sábado, 28 de diciembre de 2024

Crime en Vilar de Coucieiro

  O día 18 de xuño de 1959 volveu correr o sangue polas terras do Partido Xudicial de Ordes. Sucedeu en Coucieiro, unha parroquia de Val do Dubra xa na fronteira con Santa Comba. Alí está Vilar, entón unha pequena e perdida aldea con arredor de dez casas.
  O crime cumpriu todas as condicións para ser unha boa novela de misterio pois a vítima era unha persoa moi odiada e había sospeitosos en abundancia.
 
  O drama tiña raíces moi antigas e profundas. A familia Guardado, a máis rica do lugar, posuía unha propiedade pola que pasaba o regato e impedía ao resto dos veciños desvíar unhas augas para rego dos seus prados. Iso provocou liortas continuas. Xa en abril de 1935 Antonio Guardado Lens, que entón tiña 29 anos, e o seu irmán Avelino de 20 golpearon por esta causa ao mozo de 17 anos José Suárez García mandándoo ao hospital. Pouco despois os familiares deste dispararon a Avelino que tamén rematou no hospital. A vinganza foi aínda máis sanguenta. En xuño de 1935 Avelino Guardado Lens disparou e matou a Joaquín Suárez Pena, o pai do mozo, que contaba entón 55 anos e deixou malferida á súa filla Elvira Suárez García. Avelino acabou cunha condena de 12 anos no cárcere de Astorga e tamén foron detidos por complicidade a súa nai Micaela Lens García (que foi absolta no xuizo), os seus irmáns Antonio e María, e a súa tía Generosa Lens.  
 
  En 1959 Antonio Guardado Lens, agora con 53 años de idade, casado sen fillos (pero separado e vivindo con dúas irmás), era o labrador máis rico do lugar. Era mal visto ata o punto de que o alcumaban o Lobo de Vilar. Ademais dos problemas coa auga polos que tiña presentado unha denuncia contra dez veciños, era unha persoa tosca e violenta que se facía acompañar normalmente duns cans agresivos e non tiña inconveniente en encirralos contra aquel que ousase amolalo. E, como vimos, tamén chegou ás mans nalgunha ocasión.
  Pero aquela noite case de verán rematou a súa historia. O venres 19 de xuño nun carreiro do lugar de Agro dos Campos foi atopado o cadáver pola súa irmá Flora.
  Cando chegou a Garda Civil de Santiago e o xuíz de Instrución de Ordes Alfonso de Nasvascués y de Pablos puideron comprobar que a causa da morte eran dous disparos, un no peito e outro na cabeza.
  A investigación foi realmente complicada porque a todos os veciños de Vilar lles caía mal e ningún colaborou nin aportou información, así que nun principio dubidouse de que se chegase a esclarecer o crime. Pero a tenacidade do capitán da Garda Civil Juan Cabezas Rielo deu os seus froitos e finalmente, despois de 9 días de intensas pesquisas, foron descubertos os dous criminais: José Bascuas Blanco e Antonio Castro Méndez.
 

  José Bascuas Blanco o Cuco, un labrador de 48 anos tamén bastante acomodado, fora desde o primeiro momento o principal sospeitoso pois era un dos dez veciños denunciados por Antonio Guardado un ano atrás e nunha pelexa este mallouno con tanta forza e produciulle lesións tan graves que estivo a piques de morrer, debendo permanecer hospitalizado tres meses no sanatorio compostelán de Echeverri. Tiña denunciado a Guardado e ás súas irmás Flora e María, pero o proceso estaba pendente na Audiencia Provincial.
  Desde o momento daquela brutal malleira José Bascuas meditou a súa vinganza, máis aínda cando Guardado o seguía ameazando. Como non se vía capaz de levala a cabo só, parece que lle propuxo participar a varios veciños pero só un deles aceptou.
  Foi Antonio Castro Méndez, un labrador de 42 anos, casado e con 6 fillos, que xa tiña antecedentes de violencia pois na posguerra estivera durante un tempo no monte. El tamén fora agredido nunha ocasión e sufrido mordiscos dos cans de Guardado, mesmo os seus fillos tiveron que soportar algo parecido. Esta situación e as promesas de Bascuas de ofrecerlle entre 50 e 100.000 pesetas polo futuro crime decidírono a participar.
  Castro comprou cos cartos de Bascuas unha escopeta dun só canón calibre 16 en Santa Comba e escondérona na casa deste último. Logo esperaron un tempo prudencial, catro meses, ata ese fatal 18 de xuño.
 
  Antonio Guardado acostumaba saír todas as noites para vixiar e soltar as augas nos seus prados das Tarandeiras. Ía por un carreiro estreito bordeado por un valo nunha zona que chamaban Agro dos Campos e tamén Presa do Cuco. Os dous colegas esperábano detrás dun cambio de rasante agochados na maleza. Sobre as 11 da noite apareceu Guardado. Nese momento Antonio Castro disparoulle un tiro no peito. A vítima agonizante retrocedeu uns nove metros e desplomouse no chan. Como aínda se movía, Castro achegouse ata un par de metros e rematouno dun tiro na cabeza.
  A súa irmá Flora, vendo que non daba regresado, saíu de madrugada a buscalo e atopouno morto. Foi correndo a solicitar a axuda dos veciños. A aldea de Vilar recibiu a noticia cunha mestura de ledicia e preocupación mentres todos comentaban:
-Mataron ao Lobo de Vilar!
  Bascuas non apareceu polo lugar, pero Antonio Castro con moito sangue frío estivo co resto dos veciños que foron curiosear cando chegaron as autoridades e ata axudou a transportar o cadáver enriba dunha escaleira de man.
  O día 27, non obstante, a Garda Civil procedeu á detención dos responsables. Ambos os dous recoñeceron o crime e foron trasladados ao Depósito Municipal de Ordes.
  O xoves 2 de xullo tivo lugar a reconstrución dos feitos. O xuíz de Instrución de Ordes acompañado dos dous acusados custodiados pola Garda Civil viaxou ata o lugar do crime. Alí escenificaron o suceso e, mentres o instigador José Bascuas mantivo sempre un xesto impávido e frío, Antonio Castro, o autor material, desfondouse completamente.
 
  O xuízo tardaría máis dun ano en celebrarse. Comezaría o venres 30 de setembro de 1960 na Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña con moita expectación. Presidiu o tribunal o maxistrado Manuel Lojo Tato. Representou ao Ministerio Fiscal o fiscal xefe da Audiencia Territorial José María Leirado Sacristán e o representante da acusación por parte da familia foi o avogado e ex-alcalde da Coruña Manuel Iglesias Corral. Os acusados optaron por elixir distintos avogados para que os representasen e así Francisco Jiménez de Llano defendeu a José Bascuas e Félix Esquete Usero a Antonio Castro.
  O fiscal repasou os feitos que para el constituían claramente un delito de asasinato calificado pola circunstancia de aleivosía e cos agravantes de premeditación e nocturnidade, por iso pediu a pena de morte e unha indemnización de 200.000 pesetas para os herdeiros da vítima. O acusador privado Iglesias Corral, que non era partidario da pena de morte, pediu unha condena de 30 anos de prisión máis accesorias e costas e que foran declarados socialmente perigosos.
  A estratexia dos avogados defensores foi botar a culpa ao outro acusado. Así Bascuas negou ter participado a pesar de ser atopada a escopeta no seu alpendre e declarou que se enterou da morte porque llo comentou unha veciña. Castro recoñeceu ter comprado a escopeta por indicación de Bascuas e que estivo presente no momento do crime pero que foi Bascuas quen disparou os dous tiros. Logo ofrecéralle 300.000 pesetas por declararse culpable no seu lugar e polo ben da súa numerosa familia aceptara, razón da súa primeira confesión.  
  Deste xeito cada avogado defensor solicitou a absolución do seu cliente por "non ter intervención nos feitos".
  A sentencia aínda se fixo esperar ata xaneiro de 1961 e, como era de esperar, non foi a que pedían os defensores. Bascuas e Castro foron condenados a 30 anos de reclusión maior coas accesorias correspondentes, pago de costas e unha indemnización de 150.000 pesetas aos herdeiros de Antonio Guardado.

1 comentario: