1959
engadiu un par de sucesos máis á crónica negra da comarca.
A primeira destas mortes tivo lugar na
Carballeira, un pequeno lugar que a pesar de estar só un quilómetro ao norte da
igrexa de Santa Comba de Xesteda pertence á parroquia de Rodís, tamén no concello de
Cerceda.
A vítima foi Gregorio Pereiro Liste, un home
de 70 anos de idade, e a causa foron as habituais desavinzas por cuestión de
lindes que tiña co seu veciño Manuel Bello González, de 42 anos e casado.
Ambos os dous mantiñan frecuentes discusións
por unha cancilla que estaba situada entre as súas leiras. Gregorio obstinábase
en colocar as pedras da cancilla nun lugar que Manuel consideraba da súa
propiedade.
O día 4 de xuño de 1959 habería problemas unha vez máis, pero esta vez sería a
última. Manuel esperou a Gregorio ás 6 da mañá e como de costume volveron discutir. Remataron chegando ás mans. Manuel agarrou unha das pedras e golpeou con forza ao seu veciño machucándolle a cabeza.
Como consecuencia das graves feridas
recibidas Gregorio Pereiro faleceu unhas 5 horas despois. O arrepentido homicida
apresurouse a presentarse no Xulgado de Instrución de Ordes en cuxo Depósito
Xudicial quedou ingresado.
O xuízo tivo lugar en maio de 1960 na Sección Segunda da Audiencia Provincial, integrada
polos maxistrados Manuel Lojo Tato, Francisco García Vázquez e Fernando Roldán
Martínez. Exerceu a acusación pública o fiscal-xefe da Audiencia José Mª
Leirado Sacristán e a defensa estivo a cargo do avogado Manuel Gila Lamela.
A pesar de que a noticia saíu nos xornais La Noche e El Correo Gallego, ningún dos dous precisou cal foi a condena de
Manuel.
Apenas 15 días despois tería lugar o
mediático crime de Vilar en Coucieiro, unha das máis apartadas parroquias de Val do Dubra,
pero esta será outra historia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario