Unha vez máis comezo lembrando que estes artigos están destinados a
profanos. Para buscar conceptos complicados e precisión científica debedes picar nas ligazóns
Quizá a
planta máis habitual na comarca é o modesta pero bela Pentaglottis sempervirens, das boraxináceas, abundante nos bordos de camiños, sempre mesturada con outras
herbas e plantas. Coñecida en castelán como buglosa ou lengua de buey.
En portugués en cambio chámanlle olhos-de-gato. En
galego recibe os nomes de borraxa e tamén lingua de boi, pero non é a única especie así denominada,
pois estes nomes son comúns a varias plantas moi similares. O nome
latino pentaglottis vén dos cinco pequenos pétalos azuis das súas bonitas
flores e o de lingua de boi débese ao aspecto rugoso das súas follas, similar á
lingua do devandito animal.
Glandora prostrata a pesar do seu pequeno tamaño é un arbusto e tamén pertence as plantas boraxináceas. En galego é coñecida como carqueixa, herba das doas ou herba das sete sangrías e en castelán como carrasquilla azul. É frecuente vela en zonas onde tamén hai uces.
Tamén da familia das boraxináceas, é a Myosotis scorpioides (en castelán oreja de ratón ou nomeolvides de agua). Como o seu segundo nome indica, ten moita querencia á humidade, así que podémola atopar con facilidade nas marxes dos regatos, prados e lugares similares. Non obstante o pequeno tamaño das súas flores de cor azul celeste normalmente faina pasar inadvertida. No paseo do río Mercurín hai unha boa cantidade. Igualmente da mesma familia podemos atopar á bastante parecida Omphalodes verna (ombliguera en castelán) que ten en inglés o poético nome de Blue-Eyed Mary.
De cor azul moi clara, pero esta vez das plantaxináceas, é a Veronica filiformis, unha especie procedente de Turquía e do Cáucaso e que parece ser a verónica máis común nos arredores de Ordes. En moitos casos comparte terreo coa coñecida (polo menos de nome) pimpinela escarlata (Lysimachia arvensis), que destaca máis polas súas flores -non escarlatas senón de cor laranxa-.
Vinca major, coñecida en castelán como hierba
doncella e en portugués como congoça, congossa ou congonha e un arbusto que se
emprega habitualmente para facer valados nos xardíns pero tamén se pode atopar
silvestre. Destaca pola suavidade das súas follas e por unhas flores de cinco pétalos
(de forma pentagonal) de cor azulada ou púrpura. Moi parecida é a Vinca minor, que, como o seu nome indica, é de menor tamaño.
Jasione montana, botón azul en castelán (en galego tampouco temos un nome mellor), é unha
planta que se pode atopar con certa facilidade en lugares como o paseo do río Mercurín. Inconfundibles as súas flores que poden estar illadas ou en grupos numerosos e ter formas pouco convencionais ata chegar a parecer pequenas esferas.
A abundante violeta, Viola odorata, ten flores (por suposto violetas) de cinco pétalos, pero dous deles erectos e os outros non, fcendo unha figura como de aspa. En Inglaterra danlle apelativos como violeta inglesa, violeta dos bosques ou dulce violeta.
Prunella vulgaris, a brunela, herba do ferro ou das feridas (en castelán consuelda menor) é unha pequena planta medicinal, útil contra as diarreas e para a cauterización das feridas, habitual en lugares húmidos. As súas minúsculas flores teñen unha bonita cor entre azul e violeta e están agrupadas nunha espiga da que van caendo con facilidade. Aínda que poden alcanzar certa altura é máis habitual velas case a ras do solo.
Hyacinthoides non-scripta, jacinto de los bosques en castelán, é unha pequena planta que ten unhas preciosas flores de cor violeta. En inglés denomínase Bluebell -campaíña azul- e son famosas nos bosques do país, ata tal punto que se considerou cuestión de estado a competencia que lle fai outra planta similar, Hyacinthoides hispanica (adiviñade de onde procede).
Nigella damascena, coñecida como luceiros ou barbas de vello (e en castelán como arañuela) e unha planta que se cultiva como ornamental en xardíns, pero é fácil de vela tamén silvestre. Ten unhas preciosas flores cuns sépalos más grandes e bonitos que os pétalos. Por certo que a pesar da súa beleza é unha planta tóxica.
Mentha suaveolens, o mentraste, é unha variante moi frecuente da menta de horta. Ten unhas follas rugosas moi características e ese recendo suave e inconfundible de todas as mentas.
Ata a década dos 60 foi moi frecuente na comarca o cultivo do liño -Linum usitatissimum-, unha planta industrial que se usaba na artesanía téxtil e que ten flores azuladas. Hoxe ese cultivo desapareceu totalmente pero aínda se poden atopar exemplares silvestres illados (por exemplo en Merelle).
Tamén raro é o Lupinus angustifolium (altramuz azul en castelán).
E para os que vos interesen as plantas en xeral (non só as que son máis habituais en Ordes), quí tedes PLANTAS SILVESTRES con flores de cor azulada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario