martes, 23 de abril de 2024

Escritores de Ordes

  Non se pode dicir que as terras de Ordes teñan dado escritores famosos. O que máis se achegaría a esa condición sería Euloxio Rodríguez, que si é relativamente coñecido no ambiente cultural galego, pero non pola xente da rúa. Non obstante houbo e hai ao longo dos tres últimos séculos numerosos autores con obras publicadas. Velaquí unha pequena relación na que espero que non quedara ningún no tinteiro.
 
 
Florencio Pol Ramos España (1824-1902): o extravagante notario, patriarca da familia Pol, cheo de inquedanzas de todo tipo, foi o noso primeiro escritor coñecido. Publicou algúns folletos e dous libros sobre temas teosóficos. En 1892 "El secreto redentor" e en 1893 "Evidencia de la reencarnación".
Carlos Pol Caamaño (+-1862-?): fillo do anterior, herdou moitas das súas ideas progresistas e foi fundador da loxa másonica de Ordes. Xornalista e escritor con gusto polo teatro, a súa primeira obra foi "Edad de locos" en 1888.     
Manuel García Gerpe (1908-1949): avogado, dirixente de Izquierda Republicana e lider da Fronte Popular en Ordes, tivo que exiliarse en 1939. Escribiu moitos libros, o primeiro "Hipólito o un estudiante aprovechado" en 1925 era unha novela semi autobiográfica. Estando en Madrid escribiu "Política social" en 1934 e diversos folletos. Xa en Buenos Aires escribiu "Alambradas" sobre a súa experiencia en campos de concentración franceses, "De la República Española a la Unión Soviética", estudo comparativo sobre a lexislación destes países, e "La configuración constitucional de la postguerra a través del profesor Posada" en 1944.
 

Víctor González Faya (1920-1989): ademais de zapateiro, no seu tempo libre foi dramaturgo (e correspondente de prensa). Escribiu e representou varias pezas teatrais como "Un marido interino" en 1944, "El Tenorio resucita" ou "La pícara hija del molinero".
Manuel Astray Rivas (1924-1994): de distinguida famila, foi avogado e subdirector da oficina de Administración Pública. A súa paixón foi a literatura e tanto fixo colaboracións en xornais como poesía. O seu libro máis coñecido e vendido foi "Síndrome del 36" publicado por Edicións do Castro en 1992, unha memoria persoal da actividade guerrilleira na comarca de Ordes.
Manuel Rodríguez García (1924-1999): un dos coñecidos Estevos do Casal. Nado en Ordes pero residente en Santiago, foi pai do escritor Euloxio Rodríguez. Na súa vellez publicou "Historia viva" en 1998, un libro escrito en galego con pequenos relatos sobre personaxes e temas da súa infancia e mocidade ordense.
Jaime Concheiro del Río (n.1937): fillo de Jaime Concheiro e Sofía del Río (da farmacia) nado en Madrid, pero residente en Ordes na infancia e adolescencia. Avogado e rexistrador da propiedade, tamén colaborador en xornais, escribiu varios libros técnicos con títulos tan pouco atraentes como "Inmatriculación de fincas" ou "El Catastro y el impuesto sobre bienes inmuebles".
Luis Concheiro Carro (n.1940): curmán do anterior e 2º fillo do alcalde ordense Antonio Concheiro, é un importantísimo médico forense. Ten artigos en revistas e colaboracións en obras colectivas, pero tamén 3 libros, un dos cales é "De las relaciones entre la medicina y el derecho".
Euloxio Rodríguez Ruibal (n.1945): nado en Ordes, pero residente en Santiago desde neno. Fundamentalmente dramaturgo, tamén cultivou a narrativa. A súa primeira obra foi "Zardigot" de 1973 pero publicada en 1974 por Editorial Galaxia.
 
 
Victorino Cores Liste (n.1946): natural de Queis, Montaos, Victorino é coñecido maiormente por ter sido presidente do equipo de fútbol da parroquia e pola súa actividade política en diversos partidos. Pero tamén ten inquedanzas culturais, froito das cales son moitos poemas e algúns libros sobre temas locais como "Santa Cruz de Montaos, terra do bo fidalgo", "Ordes, na búsqueda das súas orixes" publicado no ano 2003 ou "Órdenes 1752. Según el catastro del Marqués de la Ensenada" do 2005.
Roberto González Amado (n.1947): nado en Ordes pero residente en Madrid. Físico de profesión, ten libros variados como "Física para juristas, economistas... y demás gente curiosa" de 1993, pero tamén novelas como "Azar y cenizas" ou "Los dioses que no podían serlo".
Pilar Astray Chacón: da familia Astray. Licenciada en Ciencias da Información e maxistrada, escribiu o libro de poemas "Un alfabeto para amarse" en 2018 e "Los extraños ojos de Marina Bao".
Manuel Pazos Gómez (n.1962): nado en Marzoa (Oroso), foi o creador da asociación Obradoiro da Historia. Ademais de multitude de pequenos trípticos didácticos, escribiu libros sobre temas comarcais como "Os camiños antigos do concello de Oroso" en 1996 ou "A guerra silenciada", pero tamén libros de relatos como "Despois da guerra" en 2003.
Fernando del Río Guillín (n.1968): doutor en Economía pola Universidade Carlos III de Madrid e profesor da USC, antigo militante reintegracionista, cantante e escritor nos seus ratos libres. Publicou numerosos artigos de Economía e dous libros de ficción: "Las edades de la vida", colección de relatos curtos, e "La casa de las muñecas rotas".
Alejandro Couto Lago (n.1968): nado en Montevideo pero residente en Ordes. Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola USC, adestrador de fútbol, comentarista deportivo... Tamén escribiu varios libros de temática deportiva e as novelas "Fieles a la reina" en 2013 e "Cartas a un amor sin memoria" en 2021.
José Jacobo Ríos Soneira (n.1970): residente na Coruña e comercial de AD Grupo Regueira, o que lle permitiu coñecer a fondo a Costa da Morte, publicou "El inmenso mar de los olvidados" en 2015 sobre a Armada Invencible e "De corazón galaico" en 2023.
 

Ramón Vilar Landeira (n.1973): nado en Rodís pero residente en Ordes. Xornalista, colaborador de La Voz de Galicia, ten varios libros, o primeiro dos cales foi "Os televisores estrábicos" publicado en 2014 por Edicións Xerais.
Elisabet Ríos Liste (n.1976): nada en Londres pero vivindo en Ordes desde a infancia, agora reside en Cambre. Fai desde contos infantís ata poesía pasando pola novela. A súa primeira obra foi "Nós escoitando o badalo de Marienplatz" editada por Espiral Maior Edicións no ano 2010.
Marisol Gándara Sánchez (n.1981): nada en Francia pero criada en Ordes, é licenciada en filoloxía inglesa pola USC. Escribe poesía e o seu primeiro libro foi "Ata o corazón da mazá" que levou o premio Pérez Parallé e foi publicado por Espiral Maior no ano 2013.
José Manuel Fernández Álvarez: Escribiu "Pendientes de un hilo: otras formas de vivir", publicado no ano 2016.
Daniel Gómez Mariño (n.1991): técnico superior en Informática e Redes, escribiu "Relatos de Manuel Mariño" publicado por Editorial Medulia no ano 2024. Son pequenas historias ou anécdotas que lle contaba o seu avó Manuel Mariño Uzal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario