Hoxe serei eu, en vez de Cristóbal Ramírez,
quen propoña un roteiro pequeno, fácil e cun par de puntos moi interesantes
polo centro da parroquia de Vilamaior.
Desde Ordes conducimos pola AC-524 uns 6 km ata case o Peñasco onde
xiramos á esquerda. Outros 3 km
máis e chegaremos ao Bar Pedro, que
pode considerarse o centro social da parroquia de Vilamaior.
Aquí aparcamos o coche e comezaremos o noso
paseo. Indo cara ao norte a escasos 350 metros, atopamos xa o punto de maior
interese: a igrexa de Santiago. Unha
das súas particularidades é que ten un campanario separado da igrexa, e conta ademais
cunha escaleira que nos permite subir a el, se non temos medo. Así non só
podemos admirar mellor o aspecto exterior da igrexa senón ter unha excelente
vista das fermosas terras do oriente de Vilamaior e do occidente da parroquia
de Olas (Mesía). Ademais do cemiterio, sempre interesante para os que gusten curiosear
sobre apelidos familiares e lápidas máis ou menos artísticas, unha vella
reitoral e un hórreo grande pero en estado ruinoso completan o contorno da
igrexa.
A poucos metros hai un ramal da estrada que
vai cara á Pedreira. Ao principio e a esquerda podemos ver o cruceiro de Vilamaior. Non é ningunha
marabilla, de cor gris escura porque está feito integramente de formigón, só
destaca pola súa gran altura potenciada ademais coa forte pendente do terreo. Con todo, os veciños téñenlle moito agarimo e
montaron un gran cirio hai algo máis de vinte anos cando pensaban que podían
quedarse sen el. Por detrás hai unha fermosa castiñeira con exemplares aínda bastante
novos e un hórreo tradicional que viviu mellores días.
Damos marcha atrás e collemos polo ramal que
nos leva ao Campo do Sino, nome que
alude á campá da igrexa. É unha aldea que conta con algunhas casas bonitas e ben
restauradas. Mirando á nosa dereita está o Coto da Pena coa castiñeira que
mencionei antes.
Despois da última casa que ten un banco de
metal para tomar o sol (e un can moi entusiasta) chegamos á intersección que
nos leva ao Coto. Se decidimos collela, en poucos pasos estamos nesta aldea.
Aquí hai unha casa vermella cun curioso reloxo -non real- enriba da porta e
outra cun valado adornado con multitude de pequenas pedras de seixo que debe
ser fácil de atopar pola zona. Pasamos logo por un estreito e bonito túnel de
vexetación onde se ven loureiros reais e acacias negras e xa rematamos co
asfalto.
O camiño agora é unha pista forestal en
descenso que despois dunha curva nos leva ao segundo punto de interese: a capela do Socorro e a aberta carballeira
onde está situada, preto do regato Buxán. Aquí celebran unha popular festa os
veciños na honra da súa Virxe. É un lugar ideal para repousar un pouco e se
levamos nenos deixalos xogar.
Continuamos logo pola pista, agora cunha
curta pero empinada subida, e na primeira intersección collemos á dereita. Aos
poucos oímos o fragor dos coches que circulan pola autoestrada, logo vemos
leiras e casas. Remata a corredoira e volvemos ao asfalto da estrada que une o
centro da parroquia co lonxano núcleo de Adrán. Aquí collemos á dereita e vemos
unhas poucas casas e unha marquesiña azul non lonxe dun letreiro que indica
"Casa do Monte". Pouco despois, outro par de casas e xa estamos no
Porto. Quedan máis de 600
metros entre prados ou bosques. Volvemos a cruzar o regato
Buxán e a estrada empina fortemente ata chegar ao Campo do Sino.
Pero esta vez, xusto a carón do letreiro, seguimos recto e imos agora cara ao Castro. Por esta pista vemos a uns 100 metros á nosa esquerda a igrexa e á dereita un imponente muro de grosa cachotería cun arco de triunfo central que delimita a extensa parcela dun afortunado propietario. O Castro é unha pequena aldea con casas tradicionais e algunha máis moderna. Por esta zona estaba o castro de Vilamaior do que se rescataron hai anos dous anacos dun muíño de man, dous fusos e fragmentos cerámicos. Na actualidade o único resto que queda e o nome.
Chegados á intersección coa estrada vemos a
pista onde os nenos e mozos da parroquia poden xogar ao fútbol ou ao tenis (mesmo
eu teño xogado alí!) e, agora prestando atención ao tráfico, volvemos á
esquerda ata o Bar Pedro onde remata a nosa andaina.
Este
roteiro, ademais de bonito e relaxante, engade un atractivo máis. Non é
infrecuente que poidamos ver nos prados do lugar unha ou dúas cegoñas, pois
hai unha parella (polo menos) que aniña pola zona.
|
Este paseo, sinxelo e de escasa dificultade,
ten pouco máis de 3,5 km.
Pero se a algúns se lles fai algo curto, pódeno alongar pasando pola Cesteña ou
seguindo durante máis tempo a pista forestal que bordea o río Castrexo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario