O mércores 22 de xullo de 1959
Ordes viviu unha xornada festiva coa presenza do gobernador civil e xefe
provincial do Movemento Evaristo Martín Freire, acompañado do inspector provincial e procurador en
Cortes Guillermo del Valle Ordieres, o vicepresidente da
Deputación e conselleiro nacional do Movemento Rafael Salgado Torres, o subxefe provincial do Movemento José Luis Amor e o
secretario local do Movemento Salvador Sanz.
Todos eles chegaron pola tarde a Ordes onde
foron recibidos polo alcalde Juan Liñares Castro á fronte da
corporación e outras personalidades. Primeiro dirixíronse ás escolas de
Guindibóo e Merelle que lles mostrou en detalle o seu arquitecto Antonio Vicens
Moltó (quen tamén creou o desaparecido mercado de Monelos na
Coruña). A continuación marcharon á parroquia de Parada
onde foi inaugurada a escola e as vivendas dos mestres. Tamén foron inaugurados
un lavadoiro no Mesón do Vento, o recolocado pilón da Alameda e
outro lavadoiro e fonte en Sar.
A comitiva viaxou logo a Bembibre, capital de
Val do Dubra (entón aínda chamado Buján).
Alí foron recibidos polo alcalde Salvador Arnego Nieto e inauguraron a flamante
casa consistorial, un novo grupo escolar, dous lavadoiros en Portomouro
(Cernadas e Entrepontes) e outro en San Román (Carreira).
No mes de xuño tivo lugar na igrexa de Santa
María, o enlace de Ana María del Río Sánchez, 5ª dos 6 fillos de Antonio del Río Castro, co xoven
inspector veterinario de Santiago Manuel Pedreira
Vázquez. Os padriños foron a irmá do noivo Pilar Pedreira e o orgulloso pai da noiva.
Portaban as arras e os aneis as "encantadoras nenas" Mari Pili Vázquez
Pedreira e Mª Luisa del Río Liñares, sobriñas dos noivos.
Oficiou a cerimonia don Manuel Calvete Fernández,
párroco de Castenda e amigo dos noivos aos que dedicou unha "sentida plática". A noiva vestía traxe de brocado de algodón e veo de tul ilusión.
O noivo ía de rigorosa etiqueta.
Representou á lei Manuel Astray Rivas e asinaron
como testemuñas Manuel Pedreira Moar, Ignacio de la Iglesia, Marcelino
Pedreira, Joaquín Moyano Ruibal, Emilio Roade, Joaquín Ruibal Sanjurjo, Agustín
Vázquez, Antonio Seoane Mosquera, Juan Chas Vázquez, Federico Ventura, Jaime
Blanco Casanova, Federico García, Manuel del Río Castro, Antonio, Emilio e
Manuel del Río Sánchez, Fernando Concheiro García e Ramón Ríos.
O matrimonio acabouse establecendo na Coruña e tivo 3 fillos: Manuel, Anabel e
Nuria. Manuel Pedreira morrería en 1995 aos 67 anos de idade.
En agosto tamén na igrexa de Santa María houbo
outra voda rechamante: Mª José Castro Pardo, filla do propietario dun
taller mecánico, Pedro Castro del Río, e da falecida Emilia Pardo (m.1938) casou con Miguel García Morales. Foron os padriños
a tía da noiva Ramona
Pardo Villaverde (que fora quen a criara como unha nai) e o seu
primo Manuel
Verea Villaverde, capitán da Garda Civil. Oficiou o párroco don José Fernández Fuentes.
A noiva lucía precioso traxe de raso natural,
veo de tul e tocado de flores. Portaba as arras e os aneis o neno José Luis del
Río Pardo (2º fillo de Elvira Pardo e curmán da noiva). Representou á lei
Ignacio Castro e asinaron como testemuñas José Daporta González, Ramón Figueroa
Lebrón, Manuel Pardo Villaverde, Manuel Verea Segade, José Bello Remeseiro,
Elías Herrero, Antonio del Río Rial e Leandro Buján.
Os numerosos invitados foron obsequiados
cunha cea fría. Os novos esposos saíron en lúa de mel por varias cidades.
Ignoro como lle foi ao matrimonio, pero ela
acabou vivindo nos USA.
* Aínda que non saíron na prensa
houbo nese ano 1959 moitas vodas de personaxes moi coñecidos: Venancio Calvo Abeijón casou con Marina Lamas García, Alejandro Ferreiro Janito con Mª Esther Costa Alfonsín, o taxista
Manuel Hervés Parada (1934-2007) con Teresa Álvarez da "Casa das
medias", José González con Teresa Marcos e o construtor Manuel Prado
Moure (1934-2011) con Asunción Estrella Pena Bermúdez.
|
As festas patronais de agosto mereceron un
par de páxinas no xornal La Noche pero curiosamente
esqueceron poñer o programa, así que non podo dicir que orquestra tocou, aínda
que supoño que seguiu vindo a Banda de Arca que por eses tempos era infaltable.
A comisión volvía a estar composta polo
alcalde Juan Liñares Castro como presidente e como vogais os concelleiros Segismundo Viqueira Ramos, Viriato Lamas Gutiérrez e Manuel Regos Viqueira.
Na habitual entrevista co alcalde este tivo
que recoñecer que moitos proxectos como abrir a Rúa República Arxentina ou os
postos da feira non puideran ser levados a cabo porque fallou un préstamo que
tiñan concertado co Banco de Crédito Local. Si foron inauguradas, ademais da
escola de Parada, outras catro en Merelle, Guindibóo, Carballedo e Mercurín, e
estaba a piques de ser rematada unha máis en Fosado. Estaban iniciadas as obras
do matadoiro municipal (medio millón de pesetas de orzamento!) e do edificio do
Frente de Juventudes a carón da
Alameda para o que o Concello aportaba 100.000 pesetas. Igualmente comezou o
asfaltado da estrada á estación da Pontraga.
Tamén
había un artigo de Máximo Sar onde invitaba aos automobilistas a parar para
degustar a suculenta gastronomía local. Concluía así: "Y Órdenes sabe lo que hace: ataca por vía digestiva".
As festas resultaron algo accidentadas pois o día 15 pola mañá, debido a
unha fenda quedou en silencio a campá grande da igrexa e pola noite unha bomba
de pirotecnia fixo explosión nun palleiro, aínda que a rápida intervención dos
veciños impediu que o lume se estendese e afectara a un forno que estaba
próximo.
Na escola de Parada estudiei eu e meus irmans, a maestra chamabase doña María e o Mestre Don Jesús que facia de practicante
ResponderEliminar