O curso alto e medio do río Mercurín é un pequeno tesouro para os amantes das construcións
populares. En apenas cinco quilómetros e medio hai na actualidade ata 8 muíños con
distintos graos de conservación. 3 deles están localizados na parroquia de
Mercurín e son dos que se vai falar neste artigo. Os outros 5 xa se sitúan na
parroquia de Ordes. Se vos parecen bastantes, tede en conta que aínda existiron
dous máis (o muíño Vello de Vilaverde e o muíño de Fernanducho onde hoxe está a
rúa do Mediodía) que desapareceron e dos que quedan algúns restos e os recordos dos anciáns.
Segundo o Catastro
del Marqués de La Ensenada no século XVII había en Mercurín 4 muíños,
ningún dos cales pertencía á xente da parroquia. A mediados do XVIII o número
que daba o Diccionario de Madoz era
de só dous. Agora nas marxes do río Mercurín podemos ver tres, 2 en Tras o Río e un en Mañufe.
MUÍÑOS DE TRAS O RÍO
Preto de Tras o Río (Tralorrío en argot
local) localízanse dous muíños a menos de 200 metros entre si. Parece ser que o
máis setentrional era o que usaba a xente do Cruceiro e arredores, mentres os de
Pedre por exemplo moían no que está máis ao sur.
Antes de nada, aviso a navegantes: se algún
insensato pretende achegarse ao primeiro, aconséllolle que leve zapatóns de
combate, grosos e longos pantalóns aos que non lle teña ningún aprecio e unha
fouce ou mellor aínda un gabillo para cortar e apartar a maraña de silvas que
vai atopar. Eu non o tiven en conta e custoume literalmente, sen esaxeración,
sangue, suor e bágoas (estas últimas de frustración).
Tamén sen esaxeración, ata que estiven a uns 5 metros non me decatei da
súa presenza porque está tan cuberto de vexetación que apenas se divisa un
pouco unha das paredes. Así que dificilmente podo ofrecer algún dato máis.
O segundo en cambio está a escasos 20 metros da estrada, así
que podemos achegarnos con bastante dificultade e mesmo entrar nel. Tamén está cuberto pola vexetación pero nun menor
grao. É un pequeno muíño feito de cachotería con tellado a unha auga. A carón da porta podemos ver o pousadoiro para poñer o saco. O
interior está revocado e aínda conserva o pé.
MUÍÑO DE MAÑUFE
Preto do lugar de Mañufe atopamos o terceiro
muíño. Este, a diferencia dos anteriores, é perfectamente visible e accesible.
Está a poucos metros da estrada e só temos que andar por un prado para
achegarnos. O seu estado de conservación non é o mellor porque (en febreiro de
2023) hai unha capa vexetal sobre o tellado. A canle é longa pero está
completamente chea de vexetación.
Non é demasiado grande, uns 5,20 metros por 3,40,
ou sexa menos de 18 metros
cadrados. As paredes son de cachotería e o tellado é a unha auga. O interior
está revocado e conserva non só as pedras senón tamén os elementos de madeira,
o que o fai digno de ser visitado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario