En xullo de 2021 o Seminario de Onomástica da RAG encabezado polo
filólogo Gonzalo Navaza Blanco
publicou unha obra sobre toponimia onde se pode consultar a orixe do nome dos 93 concellos da
provincia da Coruña. Velaquí a explicación que ofrecen para os da nosa comarca.
CERCEDA
O termo municipal Cerceda creouse en 1836 integrando o territorio das xurisdicións
das Encrobas e de Meirama e a parte máis oriental da de Vilarprego,
pertencentes no Antigo Réxime á provincia da Coruña. A denominación do concello
tomouse do nome da parroquia onde se situou a casa consistorial. Como sucede
noutros concellos rurais galegos, o nome non coincide co de ningún núcleo de
poboación. A capital municipal é O Campo da Feira, parroquia de Cerceda.
Na documentación medieval rexístrase o
topónimo con variedade de grafías: sanctum
Martinum de Serceda, ano 969; dono
huic monasterio de Soandres [...] Sanctum
Martinum de Cerzeda, 1032; en na
eglleia de Zerzeda, 1419. Outros Cerceda galegos documéntanse igualmente
por escrito desde datas moi antigas: sancti
Iacobi de Cerceta, ano 745; ecclesiam
sancta Eulalia de Cerceta, 897; in
Cerceta, 969; sancti Iacobi de
Cerceda, 969; Petrus Romarici de
Cerzeda, 1215; Cerzeda, 1263...
O Nomenclátor de Galicia recolle outras dúas
parroquias chamadas Cerceda nos concellos do Corgo e do Pino; o correspondente
masculino Cercedo dá nome a cinco localidades. É un fitotopónimo; un nome que
fai referencia á vexetación, e procede dun étimo CERCÊTA, variante de QUERCÊTA,
colectivo derivado de quercus
"carballo".
FRADES
O termo municipal de Frades creouse en 1836
en territorio pertencente ás antigas xurisdicións de Folgoso e Mesía, da
provincia de Santiago. Tomou a súa denominación da parroquia onde se estableceu
a casa consistorial: Frades (San Martiño). Como noutros concellos rurais, o
nome non coincide co de ningún dos seus núcleos de poboación. Na actualidade a
sede do consistorio é Cimadevila, na parroquia de Frades.
Coñécense rexistros medievais, mesmo
anteriores ao ano 1000, do nome dalgunhas parroquias de Frades (Gafoi, Galegos,
Céltigos, Ledoira, Papucín...) mais a que motivou o nome do concello no se
documenta por escrito, co complemento "de Frades", ata épocas
tardías. Do uso dese complemento temos exemplos medievais noutras localidades
da contorna (Bila Mayor de Frades, 1446)
pero só rexistramos San Martiño de Frades
no século XVI. Nos censos de Castela dese século figura como San Martino de Frades entre as
freguesías do arciprestado de Barbeiros.
O topónimo que dá nome ao concello contén o
plural do substantivo común frade
"monxe", resultado galego do latín FRATRE "irmán". O
Nomenclátor de Galicia recolle outras tres parroquias do mesmo nome, unha delas
coa mesma advocación de San Martiño, en Mondariz (documentada como S. Martini de Fratribus, século XII) e
dúas con distinta advocación nos concellos da Estrada e de Sarria, ademais de
varios lugares. É un topónimo que se repite noutras áreas do occidente da
Península. Aínda que nalgún caso poida ter orixe nun sobrenome, polo regular o
topónimo ven motivado por unha comunidade monástica que tivo presenza ou
propiedades no lugar ou exerceu señorío nel. Aquí fai referencia aos monxes do
mosteiro de Sobrado.
MESÍA
O termo municipal de Mesía constituíuse en
1836 con once parroquias que no Antigo Réxime pertenceran á xurisdición do
mesmo nome, da provincia de Santiago, máis a parroquia de Cabrui, que
pertencera á xurisdición de Sobrado e á provincia de Betanzos. O nome do
concello mantivo o da vella demarcación e non coincide co de ningún dos seus
núcleos habitados. A casa consistorial mudou varias veces de lugar: desde o
século XIX estivo na Pobra (Bascoi), na Vila (Castro), en Xanceda Vella
(Xanceda) e novamente na Pobra. Desde o ano 1955 a casa consistorial
está en Xanceda, lugar do Campo das Mentiras.
En tanto que dos nomes doutras parroquias do
concello dispoñemos de rexistros escritos desde datas ben antigas (Besantonia, 747, 897; Gruma, 1175; sancto Martino de Cabruno, 1173...), da que dá nome ao concello só
coñecemos atestacións tardías, do século XIV e posteriores, como sobrenome
toponímico: Diago Garzía de Mesía,
escudeyro, 1339; Gonzalo Díaz de Mesía,
1402. En documentos anteriores atopamos Mesía
non como topónimo senón como sobrenome persoal sen preposición: Petrus Missia, 1122; Petrus Arie dictus Messia, 1257; P. Arie dicto Missia, 1260; Petrus Fernandi Missia, 1300; Petrus Fernandi dictus Messia, 1303.
A etimoloxía do topónimo Mesía é controvertida. Tense sinalado unha probable orixe
prerromana e tamén a posibilidade de que garde relación co latín MENSA
"mesa", quizais co valor de "chaira alta", por referencia á
orografía do lugar. Tendo en conta as datas dos rexistros escritos, é verosímil
que o topónimo tivese orixe no alcume duns señores locais, como sucede co que
deu orixe ao nome do concello de Mazaricos. Parece un sobrenome creado a partir
do nome bíblico Mesías
"salvador".
ORDES
O concello de Ordes constituíuse en 1836
integrando parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de
Folgoso e de Mesía, da provincia de Santiago. Recibiu o seu nome do da
parroquia onde se estableceu a casa consistorial.
O topónimo rexístrase como vila d'Ordiis, 1285; santa Maria d'Ordes, 1534, 1555; Ordes, 1566; santa maria D'Ordes, 1578; santa
Maria Dordes, 1612; etc. Teñen o mesmo nome e advocación unha parroquia no
concello coruñes de Toques e outra no ourensán de Rairiz de Veiga. Desta última
coñecense atestacións máis antigas: sancta
Maria de Hordines, 962, 1007; sancta
Maria de Ordines, 1061.
O topónimo foi interpretado como un plural do
substantivo común galego orde (lat.
ORDINE), de aí a forma castelanizada Órdenes, xa nas Memorias del Arzobispado de Santiago (1607), en ocasións coa grafía
Hórdenes (Catastro de Ensenada, 1752). Nos nomenclátores oficiais o concello
figurou tamén como Órdenes desde o de
1842 ata o de 1986.
É topónimo de orixe e significado escuros. A
maior parte dos estudos descartan a relación co substantivo común orde, que, non obstante, parece estar
presente co significado de "orde relixiosa ou militar" no nome da
antiga xurisdición de Terra da Orde, en Friol, e acaso no da parroquia de Ordes
no concello de Toques. Tense proposto tamén para Ordes unha explicación a
partir do latín hordeum ou ordeum "orxo, cebada", pero os
rexistros históricos obrigan a descartala tamén. A opinión máis aceptada na
actualidade considera que os distintos Ordes
galegos son topónimos de orixe prerromana, emparentados con outros coma os
ourensáns Ordelles e Vilar de Ordelles (Ordenelias, 1007; Vilar de
Ordaelias, 1204) ou doutras áreas peninsulares (río Ordiso, Ordesa en
Huesca...) formados a partir dunha raíz indoeuropea *ER- de significado
hidronímico, relativo ás augas.
OROSO
O termo municipal de Oroso creouse con
parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Folgoso e de
Mesía e ao chamado Couto do Deán, na provincia de Santiago. Coma noutros
municipios rurais galegos, non tomou o seu nome da localidade onde se
estableceu a casa consistorial senón do da parroquia. A capital municipal
actual é Sigüeiro.
Dispoñemos de abundantes rexistros do
topónimo desde a Idade Media, que nas súas variantes ofrecen información acerca
da súa orixe e significado: feliglisia
sancti martini de eroso, 1214; sancti
Martini de Heeroso, 1291; Herosso de
Çima e de Fondo na frigresía de san Martino de Herosso, 1402; san Martin Doroso, 1594; san Martino d'Orosso, 1632; Oroso, 1752.
Oroso é un fitotopónimo, un nome de lugar que
fai referencia á vexetación, resultado alternativo de hedroso ou heroso,
correspondente a un étimo HEDEROSUS, derivado de hedra (lat. HEDERA) e designou en orixe un lugar abundante nesas plantas rubideiras.
TORDOIA
O termo municipal, creado a partir do Real
Decreto de 23-07-1835, constituírono parroquias que no Antigo Réxime
pertenceran ás xurisdicións de Vilarprego, Montaos, Xallas e Rus e ao couto
redondo de Arcai, da provincia de Santiago. Recibiu o seu nome do da parroquia
destinada a acoller a casa consistorial, que tivo varias localizacións ata a
actual da Pontepedra, na parroquia de Cabaleiros.
Coñecemos poucos rexistros históricos do
topónimo anteriores ao século XVI: Turduya,
1241; sancto Iohanne de Tordoya,
1272; san Juan de Tordoya, 1519; san Juan de Tordoya, 1553.
Segundo o modelo dun topónio ourensán Mendoia, que se viña interpretando
erradamente como continuación dun Nemetóbriga
da Antigüidade, no século pasado propúxose para Tordoia un étimo céltico
TURODÓBRIGRA, cun significado de "castro do pobo dos Turodos", pero
desde o punto de vista fonético é unha evolución imposible. Hoxe admítese que
Tordoia é efectivamente un nome prerromano pero de probable significado
hidronímico, emparentado con outros topónimos galegos como Tórdea ou Turza, dunha
raíz indoeuropea *TER- "frotar, atravesar", neste caso a partir dun
hipotético étimo *TURDOIA.
TRAZO
O termo municipal de Oroso creouse en 1836
con parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Montaos,
Monzo e Restande e Budiño, da provincia de Santiago. O nome do concello non
coincide co de ningún núcleo de poboación. A sede actual da casa consistorial é
Viaño Pequeno, na parroquia de Campo.
Posuímos rexistros escritos do topónimo desde
o século IX: in Montanos sactum Petrum ad
Venza, sancta Maria in Trazo, 830; in
parrochia sancte Marie de Trazo, 1382; sancte
Marie de Traço, 1382; Gonçalvo de
Traço, 1419; santa María de Trazo,
1521, santa María de Traço, 1607.
Trazo é un topónimo de orixe e
significado descoñecidos, moi probablemente prerromano. Tense suxerido relación
coa mesma raíz oronímica que da orixe ao substantivo común tarelo, que os dicionarios definen como "cotarro, relevo
rochoso" a partir dun étimo hipotético *Taraciu ou *Toraciu. A
igrexa parroquial de Trazo está situada sobre unha elevación que domina o lugar
chamado A Baixa de Trazo.