sábado, 9 de marzo de 2019

Festas en 1924

   Ademais da Festa da Árbore Ordes tivo a súa habitual restra de celebracións ao longo do ano 1924.


  No Entroido fixo moi mal tempo así que non houbo moita animación nas rúas, pero si no baile de alta sociedade no salón da Casa consistorial, cedido para a ocasión polo alcalde Julio Pol. Non faltaron as mozas distinguidas como Pilar Astray, Concha, Maruja e Antonia Amigo, Maruja Rapela, Asunción Concheiro, Carmen Blanco, Isabel e Celia del Río Castro, Milagros Sánchez, Maruja e Piedad Carnota, Carmen Mariño, Maura e María Amor Rivas e Lola e Amalia Louro*.

 Na Semana Santa o prato forte foi, como sempre, a procesión do venres, presidida nesta ocasión polo xuíz de 1ª instancia do partido, José Sánchez Guisande, que conducía o Santo Calvario, acompañado do secretario xudicial Augusto Abella Lema e o rexistrador da propiedade  Ramón Astray Mato.

  En xuño tivo lugar a Festa das Flores. La Voz de Galicia dedicoulle o seguinte artigo:
  «Con toda solemnidad se ha verificado el domingo en esta progresiva villa la función que las Hijas de María dedican a su excelsa Patrona todos los años.
  Hubo misa solemne, que fue cantada por un afinado coro femenino, bajo la batuta del inteligente músico D. Gonzalo Pía Felgueira, de Ortigueira, que se halla entre nosotros desempeñando el cargo de segundo jefe de la prisión.
  Predicó el elocuente orador sagrado de la orden de Santo Domingo P. Aguilar, de la residencia de La Coruña, quien hizo acertadísimas observaciones acerca de la importancia del dogma de la Inmaculada.
  Por la tarde, después del ejercicio cotidiano, recitaron escogidas poesías ante el trono de la Virgen las angelicales niñas Encarnación del Río Barros, Olvido Viqueira, Teresa Louro, Serafina y Paca Maestre*, Ángeles y Marina Concheiro; acompañaron: Carmen Verea, Trini Faya, Sara Romero, Blanquita del Río, Josefa Villaverde y Leonor Viaño.
  A continuación salió la procesión por las calles de la villa, habiendo conducido el estandarte el delegado gubernativo, D. José Méndez García, a quien acompañaron las hermosas niñas Carmen Viqueira y Lolita del Río Barros, portando las cintas. Fueron obsequiados por la distinguida señora doña Dolores Pulleiro, esposa del funcionista, con ricas medallas de plata con su estuche.
  Las casas de la villa lucieron colgaduras con lazos azules y blancos.
  La banda de Arca fue la encargada de ejecutar escogidas piezas durante el trayecto.
Y de noche hubo velada en la Alameda, en donde la gente joven se divirtió hasta las doce de la noche.
  Merecen por ello sinceros plácemes las entusiastas jóvenes que componen tal entidad religiosa.»

  As festas patronais foron novamente brillantes. A Comisión contou ese ano co habitual Ezequiel Astray acompañado dos curmáns Juan Amigo Iglesias e Antonio Concheiro xunto con José Mª Varela Rendueles (fillo de Joaquín Varela Tojo, do Pazo do Peñasco). Non faltou iluminación eléctrica, cucañas, xigantes e cabezudos, competicións ciclistas, partidos de fútbol, bailes rexionais e, por suposto, verbenas.

  En setembro houbo un novenario de misas custeado por Pura Rendueles (a muller de Joaquín Varela Tojo) na honra da Virxe de Lourdes coa participación das Fillas de María e do músico Gonzalo Pía. O último día (o 21 de setembro) tivo lugar a función solemne na que eran mordomos Ramón Abeijón Suárez e Manuel Franqueira. Esta vez acompañou a Banda da Garabanxa e pola noite houbo verbena na "Villa Pilar" habitada pola familia de Alejandro Nine.
  O ano rematou cun novenario á Inmaculada.

  Para recadar fondos estaban á orde do día as veladas teatrais no salón da Casa consistorial, interpretadas maioritariamente por "angelicales" nenas da localidade.

  En xullo, a beneficio, da Asociación do Sagrado corazón púxose en escena a comedia "Ay que desgracia tan grande" preparada por Carmen del Río Barros (a filla do mestre Nicolás del Río) e protagonizada por Ángel Mariño, Leandro García*, Alfonso Lea, Angelita Stolle, Teresa Louro e Clotilde Viqueira. Logo Merceditas Bermejo* recitou un monólogo e unhas coplas en galego que gustaron moitísimo ao respetable. Seguiron bonitos cantos populares polos irmáns Antonio e Teresa Louro* e Sofía del Río. Por último un baile chino coas "fermosas nenas" Merceditas Bermejo, Conchita del Río, Tilita e Olvido Viqueira, Sofía, Elena e Luisa del Río Seoane, Lolita lea, Teresa Louro e Angelita Stolle.
   O 10 de agosto no salón da Casa do Concello, cedido polo "entusiasta" delegado gubernativo José Méndez, tivo lugar a representación da obra "Un robo en despoblado". Os actores foron os escolares Antonio e Celestino Concheiro e Jaime Iglesias Romero, o avogado Juan Amigo Iglesias e as señoritas Carmen Pol, Lolita Osorio e Maruja e Claudina Amor. Os decorados estaban feitos polo administrador de Correos Manuel Bernárdez Ojén. Segundo a prensa o público era "selecto". A recadación foi para a Comisión das festas patronais.
  A finais de ano representouse outra obra (en dous actos) que se chamaba "El pan nuestro de cada día" e o elenco estaba composto por Sofía del Río, Clotilde Viqueira, Teresita Castro e Celia Vila (as catro facendo de anxos), Carmen Castro, Elena del Río, Olvido Viqueira (de doncelas), Ángelita Stolle (de señora), Luisa del Río (de mendigo), Concha Castro (de mendiga), Ramón del Río, Javiera Castro (de ladróns) e Leandro García (de demo).
  Rematada a obra, cantaron cuplés (menudo cambio!) Elenita del Río e Leandro García del Río. Por suposto foron moi aplaudidos.
  Tamén houbo varias rifas. Postularon as "bellas señoritas" Pilar Astray, Áurea García, Milagros Sánchez e Sara García.

* Lola, Amalia, Antonio e Teresa Louro eran fillos do entón secretario do Concello Antonio Louro Louro. Lola e Amalia morrerían en 1925. 
Francisca (1914-2011) e Serafina (1916-1997) xunto con Dionisio (1910-1987) e Félix Maestre Elena (1919-2014) eran fillos don entón sarxento da Garda Civil en Ordes Carlos Maestre García (m.1935) e de Julia Elena Cebrián. Francisca e Serafina serían profesoras. 
Áurea, José, Fernando, Leandro, Sara e Teresa García del Río eran fillos do notario asturiano José García Álvarez que morrería ao ano seguinte de accidente de tráfico.
Mercedes Bermejo era filla do farmacéutico de Santiago Ricardo Bermejo Pena, un de tantos veraneantes en Ordes.

domingo, 3 de marzo de 2019

Galiformes e outras aves


  As aves de caza (galiformes) son un grupo moi antigo. O seu corpo é compacto, con peteiro forte, alas pequenas de potentes músculos que lles permiten un rápido despegue pero voos curtos e baixos. As dúas especies da comarca, perdiz e paspallás, son cada vez menos abundantes e non pola caza senón polo descenso das áreas de cultivos -como o trigo- que lles servían de alimento.

  Os colúmbidos (pombas) son aves moi coñecidas dunha plumaxe xeralmente gris, cun po que o individuo ao asearse distribúe uniformemente por el. Varían en tamaño desde os 40 cm de longo e o medio quilo de peso  dun pombo (antes moi medoso, pero agora fácil de ver preto de lugares habitados) ata os 240-50 gramos das rulas.


  O único representante dos cucúlidos na comarca é o cuco, así como a avenoiteira é a única dos caprimúlxidos. Son aves moi coñecidas, o cuco polo seu canto e polo seu costume de poñer os ovos en niño alleo, e a avenoiteira polo mito de son capaces de alimentarse do leite do gando en liberdade, o que lle valeu en castelán o seu nome de "chotacabras".
  Tamén hai unha única especie dos apodiformes (o cirrio ou birrio), dos alcedínidos (o picapeixe) e dos upúpidos ( a bubela), mentres que temos dous representantes dos pícidos, aves que se alimentan peteirando na madeira das árbores.

(Alectoris rufa)
perdiz roja
(Coturnix coturnix)
codorniz
(Columba livia domestica)
paloma
(Columba palumbus)
paloma torcaz
(Streptopelia turtur)
tórtola común
(Streptopelia decaocto)
tórtola turca
(Cuculus canorus)
cuco
(Caprimulgus europaeus)
chotacabras gris
(Apus apus)
vencejo
(Alcedo atthis)
martín pescador
(Upupa epops)
abubilla
(Picus viridis)
pito real
(Dendrocopos major)
pico picapinos

martes, 26 de febrero de 2019

Rúa Rosalía de Castro

  A actual rúa Rosalía de Castro é unha das máis antigas da vila pois ten a súa orixe en 1924, cando era alcalde o farmacéutico Santiago del Río Seoane.

  Santiago, aínda que forasteiro, tiña raíces ordenses: era sobriño de Antonio del Río Castro, xefe político do distrito a finais do século XIX. Pola súa voda en 1912 con Josefina Carballido Pol herdou a farmacia de arriba á morte do seu sogro José Carballido, e tamén era propietario de moito terreo na zona que proviña da familia Pol.
  Xunto con outro forasteiro, o procurador José García Rivas (que o sucedería pouco despois na alcaldía), pagaron do seu peto as expropiacións -claro que moitas pagáronas a si mesmos-. A explanación, que tivo lugar en setembro de 1924, foi realizada polo lagoeiro Jesús Fernández.
  Aínda que a rúa foi concibida antes do golpe de estado de Primo de Rivera, fíxose xa cos militares mandando e tivo unha importante participación nela o delegado gobernativo José Méndez García (que por suposto era militar -capitán de cabalería-). Como era conveniente halagar ao réxime, recibiu o nome de "Calle del Directorio" (aludindo ao Directorio militar), que co tempo quedaría simplemente en "Calle Directorio".


  Non pode dicirse que tivese un éxito inmediato. Máis de 30 anos despois, nunha foto aérea de 1956 podemos ver que gran parte da rúa seguía sen vivendas.
  A finais dos 80 cambiouse o seu nome polo da escritora Rosalía de Castro. En 1996, sufragadas pola Deputación de Coruña, tiveron lugar as obras de canalización, iluminación e construción de novas beirarrúas que lle deron o seu aspecto actual.

domingo, 24 de febrero de 2019

Foot-ball en Ordes

  A finais do século XIX e principios do XX os cambios sociais aceleráronse. Nas cidades galegas había unha cada vez máis vigorosa burguesía aberta a novas modas non só no vestiario senón tamén en diversos costumes que viñan do estranxeiro.
  Abundaban cada vez máis os casinos, as agrupacións de excursionistas, as corais e os cinemas. Tamén os deportes tiveron éxito e aparecen as primeiras carreiras de coches ou de bicicletas e, por suposto, non podía faltar o fútbol (que entón aínda se escribía foot-ball).
  Na primeira década do século XX xorden equipos en Vigo e Coruña que serán o xerme do Celta e o Deportivo. As vilas como Ordes tardan un pouco máis, pero na década dos 20 a maioría xa contaban con equipos que estaban conformados só polos mozos das familias de boa posición, pois ao resto xa lles sobraba o exercicio físico que facían no campo e dedicaban o seu escaso lecer a actividades máis sedentarias como a taberna ou mocear.

  Aínda que moi probablemente xa se xogara algunha outra vez, o primeiro partido en Ordes do que temos constancia (porque apareceu unha reseña no xornal El Ideal Gallego) celebrouse en xullo de 1924. Varios mozos de adiñeiradas familias dividíronse en dous equipos, o "Órdenes F.C." e o "Infantil F.C." (este último, como o seu nome indica, estaba composto de futbolistas de menor idade).
 No Órdenes xogaron: Blanco, Juan Liñares, F. García, Gabino Amor*, Antonio Concheiro, Pol, Fernando Varela, Gumersindo Liñares, Celestino Concheiro, Arturo Viqueira e Manuel Mariño.
  O Infantil estaba composto por: José Concheiro, M. Álvarez, Ramón Faya, Ángel Mariño, Ruiz Louro, Rivas, L. García, Joaquín Varela, J. Viqueira e Luis Liñares.
  O árbitro foi José María Varela* (do que se podía supoñer a súa imparcialidade pois tiña un irmán en cada equipo) e o partido rematou 3-1 a favor do Órdenes. Segundo El Ideal Gallego: "Al partido concurrió un público tan numeroso como distinguido".

   A partir de aquí o fútbol sería habitual, especialmente nas festas patronais onde os partidos converteríanse nunha popular atracción. 
  No Nadal de 1926 temos noticia dun partido que se disputou en Ordes contra o Bergantiños. Os xogadores carballeses xa viñeron acompañados dun pequeno grupo de siareiros que viaxaron nun camión. A victoria foi para os de Carballo por pequena diferencia pero para o xornalista de El Ideal Gallego "El resultado favorable para nuestros simpáticos huéspedes y la escasa diferencia servirán de estímulo para nuevos partidos que se verificarán el año próximo y que servirán de base de unión entre dos pueblos hermanos". Rematado o partido as dúas formacións compartiron unha fraternal cea.
  Nas festas patronais de 1927 os mozos locais vapulearon 7-0 a unha selección de mozos veraneantes. Xogábase nun campo, pomposamente coñecido como "Stadium del Naranjal", que estaba á beira do cemiterio (o que hoxe é a parte sur do cemiterio vello).
  En maio de 1928 perderon un partido contra o Bergantiños por 4-3 onde a aliñación era: Blanco, Juanito, Rapela*, Antonio, Eliseo Neira, Liñares, Antonio Louro, Jurís,  Arturo, Otero e Mundito.
  A finais de 1928 o equipo desfíxose temporalmente, pero volveu recompoñerse en 1929 e seguiu disputando partidos con regularidade e acadando en xeral bos resultados. En agosto xogaron contra un equipo de Santiago, arbitrados por Antonio Concheiro, e empataron 2-2. A aliñación foi: Pepe, Liñares, Tarrio, Celestino, Eliseo, Gerpe, Mundito, Verguez, Arturo, Chucho e Louro.
  Os xogadores máis destacados acostumaban ser Eliseo e Mundito.

* Gabino Amor Rivas (1906-1947) sería recadador de contribucións e esposo da profesora Mª Concepción Carreró Cerecedo Maruja Carreró (1913-2008).
José María Varela Rendueles, fillo de Joaquín Varela Tojo (o propietario do Pazo do Peñasco), sería 12 anos despois o último gobernador civil republicano de Sevilla antes de ser ocupada por Queipo de Llano. O seu irmán Fernando, un dos xogadores, morrería moi novo, cinco anos despois, en 1929.
Jaime Iglesias Romero (m.1977) sería médico na Coruña. Toda a súa familia eran coñecidos como Rapela, o apelido da súa avoa.

viernes, 22 de febrero de 2019

A familia Nine

  A familia Nine procede de Noia, vila onde naceu Miguel Nine Novaes (m.1925). Non obstante a maior parte da súa vida residiu na Estrada (Pontevedra), concretamente no Pazo de Preguecido da parroquia de Aguións. Foi un home importante, de oficio procurador, que militou no Partido Liberal -ala riestrista-, e durante moitos anos (25!) membro da Deputación provincial de Pontevedra da que chegou a ser vicepresidente.
  Casou con Balbina Fraga Vázquez (m.1944), matrimonio que tivo cinco fillas, algunhas de nomes tan rechamantes como Agripina, Argimira ou Melania (ademais de Dolores e Esclavitud) e un fillo varón: Alejandro.

  Alejandro Nine Fraga (m.1937) foi avogado e funcionario xefe de Facenda na cidade da Coruña (e outros traballiños extra como representante da marca de coñac "Marqués del Real Tesoro" para redondear o soldo). Casou en xullo de 1914 con Consuelo Puertas Roa, dunha distinguida familia compostelá.
  Viviron na Rúa Juana de Vega da Coruña pero desde os anos 20 formaron parte da entón ampla comunidade de veraneantes de boa posición que viñan gozar do "salutífero clima de montaña" de Ordes. Primeiro residiron no Recreo nun chalé da familia Liñares pero logo fixeron a súa propia vivenda no que hoxe é Alfonso Senra 144. Esta casa sería logo vendida a José Castro del Río Pepe do Ferreiro. O apego á vila da familia foi tal que, aínda que nacido na Estrada, Alejandro, está soterrado no cemiterio do Piñeiro en Ordes (no panteón dos Concheiro Iglesias) coas súas fillas Consuelo e Josefina.
  Tiveron cinco fillos: Consuelo, Miguel, Mª Teresa, Mª Isabel e Josefina. Consuelo e Teresa foron as que tiveron máis relación con Ordes. Josefina morreu moi nova en 1941.  

Consuelo Nine Puertas* (1915-1999) casou en 1942 con Celestino Concheiro Iglesias (m.1983) co que tivo 3 fillos: Alejandro (n.1943), avogado, Mª Elena (outubro de 1944) e Ángel (n.1951), catedrático de farmacia que vive en Santiago desde a súa adolescencia.
Mª Teresa casou, tamén en 1942, con Joaquín Varela Rendueles (1909-1992), fillo doutro veraneante ilustre na vila, o avogado santiagués -aínda que residente habitual en Madrid- Joaquín Varela Tojo, propietario do Pazo do Peñasco. Durante algún tempo o matrimonio emigrou a Venezuela pero retornaron de novo a Ordes.
Tiveron Tres fillos: Joaquín (n.1943), Mª Teresa (n.1944) que casou en 1962 con Manuel María Concheiro -fillo do banqueiro e empresario Manuel Concheiro-, que son os actuais propietarios do Pazo, e Miguel Varela Nine.

Miguel (m.1989) e Mª Isabel Nine Puertas (m.2008) que tamén traballou en Facenda, viviron na Coruña e apenas tiveron relación con Ordes.

* Oficialmente María de la Consolación Filomena Balbina Catalina Isolina. Non é de estrañar que remataran por chamarlle unicamente Consuelito. 

 

domingo, 17 de febrero de 2019

Visitantes ilustres en 1924

  No ano 1924 Ordes tivo dous importantes visitantes.

  O primeiro foi o arcebispo de Santiago Manuel Lago. O domingo 18 de maio efectuou unha viaxe oficial á Coruña sendo moi aclamado nos lugares de paso.
  En Ordes fixo un breve alto no camiño e foi saudado polas personalidades da vila. O primeiro foi, como non, o párroco don Nemesio Morgade, que encabezaba un grupo duns 20 sacerdotes (os do resto de parroquias do concello e outros de Frades, Mesía, Oroso, Tordoia e Trazo). 

  Estaban tamén o delegado gubernativo, capitán de Cabalería José García Méndez, o xuíz de instrución José Sánchez Guisande, o deputado provincial Manuel Astray Mato e o seu irmán, o avogado e fiscal Ramón Astray, o alcalde Julio Pol Caamaño, os notarios García Álvarez e Borrazás, o xuíz municipal Celestino Amigo e os médicos Concheiro, Castro e Sánchez. Non faltaban tampouco varios mestres (Del Río, Pan, Caamaño e as mestras Menlle, Castro, Platas, García, del Río e Caramelo), as asociacións de "Hijas de María" e do "Sagrado Corazón" e moitas outras "salientes personalidades".
Segundo El Ideal Gallego "el pueblo en masa le tributó una delirante despedida".

  En xullo o visitante ilustre (e por partida dobre) foi nin máis nin menos que o líder do Directorio, o mesmo Miguel Primo de Rivera.
  O 25 de xullo unha parella da Garda Civil trouxo a noticia ... ás 4 da noite! e ás 9 da mañá, con puntualidade militar, xa estaba o visitante, acompañado de Martínez Anido e do gobernador, ás portas da casa consistorial. 

  Recibírono unicamente o agora alcalde Santiago del Río e os concelleiros Jacobo Amor del Río e o mestre don Nicolás. O resto da corporación estaba en Santiago pois non lles chegara a nova da parada en Ordes. Primo de Rivera entrou no salón de sesións e conversou afablemente cos que alí estaban.
  Debeu quedar contento pois recuncou ao día seguinte e aínda máis cedo, ás 8 e media. Esta vez, coa visita máis preparada, xa había un gran arco de triunfo á entrada da casa do concello onde se podía ler: "Viva el Directorio - 13 de Septiembre de 1.923". Tamén había unha banda de música e o salón con mobles que achegaran "respetables damas y señoritas de la alta sociedad".

  Un coro formado por parellas de nenos interpretaron cantigas populares acompañados de pandeiretas e castañolas. Ao parecer gustaron moito a Primo que recibiu deles e doutro grupo de raparigas vestidas co traxe rexional un par de ramos de flores. Tamén recibiu o saúdo dunha comisión de empregados de Facenda e outra de empregados de Aduanas que viñeron da Coruña expresamente para saudalo.

  Na florida prosa do mestre Nicolás del Río para o xornal El Compostelano: "Este pueblo, tan entusiasta del nuevo régimen como el que más, ha tenido la honra de saludar por dos veces al libertador de España con vibrantes aclamaciones que revelaban la satisfacción de sus habitantes reflejada en sus semblantes".

  A finais de xullo de 1925 tivemos a visita (neste caso bastante curta) doutro personaxe moi importante: o nuncio da Súa Santidade Pío XI, Monseñor Federico Tedeschini.

  De camiño para a Coruña, parou brevemente en Ordes, onde o esperaban todas as autoridades locais. A petición do párroco don Nemesio Morgade, entrou na igrexa onde orou breves momentos e posteriormente deu a bendición ao numeroso público presente, moitos dos cales tamén bicaron o seu anel. Logo continuou a súa viaxe á Coruña entre as aclamacións do xentío.

miércoles, 13 de febrero de 2019

O inverno sen fin

  Contrariamente á dura década dos 80, a dos 90 foi bastante suave (apenas un temporal destacable en 1991), pero iso mudou totalmente no cambio simultáneo de século e de milenio. O inverno de 2000-2001 chegaría a ser coñecido como "o inverno sen sol".

  Durante 5 meses (desde outubro do 2000 ata marzo do 2001) chegaron sucesivamente profundas borrascas que descargaron precipitacións entre fortes e moi fortes de forma continuada. Galicia, aínda que é unha terra habituada á choiva, só vira algo parecido no inverno de 1978-1979, máis intenso pero de moita menor duración.

  O inverno do 2000-2001, se ben de temperaturas suaves, foi tan chuvioso que moitos ríos en Galicia non se desbordaron puntualmente senón que practicamente apropiáronse dos terreos lindeiros de forma case permanente. O río Umia, por exemplo, desbordouse... 12 veces! 
  As intensas choivas produciron fenómenos tan inhabituais como que as beiravías e a liña central da N-550 se tinguisen de cor verde polos brións e liques que naceron e medraron nelas. Tamén se rexistrou un aumento de afeccións dermatolóxicas e depresións ligadas ás moitas horas de choiva sufridas (en xaneiro xa pasaban das 600).

  Por se todo isto fose pouco, tamén houbo varios intensos temporais que engadiron vento á auga e que provocaron mortes e numerosos danos materiais.
  A finais de novembro e principios de decembro as choivas xa foron torrenciais provocando un desbordamento xeneralizado dos ríos causado pola suma de precipitacións e a saturación do terreo despois de 8 semanas de recibir cantidades inxentes de auga. O Miño ao seu paso por Ourense capital subiu ... 8 metros por enriba do seu nivel habitual!!! cousa nunca vista na historia.
  O 28 de novembro un guindastre caeu matando a un obreiro e a unha nena de 11 anos. Tamén unha muller de 62 anos morreu ao caerlle encima unha árbore en Sanxenxo. Xaneiro de 2001 viu aumentar o número de mortes cando unha parella de mozos foron arrastrados no seu coche pola riada do río Sar. En Coristanco un home faleceu ao saírse da estrada a causa do mal tempo e dous homes e un neno morreron na costa tragados polo mar.
  Na nosa comarca os ríos tamén se desbordaron de forma contumaz. O lugar máis afectado foi Sigüeiro onde non só o fixo o Tambre senón tamén (e con peores resultados) o pequeno Carboeiro, que mesmo chegou a interromper o tráfico da N-550 o 5 de xaneiro. En Ordes non faltou a habitual enchente no Campo da Feira e houbo que lamentar graves desperfectos sufridos pola ponte de Trabes en Buscás.
  A finais de xaneiro outro temporal ocasionou cortes xeneralizados nas estradas por desprendementos de terras e centos de localidades quedaron sen electricidade.
  Febreiro supuxo un lixeiro alivio na intensidade das precipitacións que regresaron con forza en marzo.
  Por fin, en abril os galegos puidemos ver os primeiros días totalmente despexados e felicitarnos porque unha vez máis se cumprira o refrán: "Nunca choveu que non escampara" (aínda que fose tan tarde esa vez).

  Para acabar velaquí un pequeno e literario artigo de José Luis Alvite sobre aquel inverno.