sábado, 28 de diciembre de 2024

Crime en Vilar de Coucieiro

  O día 18 de xuño de 1959 volveu correr o sangue polas terras do Partido Xudicial de Ordes. Sucedeu en Coucieiro, unha parroquia de Val do Dubra xa na fronteira con Santa Comba. Alí está Vilar, entón unha pequena e perdida aldea con arredor de dez casas.
  O crime cumpriu todas as condicións para ser unha boa novela de misterio pois a vítima era unha persoa moi odiada e había sospeitosos en abundancia.
 
  O drama tiña raíces moi antigas e profundas. A familia Guardado, a máis rica do lugar, posuía unha propiedade pola que pasaba o regato e impedía ao resto dos veciños desvíar unhas augas para rego dos seus prados. Iso provocou liortas continuas. Xa en abril de 1935 Antonio Guardado Lens, que entón tiña 29 anos, e o seu irmán Avelino de 20 golpearon por esta causa ao mozo de 17 anos José Suárez García mandándoo ao hospital. Pouco despois os familiares deste dispararon a Avelino que tamén rematou no hospital. A vinganza foi aínda máis sanguenta. En xuño de 1935 Avelino Guardado Lens disparou e matou a Joaquín Suárez Pena, o pai do mozo, que contaba entón 55 anos e deixou malferida á súa filla Elvira Suárez García. Avelino acabou cunha condena de 12 anos no cárcere de Astorga e tamén foron detidos por complicidade a súa nai Micaela Lens García (que foi absolta no xuizo), os seus irmáns Antonio e María, e a súa tía Generosa Lens.  
 
  En 1959 Antonio Guardado Lens, agora con 53 años de idade, casado sen fillos (pero separado e vivindo con dúas irmás), era o labrador máis rico do lugar. Era mal visto ata o punto de que o alcumaban o Lobo de Vilar. Ademais dos problemas coa auga polos que tiña presentado unha denuncia contra dez veciños, era unha persoa tosca e violenta que se facía acompañar normalmente duns cans agresivos e non tiña inconveniente en encirralos contra aquel que ousase amolalo. E, como vimos, tamén chegou ás mans nalgunha ocasión.
  Pero aquela noite case de verán rematou a súa historia. O venres 19 de xuño nun carreiro do lugar de Agro dos Campos foi atopado o cadáver pola súa irmá Flora.
  Cando chegou a Garda Civil de Santiago e o xuíz de Instrución de Ordes Alfonso de Nasvascués y de Pablos puideron comprobar que a causa da morte eran dous disparos, un no peito e outro na cabeza.
  A investigación foi realmente complicada porque a todos os veciños de Vilar lles caía mal e ningún colaborou nin aportou información, así que nun principio dubidouse de que se chegase a esclarecer o crime. Pero a tenacidade do capitán da Garda Civil Juan Cabezas Rielo deu os seus froitos e finalmente, despois de 9 días de intensas pesquisas, foron descubertos os dous criminais: José Bascuas Blanco e Antonio Castro Méndez.
 

  José Bascuas Blanco o Cuco, un labrador de 48 anos tamén bastante acomodado, fora desde o primeiro momento o principal sospeitoso pois era un dos dez veciños denunciados por Antonio Guardado un ano atrás e nunha pelexa este mallouno con tanta forza e produciulle lesións tan graves que estivo a piques de morrer, debendo permanecer hospitalizado tres meses no sanatorio compostelán de Echeverri. Tiña denunciado a Guardado e ás súas irmás Flora e María, pero o proceso estaba pendente na Audiencia Provincial.
  Desde o momento daquela brutal malleira José Bascuas meditou a súa vinganza, máis aínda cando Guardado o seguía ameazando. Como non se vía capaz de levala a cabo só, parece que lle propuxo participar a varios veciños pero só un deles aceptou.
  Foi Antonio Castro Méndez, un labrador de 42 anos, casado e con 6 fillos, que xa tiña antecedentes de violencia pois na posguerra estivera durante un tempo no monte. El tamén fora agredido nunha ocasión e sufrido mordiscos dos cans de Guardado, mesmo os seus fillos tiveron que soportar algo parecido. Esta situación e as promesas de Bascuas de ofrecerlle entre 50 e 100.000 pesetas polo futuro crime decidírono a participar.
  Castro comprou cos cartos de Bascuas unha escopeta dun só canón calibre 16 en Santa Comba e escondérona na casa deste último. Logo esperaron un tempo prudencial, catro meses, ata ese fatal 18 de xuño.
 
  Antonio Guardado acostumaba saír todas as noites para vixiar e soltar as augas nos seus prados das Tarandeiras. Ía por un carreiro estreito bordeado por un valo nunha zona que chamaban Agro dos Campos e tamén Presa do Cuco. Os dous colegas esperábano detrás dun cambio de rasante agochados na maleza. Sobre as 11 da noite apareceu Guardado. Nese momento Antonio Castro disparoulle un tiro no peito. A vítima agonizante retrocedeu uns nove metros e desplomouse no chan. Como aínda se movía, Castro achegouse ata un par de metros e rematouno dun tiro na cabeza.
  A súa irmá Flora, vendo que non daba regresado, saíu de madrugada a buscalo e atopouno morto. Foi correndo a solicitar a axuda dos veciños. A aldea de Vilar recibiu a noticia cunha mestura de ledicia e preocupación mentres todos comentaban:
-Mataron ao Lobo de Vilar!
  Bascuas non apareceu polo lugar, pero Antonio Castro con moito sangue frío estivo co resto dos veciños que foron curiosear cando chegaron as autoridades e ata axudou a transportar o cadáver enriba dunha escaleira de man.
  O día 27, non obstante, a Garda Civil procedeu á detención dos responsables. Ambos os dous recoñeceron o crime e foron trasladados ao Depósito Municipal de Ordes.
  O xoves 2 de xullo tivo lugar a reconstrución dos feitos. O xuíz de Instrución de Ordes acompañado dos dous acusados custodiados pola Garda Civil viaxou ata o lugar do crime. Alí escenificaron o suceso e, mentres o instigador José Bascuas mantivo sempre un xesto impávido e frío, Antonio Castro, o autor material, desfondouse completamente.
 
  O xuízo tardaría máis dun ano en celebrarse. Comezaría o venres 30 de setembro de 1960 na Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña con moita expectación. Presidiu o tribunal o maxistrado Manuel Lojo Tato. Representou ao Ministerio Fiscal o fiscal xefe da Audiencia Territorial José María Leirado Sacristán e o representante da acusación por parte da familia foi o avogado e ex-alcalde da Coruña Manuel Iglesias Corral. Os acusados optaron por elixir distintos avogados para que os representasen e así Francisco Jiménez de Llano defendeu a José Bascuas e Félix Esquete Usero a Antonio Castro.
  O fiscal repasou os feitos que para el constituían claramente un delito de asasinato calificado pola circunstancia de aleivosía e cos agravantes de premeditación e nocturnidade, por iso pediu a pena de morte e unha indemnización de 200.000 pesetas para os herdeiros da vítima. O acusador privado Iglesias Corral, que non era partidario da pena de morte, pediu unha condena de 30 anos de prisión máis accesorias e costas e que foran declarados socialmente perigosos.
  A estratexia dos avogados defensores foi botar a culpa ao outro acusado. Así Bascuas negou ter participado a pesar de ser atopada a escopeta no seu alpendre e declarou que se enterou da morte porque llo comentou unha veciña. Castro recoñeceu ter comprado a escopeta por indicación de Bascuas e que estivo presente no momento do crime pero que foi Bascuas quen disparou os dous tiros. Logo ofrecéralle 300.000 pesetas por declararse culpable no seu lugar e polo ben da súa numerosa familia aceptara, razón da súa primeira confesión.  
  Deste xeito cada avogado defensor solicitou a absolución do seu cliente por "non ter intervención nos feitos".
  A sentencia aínda se fixo esperar ata xaneiro de 1961 e, como era de esperar, non foi a que pedían os defensores. Bascuas e Castro foron condenados a 30 anos de reclusión maior coas accesorias correspondentes, pago de costas e unha indemnización de 150.000 pesetas aos herdeiros de Antonio Guardado.

miércoles, 25 de diciembre de 2024

Toponimia de Buscás

Buscás: curiosamente o topónimo parroquial é o de máis escuro significado. Só sabemos que antigamente era chamado o "coto de Buyocaz". En castelán antigo caz ten o significado de 'canle' e, dado que hai máis topónimos con este significado na parroquia, podería ter esa orixe hidronímica. Doutra banda, en Dumbría existe Buxantes, lugar que nun documento de 1152 aparece escrito como "Vigilante(s)", referíndose a un antigo  posto de vixilancia. Dada a existencia dunha fortaleza medieval, que ademais estaba nunha marxe do rego do Cubo, é tentadora a hipótese de que o topónimo teña unha orixe similar á de Buxantes significando 'torre de vixilancia'.  
Aneiro: é unha árbore froiteira que un ano produce moito e ao seguinte case nada, ou un terreo no que se alternan cultivos distintos dun ano a outro. Ven da palabra latina ano.
Aruxiña: dado que un aruxo é unha partícula pequeña, especialmente a que cae nos ollos ou nun líquido, podería ser que a Aruxiña fose un lugar cunhas terras finas e cheo de pó en verán. Non obstante a súa situación entre dous regatos faime supoñer unha orixe hidronímica tal vez da palabra prerromana arrugio que, segundo Elixio Rivas, derivou en formas como Araúxo, Aruxo, Aruouxo, Arroxo, Roxo ou Arroio.
 
 
Bouciña: lugar onde están a reitoral e a capela de San Xosé. O seu nome é un diminutivo de bouza, palabra que pode vir do céltico *baudea, e que designa un lugar inculto e cheo de mato (toxo, xestas, uces...).
Canle: ven do latín canale e nomea un cauce artificial para que corra a auga.
Carballedo: outro dos moitos fitotopónimos que teñen ao carballo como protagonista, neste caso cun derivado da palabra prerromana carba e a terminación -edo.
Casavella: aínda que antigamente escribíase coa letra b, claramente o lugar debe o seu nome a que había no lugar unha edificación que tiña moitos anos. Curiosamente na Rúa tamén houbo unha "casa da Bella", pero neste caso era porque a dona procedía da familia Bello de Pereira.
Castenda: abundancial en -eda de castiñeiro. Lugar con moitas destas árbores.
Cernadas: despois de rozar e cavar o monte había que queimar os restos vexetais, xurdiu así o topónimo Cernadas que ven de *(terras) cineratas ou sexa incineradas.
Esmorís: ven dunha vila ou explotación agrícola altomedieval propiedade dun señor chamado Hermericus. Esta *(villa) Ermerici ou Hermerici, en xenitivo latino sería “Vila de Hermerico”. Hermericus é un nome xermánico que, como era costume neles, representaba o que os pais esperaban para o futuro dos seus fillos. Neste caso está formado por dous elementos góticos: *aírmas/aírmins ‘grande, groso, largo’ e *rikaz ‘poderoso’, resultando que Hermericus viría a significar algo como 'Grande poderoso'. O prestixio de Hermerico, o primeiro rei suevo de Galicia, explica a popularidade do nome e por tanto a abundancia deste topónimo en toda Galicia.
Faramilláns: durante o Antigo Réxime foi unha parroquia de seu. Aparece citado como "cautum de Flaminianos" na carta de doación que lle fixo o rei Alfonso VII á Igrexa de Santiago no ano 1124. Flaminiano deriva do nome Flaminius -como o senador Flaminius Priscus (s.III)-, que á súa vez ven de flamen, especie de sacerdote romano.
Gorita: na fala popular unha gorita ou gurita é unha casiña de moi pequenas dimensións (como unha garita). Debe proceder da partícula prerromana *wer- que tiña o significado de 'cerrar, cubrir, protexer'.
Lameiros: o topónimo Lama ven de *lam ‘lama, lodo’, forma que para Menéndez Pidal sería ambro-lígur-iliria. Designa un lugar enchoupado en inverno e por tanto un bo pasteiro en verán.
Margarida: o grego margarites ‘perla’ pasou en latín a dar nome á moi coñecida flor silvestre pola similitude da súa cor. Aquí podería vir dun prado florido ou dunha antiga propietaria do lugar así chamada.
 

Maquía: lugar onde estaba a maquía dos Ruibal. O nome procede do árabe vulgar makila ‘medida’, pois a maquía era orixinalmente a cantidade de gran coa que se quedaba o propietario como cobro da muíñada.     
Monte: do latín monte, lugar inculto e cuberto de herbas, xestas, árbores...
 
 
Pereira e Pereiro: a palabra latina pira ‘pera’ debe estar na orixe dos dous topónimos. Se ben Pereiro nalgúns lugares de Galicia pode vir de *petrariu ‘lugar pedroso’, e aquí podería ser o tamén o caso.
Pumariño: o nome deste lugar, fogar da familia Figueira, é unha variante de pomariño, que ven de pomar ‘terreo no que hai plantadas maceiras’, derivado da palabra latina poma ‘froito comestible, mazá’.
Pombas: do latín palumba ‘pombo, ave silvestre’ (os romanos chamaban á pomba doméstica columba, pero tanto en galego como en castelán a primeira forma foi a exitosa).
Ponte: ven da palabra latina ponte.
Quenllo: variante de quenlla ou sexa ‘canle que conduce auga’ pero tamén pode ser ‘camiño esgrevio, angosto e pendente’. Quenlla ven do latín canilicula e esta, á súa vez, de canale ‘canal, canle’. Por certo que A Canle e O Quenllo están bastante próximos.
Ramos: do latin ramu. Indica un lugar onde había moita follaxe.
Rúa: en latín unha [via] ruga era a que estaba situada no interior dunha vila ou cidade. Aquí non é o caso, pero rudus era unha das capas que tiñan as calzadas romanas polo que é un topónimo obviamente relacionado co Camiño Inglés que a atravesa.
Tiopeira: a palabra latina talpa deu toupa en galego. Non obstante na comarca de Ordes existen as variantes topia e tiopa. De aí ven Tiopeira que significa toupeira ‘montículo de terra que estes animais sacan ao exterior cando excavan as galerías’, ben porque había moitas ou por que a forma do lugar lle recordase iso a quen o nomeou.
Trabes: o topónimo Traba (do latín tabula = 'táboa') ven significando 'lugar chan coma unha táboa'. Quizais sexa aquí o caso, pero dado que trabe tamén é un madeiro longo e groso para usar no teito dunha edificación, podería igualmente aludir a que houbo un bosque no lugar (de feito haino aínda) de onde se sacara madeira para a construción. Recordemos que Trabes foi fogar da familia Ruibal, moi relacionada con este oficio. 
Uzás: a uz (do latín ulice) é a orixe deste nome e tamén de Uzal, outro topónimo e apelido moi frecuente.
Verdeal: nome que deriva da palabra verde (do latín viride) e que indica un lugar con moita vexetación e por tanto de cor verde.
Vilariño: diminutivo de vilar, do latín villare (á súa vez derivado de villa), que denomina unha aldeíña moi pequena. Vilar é un dos topónimos máis repetidos en toda Galicia.

lunes, 23 de diciembre de 2024

Festas de 2008


   O maior cambio que viviu Ordes no ano 2008 foi a ampliación da Alameda. A explicación oficial foi que con ese aumento de tamaño (uns 1.280 metros cadrados máis) sería unha "gran área de ocio" onde poder colocar os palcos das orquestras e así evitar os cortes de tráfico que as festas provocaban ata ese momento*.
  As obras empezaron en maio cando se derrubaron os antigos comercios que había debaixo da vella alameda e se procedeu a eliminar o antigo pavimento de formigón, minucias que custaron 36.000 euros.
  Vistos outros malos antecedentes, o pobo empezou a temer que as súas festas tiveran que ser celebradas noutro lugar, pero o alcalde Manuel Regos e o seu concelleiro de Urbanismo Roberto González non estaban dispostos a que iso sucedese. En xullo gastaron outros 166.000 euros para rematar os traballos de cimentación e xa só faltaban as placas e repoñer as barandillas.
  O 9 de agosto as vallas foron retiradas e a xente puido pasear por esa nova alameda. Ao día seguinte sería o "bautizo" oficial celebrando o Día da Muiñeira.
 
  As festas eran moi importantes para o alcalde Regos porque as anteriores lle chegaran "dadas" pola antiga corporación e foran bastante mediocres, así que as do 2008 viñan sendo as primeiras reais do seu mandato e como dicían antigamente non escatimou ningún medio ao seu alcance -lease cartos- para asegurar o éxito.
  O xoves 14 actuaron Bahía Blanca e Panorama. Na Santa María, o día grande, ademais da Banda de Música das Pontes e os gaiteiros ordenses Os Viqueiras, tocaron a orquestra Emperadores e Olympus. Non faltou unha espectacular sesión de fogos de artificio. O sábado 16, San Roque e día do Emigrante, o presidente do Centro Gallego de Buenos Aires José Luis Durán Rivas foi homenaxeado cunha placa conmemorativa. Repetiron Viqueiras e banda e nesta ocasión as orquestras foron Nueva Generación e París de Noya.
  Por se non abondara con traer as tres agrupacións máis populares e caras de Galicia, o gran broche final foi a actuación da orquestra Suavecito e das estrelas Marlene Mourreau e David Civera, nunha gala presentada pola televisiva Carmen Chao o domingo 17. Unhas 10.000 persoas asistiron ao evento e gozaron vendo a Marlene (oíndoa non tanto) e ao entón moi popular cantante turolense.
 

  Segundo Regos, case 50.000 persoas acudiron ás festas. Dado que o tempo axudou e non houbo incidentes de consideración, o balance tiña que ser á forza moi positivo. Tamén aproveitou para felicitar ás forzas públicas de seguridade polo seu traballo.
  Quedaba agora concluír as obras que chegaron á mareante cifra de 728.000 (sobre todo polos resultados que ofreceron), ainda que unha porcentaxe do 27 % sería aportado pola Deputación coruñesa, segundo un convenio de colaboración asinado polo seu presidente Salvador Fernández Moreda e o alcalde Regos.
  Vítima colateral desa orxía de obras foi unha pequena fonte circular que había na rúa do Mediodía. Esa "Fonte dos cabaliños" ou "Pequena Cibeles" porque algúns rapaces ían alí celebrar os éxitos deportivos dos seus clubs, desapareceu ese ano 2008.
 
* Spoiler: como todos sabemos, o tráfico segue cortado nas festas xa que os grandes palcos das orquestras póñense na estrada, e realmente porque ninguén quere (por seguridade ou interese económico) que non se corte.
  É verdade que nos baixos da Alameda está agora a biblioteca municipal e outras institucións, pero a costa de perder un aparcadoiro moi útil e de que unha pequena e bonita praza sexa agora máis grande e máis froxa. Na miña opinión foi un gasto innecesario, máis incomprensible aínda polo momento de crise que comezaba a vivir o país. 

jueves, 19 de diciembre de 2024

Morte en Rodís

   1959 engadiu un par de sucesos máis á crónica negra da comarca.
  A primeira destas mortes tivo lugar na Carballeira, un pequeno lugar que a pesar de estar só un quilómetro ao norte da igrexa de Santa Comba de Xesteda pertence á parroquia de Rodís, tamén no concello de Cerceda.
  A vítima foi Gregorio Pereiro Liste, un home de 70 anos de idade, e a causa foron as habituais desavinzas por cuestión de lindes que tiña co seu veciño Manuel Bello González, de 42 anos e casado.
  Ambos os dous mantiñan frecuentes discusións por unha cancilla que estaba situada entre as súas leiras. Gregorio obstinábase en colocar as pedras da cancilla nun lugar que Manuel consideraba da súa propiedade.
  O día 4 de xuño de 1959 habería problemas unha vez máis, pero esta vez sería a última. Manuel esperou a Gregorio ás 6 da mañá e como de costume volveron discutir. Remataron chegando ás mans. Manuel agarrou unha das pedras e golpeou con forza ao seu veciño machucándolle a cabeza.
  Como consecuencia das graves feridas recibidas Gregorio Pereiro faleceu unhas 5 horas despois. O arrepentido homicida apresurouse a presentarse no Xulgado de Instrución de Ordes en cuxo Depósito Xudicial quedou ingresado.
  O xuízo tivo lugar en maio de 1960 na Sección Segunda da Audiencia Provincial, integrada polos maxistrados Manuel Lojo Tato, Francisco García Vázquez e Fernando Roldán Martínez. Exerceu a acusación pública o fiscal-xefe da Audiencia José Mª Leirado Sacristán e a defensa estivo a cargo do avogado Manuel Gila Lamela.
  A pesar de que a noticia saíu nos xornais La Noche e El Correo Gallego, ningún dos dous precisou cal foi a condena de Manuel.
 
  Apenas 15 días despois tería lugar o mediático crime de Vilar en Coucieiro, unha das máis apartadas parroquias de Val do Dubra, pero esta será outra historia.

domingo, 15 de diciembre de 2024

Paseando por Vilamaior

  Hoxe serei eu, en vez de Cristóbal Ramírez, quen propoña un roteiro pequeno, fácil e cun par de puntos moi interesantes polo centro da parroquia de Vilamaior.
 
 
  Desde Ordes conducimos pola AC-524 uns 6 km ata case o Peñasco onde xiramos á esquerda. Outros 3 km máis e chegaremos ao Bar Pedro, que pode considerarse o centro social da parroquia de Vilamaior.
 

  Aquí aparcamos o coche e comezaremos o noso paseo. Indo cara ao norte a escasos 350 metros, atopamos xa o punto de maior interese: a igrexa de Santiago. Unha das súas particularidades é que ten un campanario separado da igrexa, e conta ademais cunha escaleira que nos permite subir a el, se non temos medo. Así non só podemos admirar mellor o aspecto exterior da igrexa senón ter unha excelente vista das fermosas terras do oriente de Vilamaior e do occidente da parroquia de Olas (Mesía). Ademais do cemiterio, sempre interesante para os que gusten curiosear sobre apelidos familiares e lápidas máis ou menos artísticas, unha vella reitoral e un hórreo grande pero en estado ruinoso completan o contorno da igrexa.
 
 
  A poucos metros hai un ramal da estrada que vai cara á Pedreira. Ao principio e a esquerda podemos ver o cruceiro de Vilamaior. Non é ningunha marabilla, de cor gris escura porque está feito integramente de formigón, só destaca pola súa gran altura potenciada ademais coa forte pendente do terreo. Con todo, os veciños téñenlle moito agarimo e montaron un gran cirio hai algo máis de vinte anos cando pensaban que podían quedarse sen el. Por detrás hai unha fermosa castiñeira con exemplares aínda bastante novos e un hórreo tradicional que viviu mellores días.
  Damos marcha atrás e collemos polo ramal que nos leva ao Campo do Sino, nome que alude á campá da igrexa. É unha aldea que conta con algunhas casas bonitas e ben restauradas. Mirando á nosa dereita está o Coto da Pena coa castiñeira que mencionei antes.
  Despois da última casa que ten un banco de metal para tomar o sol (e un can moi entusiasta) chegamos á intersección que nos leva ao Coto. Se decidimos collela, en poucos pasos estamos nesta aldea. Aquí hai unha casa vermella cun curioso reloxo -non real- enriba da porta e outra cun valado adornado con multitude de pequenas pedras de seixo que debe ser fácil de atopar pola zona. Pasamos logo por un estreito e bonito túnel de vexetación onde se ven loureiros reais e acacias negras e xa rematamos co asfalto.
  O camiño agora é unha pista forestal en descenso que despois dunha curva nos leva ao segundo punto de interese: a capela do Socorro e a aberta carballeira onde está situada, preto do regato Buxán. Aquí celebran unha popular festa os veciños na honra da súa Virxe. É un lugar ideal para repousar un pouco e se levamos nenos deixalos xogar.
 

  Continuamos logo pola pista, agora cunha curta pero empinada subida, e na primeira intersección collemos á dereita. Aos poucos oímos o fragor dos coches que circulan pola autoestrada, logo vemos leiras e casas. Remata a corredoira e volvemos ao asfalto da estrada que une o centro da parroquia co lonxano núcleo de Adrán. Aquí collemos á dereita e vemos unhas poucas casas e unha marquesiña azul non lonxe dun letreiro que indica "Casa do Monte". Pouco despois, outro par de casas e xa estamos no Porto. Quedan máis de 600 metros entre prados ou bosques. Volvemos a cruzar o regato Buxán e a estrada empina fortemente ata chegar ao Campo do Sino.

 
Pero esta vez, xusto a carón do letreiro, seguimos recto e imos agora cara ao Castro. Por esta pista vemos a uns 100 metros á nosa esquerda a igrexa e á dereita un imponente muro de grosa cachotería cun arco de triunfo central que delimita a extensa parcela dun afortunado propietario. O Castro é unha pequena aldea con casas tradicionais e algunha máis moderna. Por esta zona estaba o castro de Vilamaior do que se rescataron hai anos dous anacos dun muíño de man, dous fusos e fragmentos cerámicos. Na actualidade o único resto que queda e o nome.
  Chegados á intersección coa estrada vemos a pista onde os nenos e mozos da parroquia poden xogar ao fútbol ou ao tenis (mesmo eu teño xogado alí!) e, agora prestando atención ao tráfico, volvemos á esquerda ata o Bar Pedro onde remata a nosa andaina.
 
Este roteiro, ademais de bonito e relaxante, engade un atractivo máis. Non é infrecuente que poidamos ver nos prados do lugar unha ou dúas cegoñas, pois hai unha parella (polo menos) que aniña pola zona.
 
 
  Este paseo, sinxelo e de escasa dificultade, ten pouco máis de 3,5 km. Pero se a algúns se lles fai algo curto, pódeno alongar pasando pola Cesteña ou seguindo durante máis tempo a pista forestal que bordea o río Castrexo.

sábado, 14 de diciembre de 2024

O ano 1959

 
En 1959 o home do ano foi Fidel Castro pois o 1 de xaneiro triunfou a Revolución cubana contra a ditadura de Fulgencio Batista. Os USA, que en xaneiro incorporaron a Alaska como 49º estado e en agosto como 50º a Hawai, recoñeceron ao novo goberno o día 7, antes incluso de que entraran os revolucionarios en La Habana.
Pero a inicial simpatía pronto se transformaría en preocupación pola súa deriva comunista. A inestabilidade aumentou na zona: o presidente Frondizi de Arxentina enfrontou duras folgas, os castristas invadiron Panamá en abril e houbo unha revolta en Nicaragua contra o ditador Anastasio Somoza. Só Venezuela con Rómulo Betancourt iniciaba un periodo de esplendor.
  En Asia as cousas non pintaban mellor co exército de Vietnam do Norte entrando en Laos e China invadindo o Tíbet, facendo fuxir ao Dalai Lama. Tamén aquí había unha excepción na India onde Indira Gandhi, filla do primeiro ministro Jawaharlal Nehru era nomeada presidenta do seu partido.
 
  En Europa tivo lugar o Concilio Vaticano II que cambiaría á Igrexa Católica, adaptándoa aos novos tempos. De Gaulle tomou a presidencia da V República, Aldo Moro comezaba a liderar a Democracia Cristiana italiana e naceu Chipre como país independente.
  1959 foi o ano no "que morreu a música" pois o 3 de febreiro nun accidente de avión faleceron os cantantes Buddy Holly, Ritchie Valens e The Big Bopper. Aínda así houbo fenomenais cancións e impresionantes películas. Tamén apareceron iconos como a boneca Barbie, a mítica serie Bonanza e a primeira aventura de Astérix na revista Pilote. O libro máis destacado foi "O tambor de folla de lata" de Günter Grass.
 
  España en 1959 viviu dous momentos de enorme triunfo para o franquismo (ambos os dous transmitidos en directo pola novata TVE): a inauguración o 1 de abril -20 anos despois do final da guerra civil- do Val dos Caídos e a breve visita a Madrid do xeneral Eisenhower presidente dos Estados Unidos o 21 e 22 de decembro, símbolo do novo status internacional da ditadura de Franco.
 
 
  Pero realmente o acontecemento máis importante do ano tivo lugar o 21 de xullo e foi o decreto 10/1959 "Nueva Ordenación Económica" ou sexa o Plan de Estabilización. España cunha inflación desbocada, un déficit enorme na balanza de pagos e coas reservas de divisas esgotadas estivera ao bordo da bancarrota e a conseguinte suspensión de pagos. Os tecnócratas do Opus no goberno desde 1957 lograron convencer aos xerarcas do Réxime e especialmente a Franco -titánica tarefa- para cambiar o modelo económico: abandonar as regulacións autárquicas, liberalizar o mercado e -a medida máis dolorosa- devaluar a moeda (o famoso cambio 1 dolar = 60 pesetas). Así o FMI e a OECE asesoraron ao goberno e proporcionaron os créditos que permitiron eludir a bancarrota.
  Outras noticias daquel ano foron o desastre de Ribadelago (Zamora) onde rebentou a presa dun encoro e morreron 150 persoas e o redescubrimento da cova de Nerja con pinturas de hai 40.000 anos.
  No ámbito da cultura 1959 foi o ano dunha das radionovelas de máis éxito, Ama Rosa, da canción Un telegrama e de películas como El baile, Carmen la de Ronda, Los chicos, El Lazarillo de Tormes, Molokai, Quince bajo la lona ou Los tramposos.
  Galicia seguía indo lentamente para arriba e contemplou os comezos de COREN. Tivo lugar a rodaxe de La casa de la Troya do director Rafael Gil con Arturo Fernández e Ana Esmeralda, e saíu o 1º dos 4 números da revista "Vieiros". En Venezuela fundouse o DRIL, formado por exiliados españois (principalmente galegos) e portugueses.
 
En Ordes non houbo acontecementos demasiado destacados. Comezou a construción do edificio do Frente de Juventudes e o asfaltado da estrada á estación da Pontraga, ademais de ser inauguradas varias escolas. Ese ano saíu do cárcere Pedro do Serrador.
XANEIRO: Morreu Manuel Mosquera Villaverde da Fonte Estrei.
FEBREIRO: Na película de Rafael Gil "La casa de la Troya" rodouse a escena do roubo dos chourizos, pero non no Mesón do Vento senón preto da Coruña. Ramón Sánchez Couto ía ampliar a instalación eléctrica en Vilamaior para iluminar O Peñasco, Carballedo, Ameixeira, Armada, Ramil e Fondo de Aldea.
MARZO: Morreron María Mosquera Villaverde aos 63 anos e un camioneiro compostelán de 40 anos por unha indisposición repentina.
ABRIL: Voda de Teresa Marcos con José González o día 11. Despois dun violento Fabril-Ordes castigados con 4 partidos por agresión os xogadores ordenses Manuel Salorio Arenas e Enrique Carretero Pena e o club cunha multa de 800 pesetas (tamén houbos castigos para algún fabrilista).
MAIO: Visita do cardeal Quiroga Palacios para presidir unha reunión post-misional.
XUÑO: Morreron Leonor Bao aos 51 anos en Poulo e o párroco de Parada e Numide don Jesús Sánchez Verdeal aos 54. Tamén faceleu en Madrid o compostelán José Sánchez Guisande, xuíz de Ordes nos anos 20. Homicidio en Rodís (Cerceda) e crime en Vilar (Val do Dubra).
XULLO: O día 22 o Gobernador Civil Evaristo Martín Freire inaugurou a escola de Parada en terreos donados por del Valle, un lavadoiro no Mesón, outro en Sar e un par de fontes. Logo en Val do Dubra inauguraría tamén a nova Casa Consistorial. Pedida de man de Carmiña Veiga (filla de Antonio Veiga Valiño) para Miguel González.
AGOSTO: Veraneou en Ordes o director do Banco de España en Burgos Enrique Sánchez Marín. Actuación do TEU da Facultade de Dereito de Madrid. Voda de María José Castro Pardo con Miguel García Morales. Morreu Josefa Carballido Noya aos 40 anos.
SETEMBRO: Solta de pombas mensaxeiras por afeccionados vigueses. Moi mal mes en Buscás: morreron Jesús Moar Veiras, Francisca Castro Franqueira aos 59 anos e José Moar Prado aos 73. En Ordes morreu nun accidente de moto Pedro Graña Faya aos 37 anos.
OUTUBRO: En Caracas voda de Juan Ferreiro e Mercedes Boquete Candal. Faleceu en Beán Jesusa Patiño Sánchez, 2ª esposa de Jacobo Nouche Pena.
NOVEMBRO: Nomeado rexistrador da Propiedade Enrique Cid Harguindey.
DECEMBRO: A familia Liñares vendía "casa en lo más céntrico de Órdenes con ultramarinos, ferretería, fábrica de chocolates, cine y huerto". Había que chamar ao teléfono 38. O día 5 morreu no Mesón do Vento Clotilde Vázquez Pedreira, viúva de Antonio Ramos, propietaria da antiga casa de postas.