Desde
abril do ano 2007 Ordes conta cun
roteiro de sendeirismo. O deseño e a sinalización foi obra da asociación ordense
Tarandeira, moi activa naqueles anos.
O
roteiro ten en total uns 15 km
que se poden facer entre 4 e 4 horas e media, sendo a dificultade media. O punto máis baixo está nos 275 metros e o máis alto
nos 427. Esta sería a opción longa.
Para os
menos esforzados hai unha opción curta que ten aproximadamente a metade de
lonxitude (uns 8,15 km)
e dura unhas dúas horas.
Inicia
o roteiro á altura do muíño do Campo da Feira onde está situado un panel
interpretativo que é recomendable consultar. No Paseo do Río Mercurín podemos ver as
aves e outros animais que hai na insua do río. Cando chegamos á ponte de
madeira no lugar que antigamente era un lavadoiro, collemos cara á esquerda (ao
oeste) e seguimos un camiño que nos leva ao castro do Casal. Este é un
antigo asentamento cun diámetro duns 100 metros onde se distingue perfectamente o
parapeto.
Aquí
tomamos o camiño que vai cara a dereita (o norte), cruzando as agras de
Gosende, unha pequena aldea de apenas tres casas.
Deixamos Gosende e seguimos o camiño que atravesa a zona chamada Camposa
da Gándara. Superamos a chamada Casa Barreiro e chegamos ao Alto, o último
lugar da parroquia de Ordes.
Seguimos
andando por un pequeno tramo de pista asfaltada e chegamos á aldea de Mañufe,
xa na parroquia de Mercurín. Alí podemos coller á dereita por unha corredoira
en pendente cara ao río, atravesado por unha ponte de madeira. Volveriamos pola
marxe esquerda ata o inicio, completando a opción curta.
Se
optamos pola opción longa, pasada a última casa de Mañufe, collemos polo camiño
da esquerda e subimos cara ao Seixo. Despois de deixalo atras, imos cara ao
norte subindo, pois do lado dereito do roteiro están os Montes de Mercurín, que
cos seus 428 metros,
son a cota máis alta da zona.
Aí
torcemos cara á dereita (o leste) e achegámonos a Guntín por un tramo de camiño
"enxebre". En Guntín torcemos á esquerda (o norte) e o roteiro
adéntrase na Fraga de Vilar por un carreiro afondado, cheo de vexetación
adaptada á humidade e á falta de luz, que fai deste tramo un dos máis bonitos e
interesantes.
Queda
pouco para o nacemento do Mercurín, que nun lugar encharcado do monte
e, un pouco máis abaixo, con outro manancial preto de Vilar, forman un
regato que xa noutros tempos movía un batán (hoxe desaparecido). Vilar ten unha
soa casa que na antigüidade contou cunha torre e as súas propiedades abranguían
os lugares de Guntín e Tras o Río.
O
roteiro xirou en dirección sur e, despois de pasar preto de Vilar, chegamos á
aldea do Cruceiro. Aquí podemos tomar un refresco ou café na taberna (e
minimercado) do lugar. Tamén poderemos achegarnos e admirar o cruceiro de Mercurín, un dos máis antigos e espectaculares do
concello.
Imos
cara ao sur, pasando pola Casa da Brea, as fermosas fragas de Tras o Río e
bordeando o castro de Mercurín (363 metros de cota). Por esta zona tamén hai
dous muíños en estado de abandono, unha fonte e unha ponte de madeira.
Segue o
roteiro por camiños de carros en dirección sur, sempre pola marxe esquerda do
río, ata que chegamos a Vilaverde. Alí collemos cara á esquerda e tomamos o
camiño do Casal pero só o seu inicio porque apenas a 100 metros collemos á
esquerda e seguimos o Paseo do Río ata o seu inicio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario