Buscás: curiosamente o topónimo parroquial é o de máis
escuro significado. Só sabemos que antigamente era chamado o "coto de Buyocaz".
En castelán antigo caz ten o
significado de 'canle' e, dado que hai
máis topónimos con este significado na parroquia, podería ter esa orixe
hidronímica. Doutra banda, en Dumbría existe Buxantes, lugar que nun documento
de 1152 aparece escrito como "Vigilante(s)", referíndose a un antigo posto de vixilancia. Dada a existencia dunha
fortaleza medieval, que ademais estaba nunha marxe do rego do Cubo, é tentadora
a hipótese de que o topónimo teña unha orixe similar á de Buxantes significando
'torre de vixilancia'.
Aneiro: é unha árbore froiteira que un ano produce moito e ao seguinte case
nada, ou un terreo no que se alternan cultivos distintos dun ano a outro. Ven
da palabra latina ano.
Aruxiña: dado que un aruxo
é unha partícula pequeña, especialmente a que cae nos ollos ou nun líquido,
podería ser que a Aruxiña fose un lugar cunhas terras finas e cheo de pó
en verán. Non obstante a súa situación entre dous regatos faime supoñer unha orixe hidronímica tal vez da palabra prerromana arrugio que, segundo Elixio Rivas, derivou en formas como Araúxo, Aruxo, Aruouxo, Arroxo, Roxo ou Arroio.
Bouciña: lugar onde están a reitoral e a capela de San Xosé. O seu nome é un diminutivo
de bouza, palabra que pode vir do céltico *baudea,
e que designa un lugar inculto e cheo de mato (toxo, xestas, uces...).
Canle: ven do latín canale e nomea
un cauce artificial para que corra a auga.
Carballedo: outro dos moitos
fitotopónimos que teñen ao carballo como protagonista, neste caso cun derivado
da palabra prerromana carba e a
terminación -edo.
Casavella: aínda que
antigamente escribíase coa letra b, claramente o lugar debe o seu nome a que
había no lugar unha edificación que tiña moitos anos. Curiosamente na Rúa tamén
houbo unha "casa da Bella", pero neste caso era porque a dona
procedía da familia Bello de Pereira.
Castenda: abundancial en -eda de castiñeiro. Lugar con moitas destas árbores.
Cernadas: despois de rozar e cavar o monte había que queimar os restos vexetais,
xurdiu así o topónimo Cernadas que ven de *(terras)
cineratas ou sexa incineradas.
Esmorís: ven dunha vila ou explotación agrícola altomedieval propiedade dun
señor chamado Hermericus.
Esta *(villa) Ermerici ou Hermerici, en xenitivo latino sería
“Vila de Hermerico”. Hermericus é un nome xermánico que, como era costume
neles, representaba o que os pais esperaban para o futuro dos seus fillos.
Neste caso está formado por dous elementos góticos: *aírmas/aírmins
‘grande, groso, largo’ e *rikaz ‘poderoso’, resultando que Hermericus
viría a significar algo como 'Grande poderoso'. O prestixio de Hermerico,
o primeiro rei suevo de Galicia, explica a popularidade do nome e por tanto a
abundancia deste topónimo en toda Galicia.
Faramilláns: durante o Antigo Réxime foi unha parroquia de seu.
Aparece citado como "cautum de Flaminianos" na carta de
doación que lle fixo o rei Alfonso
VII á Igrexa de Santiago no ano 1124. Flaminiano deriva
do nome Flaminius -como o senador Flaminius Priscus (s.III)-, que á súa vez ven
de flamen, especie de sacerdote romano.
Gorita: na fala popular
unha gorita ou gurita é unha casiña de moi pequenas dimensións (como unha
garita). Debe proceder da partícula prerromana *wer- que tiña o significado de 'cerrar, cubrir, protexer'.
Lameiros: o topónimo Lama ven de *lam
‘lama, lodo’, forma que para Menéndez Pidal sería ambro-lígur-iliria. Designa un lugar enchoupado en inverno e por tanto un
bo pasteiro en verán.
Margarida: o grego margarites ‘perla’ pasou en latín a dar
nome á moi coñecida flor silvestre pola similitude da súa cor. Aquí podería vir
dun prado florido ou dunha antiga propietaria do lugar así chamada.
Maquía: lugar onde
estaba a maquía dos Ruibal. O nome procede do árabe vulgar makila ‘medida’, pois a maquía era orixinalmente a cantidade de
gran coa que se quedaba o propietario como cobro da muíñada.
Monte: do latín monte, lugar inculto e cuberto de
herbas, xestas, árbores...
Pereira e Pereiro: a palabra latina pira ‘pera’ debe estar na orixe dos dous
topónimos. Se ben Pereiro nalgúns lugares de Galicia pode vir de *petrariu ‘lugar pedroso’, e aquí podería ser o tamén o caso.
Pumariño: o nome deste lugar, fogar da familia Figueira, é unha variante de pomariño, que ven de pomar ‘terreo no que hai plantadas
maceiras’, derivado da palabra latina poma
‘froito comestible, mazá’.
Pombas: do latín palumba ‘pombo, ave
silvestre’ (os romanos chamaban á pomba doméstica columba, pero tanto en galego como en castelán a primeira forma foi
a exitosa).
Ponte: ven da palabra
latina ponte.
Quenllo: variante de
quenlla ou sexa ‘canle que conduce auga’ pero tamén pode ser ‘camiño esgrevio,
angosto e pendente’. Quenlla ven do latín canilicula
e esta, á súa vez, de canale ‘canal,
canle’. Por certo que A Canle e O Quenllo están bastante próximos.
Ramos: do latin ramu. Indica un lugar onde había
moita follaxe.
Rúa: en latín unha [via] ruga era a que
estaba situada no interior dunha vila ou cidade. Aquí non é o caso, pero rudus
era unha das capas que tiñan as calzadas romanas polo que é un topónimo
obviamente relacionado co Camiño Inglés que a atravesa.
Tiopeira: a palabra latina talpa deu
toupa en galego. Non obstante na comarca de Ordes existen as variantes topia e
tiopa. De aí ven Tiopeira que significa toupeira ‘montículo de terra que estes
animais sacan ao exterior cando excavan as galerías’, ben porque había moitas
ou por que a forma do lugar lle recordase iso a quen o nomeou.
Trabes: o topónimo Traba
(do latín tabula = 'táboa') ven
significando 'lugar chan coma unha táboa'. Quizais sexa aquí o caso, pero dado
que trabe tamén é un madeiro longo e groso para usar no teito dunha
edificación, podería igualmente aludir a que houbo un bosque no lugar (de feito
haino aínda) de onde se sacara madeira para a construción. Recordemos que
Trabes foi fogar da familia Ruibal, moi relacionada con este oficio.
Uzás: a uz (do latín ulice) é a orixe deste nome e tamén de
Uzal, outro topónimo e apelido moi frecuente.
Verdeal: nome que deriva
da palabra verde (do latín viride) e
que indica un lugar con moita vexetación e por tanto de cor verde.
Vilariño: diminutivo de
vilar, do latín villare (á súa vez
derivado de villa), que denomina unha
aldeíña moi pequena. Vilar é un dos topónimos máis repetidos en toda Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario