viernes, 11 de agosto de 2023

Música tradicional en Ordes

  Nas primeiras décadas do século XX (ata os anos 60) a comarca de Ordes era unha potencia dentro da música tradicional. Había un gran número de músicos e de agrupacións que alimentaban a gran demanda esixida polo público asistente ás múltiples celebracións e festas espalladas ao longo de todo o ano.
 
Os músicos eran en xeral de procedencia campesiña e autodidactas. Tocaban por afección e as longas horas que pasaban na infancia coidando do gando servíanlles para perfeccionar o seu arte.
Normalmente comezaban fabricando gaitas de alcacén e logo de canaveira (empregando o rabo das vasoiras), pequenos aerófonos de lingüeta sinxela. Só os máis talentosos e teimudos acadaban un nivel que lles permitía algo parecido a vivir da música. Porque case ningún era exclusivamente músico profesional. Sempre era un plus, nos mellores casos bastante substancioso, ao traballo agrario.
  Pola mesma razón non usaban o traxe tradicional do século XVIII, que era moi caro. Agás algún caso moi específico como Os da Fábrica, todos ían de paisano.
  Os grupos creábanse habitualmente entre amigos dunha idade parecida e do mesmo lugar. O nome aludía a ese lugar ou ao líder do grupo. Aínda que en determinados momentos podía haber rivalidade entre eles e ata algunha liorta ocasional*, as formacións eran bastante variables. Non era raro que por algún problema puntual, unha enfermidade ou o servizo militar, faltase algún dos compoñentes e entón recorríase a calquera outro dos que había dispoñibles na proximidade, que cambiaba sen problemas de formación se as condicións lle interesaban máis.
 En Ordes o grupo máis característico era o cuarteto, conxunto formado por un gaiteiro e un clarinetista acompañados pola base rítmica dunha caixa e un bombo. Os clarinetistas da zona adaptaban os instrumentos que mercaban nas tendas aos agudos tons das gaitas de fol grileiras frecuentes na comarca de Ordes, acurtando os barriletes, ben mercando un máis pequeno, ben recortándoos cunha navalla.
  Ao longo dos anos os grupos tradicionais foron evolucionando e perdendo protagonismo. De ser prato principal e único, pasaron a compartir a atención con bandas e charangas, e logo a tocar nos descansos das orquestras, sobre todo nas verbenas das vilas máis grandes.
 
 

ALGÚNS GRUPOS ATA OS ANOS 50
Os do gaiteiro de Céltigos: Ignacio Sánchez (1843-1930), nacido en Céltigos e fillo de nai solteira, formou o seu primeiro grupo aos 16 anos. Nos últimos anos tocaba co seu fillo, tamén chamado Ignacio (clarinete), Fontes (Tambor) e Zenón (bombo). Foi un adiantado ao seu tempo e xa practicou a fusión, vendo que o futuro estaba nas charangas. A súa presenza era moi elegante, todos con traxe e sombreiro.
Airiños do Vilar: Manuel Rodríguez (1907-1940) nacido en Vilar de Arriba (Deixebre), foi un hombre moi inxenioso e intelixente. Formou o seu grupo en 1920, no que tocaba a gaita, acompañado por Fulgencio de Garabato (gaita), Liñares (caixa chinesa) e José -un criado dos de Xende- (bombo). Á volta da Guerra Civil José enfemou e morreu. O grupo seguiu tocando sen el. Tamén o seu fillo Hermenegildo acabou tocando a gaita.
Os da Fábrica: Foi un grupo atípico, porque xurdiu na vila, no barrio do Recreo. O seu nome viña da fabrica de curtidos que posuía a familia Faya. Os compoñentes eran Chucho do Corveiro e Moncho Faya (gaitas), Genaro Faya (tambor) e Pedro do Carteiro (bombo). Como xa temos dito, vestían traxe tradicional. Só estiveron en activo un par de anos, a principios dos 30, e acabaron entrando na Banda de Música.
Airiños de Buscás: Fundado nos anos 40 por Domingo Calviño (clarinete). Estaba acompañado por Flor da Maquía (gaita), o seu irmán José Mª Ruibal (caixa) e Cesáreo Liñares (bombo). Pouco máis hai que dicir do grupo máis mítico da comarca, os Beatles da música tradicional en Ordes.
Os da Tiopeira: Cuarteto liderado por Santiago dos Murís (gaita) que contou con Cheíño de Gorecho (clarinete), Pedro Boquete (caixa) e Pepe Iglesias (bombo). Tamén participou algunha vez Flor da Maquía substituíndo a Santiago cando este foi ao servizo militar.
Os gaiteiros do Xulio: O nome ven da Casa do Xulio (hoxe "Dona María") na Rúa de Buscás da que eran dous irmáns do grupo. Nel tocaba a gaita Andrés de Pardiñas (da Casa de Pepe de Pilar), que marchou á mili en 1943 e foi substituído por Manolo Viqueira, o gaiteiro de Vilaverde, durante dous anos.
Os da Fraga: Cuarteto creado na Fraga, na Baixa de Ardemil, lugar de nacemento dos irmáns Louro Raposo. Estaba formado por Lourenzo (clarinete), Manuel (gaita), Ricardo (tambor) e Jesús (bombo). A pesar da indiscutible xenialidade de Lourenzo, os problemas co Réxime -eran opositores declarados e pasaron algún tempo no cárcere- impediron que esta formación tivera unha carreira estable.
Os Queixas: Manuel Gende Liste, nacido en Queixas en 1928, fundou o grupo en 1942 con só 14 anos. Naquel primeiro grupo estaba el á gaita acompañado de José Villaverde (clarinete), Emilio Gómez (caixa) e Avelino Rama (bombo).
Os de San Cosmade: Fundado polo gaiteiro Ramón Muiño Bouzas, foi un grupo contemporáneo do anterior, polo que os seus membros tocaban en ambas as dúas formacións.
Os de Buscás: Foi unha especie de grupo alternativo creado por Domingo Calviño en 1945, que se fixo acompañar por Manolo Viqueira á gaita, Andrés do Creto á caixa, e por un rapaz de Pardiñas ao bombo. Outra formación tivo a Lourenzo Louro (clarinete), Manolo Viqueira (gaita), Ramón o Pelado (tambor) e Cesáreo Liñares (bombo).
Os de Carballedo: Grupo encabezado polos irmáns Cancelada. Jesús tocaba o clarinete e Vicente o bombo. Nalgunha ocasión tocou con eles López Bao de Ardemil.
Os de Pereira: Un terceto, grupo pouco habitual, liderado por Eduardo Veiras de Cerdedo (gaita), acompañado por Ramón Rey (caixa) e Rufino de Boquete (bombo).
 
OUTROS GRUPOS
Outras agrupacións foron, Os do Castro de Leira, Os do Tercio de Vilasenín (Leira), Os das Raposeiras da Porta do Nó, Os irmáns López Bao, Os Couto de Reboredo, Os de Guntín, Os da Escaravelleira, Os de Lamaghal...
 
 
OUTROS MÚSICOS DA ZONA NON CITADOS
Andrés das Corredoiras (clarinete)
Pedreira de Carballedo (gaita)
Ramón da Bailía (bombo)
José Torres (tambor) Ardemil
Jesús de Cerceda (caixa)
e moitos máis...
Manuel Miranda (gaita) Abellá
Manuel do Coto (gaita) Ardemil
Couto de Reboredo (gaita)
Ricardo do Río (caixa) Cerceda
José da Casa Grande (caixa) Cerceda

* Nunha ocasión Lourenzo Louro chegou a sacar unha pistola, enfadado porque Os do Xulio lle "pisaban o terreo".   
FONTE PRINCIPAL: Os Viqueiras, CD-libro "Vilaverde".

No hay comentarios:

Publicar un comentario