José Manuel Fernández Álvarez: Escribiu "Pendientes de un hilo: otras formas de
vivir", publicado no ano 2016.
Ana Cela Neira (n.1981): naceu en Oroso, estudou xornalismo e traballou para o Faro de Vigo. Escribiu o libro "Mamá, sorrí sempre" publicado por Edicións Fervenza en 2024. Esta baseado en experiencias propias e trata sobre a ansiedade e a depresión.
Miriam Couceiro Castro (n.1985): bisneta do alcalde Rafael Mariño, é unha escritora e socióloga preocupada polo feminismo. Entre as súas obras destaca "Óxido e diamantes".
Estela Suárez Recouso (n.1990): natural de Oroso. Estudou Filoloxía na USC. Produtora de animación coa empresa Seica Animación. Escribiu con 15 anos o conto "Non quero xogar ás agachadas coa lúa", publicado en 2015 por Edicións Fervenza e presentado en Sigüeiro.
Iria Pedreira Sanjurjo (n.1991): nada en Vilamaior, é filóloga, tradutora e escritora. Experta na antigüidade clásica, ten obras como "Melpómene entre nós".
Daniel Gómez Mariño (n.1991): técnico
superior en Informática e Redes, escribiu "Relatos de Manuel Mariño"
publicado por Editorial Medulia no ano 2024. Son pequenas historias ou anécdotas
que lle contaba o seu avó Manuel Mariño Uzal.
Tania Carro Carbia (n.1992): natural
de Oroso. No ano 2008... aos 16 anos! publicou a 1ª parte da triloxía "El tesoro oculto".
Iria Martínez Mirás (n.1992): natural de Buscás. Brillantísima alumna no IES de Ordes e logo graduada en Dereito pola USC. Escribiu sendo moi nova unha novela distópica, "El ruido de la guerra: la libertad nos espera", publicada en 2016 por Greatespace Independent Pub.