Esta capela, levantada no ano 1687, ten de particular que a súa fachada da ao noroeste e non ao oeste como é costume. Polo demais é bastante corrente: posúe planta rectangular cun corpo acaroado á ábsida, o que lle da unha forma en L bastante habitual noutros templos próximos como os de Ardemil, Buscás ou a Calle de Poulo. Os seus 5,40 metros de fachada e case 12 de lonxitude máis o engadido da sancristía fan que a súa superficie estea entre 75 e 80 metros cadrados.
Está feita con muros de cachotería pero
con pezas de cantería nos ocos. A
cuberta é a dúas augas. O edificio foi restaurado a principios do século XXI
cun encintado de morteiro coloreado en rosa, bonito pero que non se adecuaba
nada á tipoloxía orixinal. Arredor de 2020 foi revocada e pintada de cor
branca. Nese momento debeu ser retirada unha das dúas campás que había, pois na
actualidade só ten unha.
Na fachada, sobre a porta principal, destaca unha fornela na que se conserva unha figura de San Xosé de talla moi rústica. Remata o conxunto unha espadana de dous ocos feita de formigón. O interior está encalado e conserva os pavimentos de pedra.
Grazas a unha notas manuscritas* por
Domingo Antonio Moar podemos saber algunhas curiosidades sobre a historia da
capela.
Foi fundada exactamente o 29 de maio de 1686 por un tal Benito Tojo.
En 1721
recibiu a visita de don Luis de Salcedo, arcebispo de Santiago, sendo párroco
don Rodrigo Lorenzo.
Mandatos: Podíase explicar a doutrina e os
evanxeos nos días festivos, pero quedaba terminantemente prohibido dicir
"misa de pobo" e dar a comuñón na capela de San Xosé baixo pena de
excomuñon! Así mesmo quedaba prohibido aos seglares dar comidas nos días de
actos ou enterros, e aos sacerdotes de asistir a elas igualmente baixo pena
de excomuñón. Requiriuse ao abade de San Martiño a cuxo padroado pertencía a
igrexa de Buscás, mandase reparar o campo principal da mesma, multando ao
cura con 550 reais.
* Notas que me pasou Manuel Moar Manolito de Ramos.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario