sábado, 7 de diciembre de 2024

San Pedro de Adrán


  A uns 600 metros ao sur de Adrán, na parroquia de Vilamaior, atopamos esta capela. É un pequeno edificio de planta rectangular con 9,50 metros de lonxitude por 5,30 de fachada, o que nos da un chisco máis de 50 metros cadrados de superficie.
  Os muros, sen apenas aberturas, son de cachotaría recebados con morteiro de cemento e pintados de cor branca, agás os marcos de portas e ventás que son de cantería. Ten unha sinxela espadana de formigón con dous ocos (aínda que só un deles ten campá) e por enriba pináculos. O tellado a dúas augas ten cuberta de fibrocemento.
  No interior, tamén pintado de cor branca, hai un pequeno retablo neoclásico cunha imaxe de San Pedro no centro.
  O templo é bastante recente e non ten ningún elemento destacable, pero está enclavado nunha bonita carballeira próxima á autoestrada, o que permite oír o paso dos coches. Non lonxe da capela permanece a base dun cruceiro desaparecido.
  Para coñecer outros templos do concello, preme en Igrexas e capelas de Ordes.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario