Ata mediados do século XX o campo non estaba
mecanizado e o traballo era principalmente humano ou animal. As vacas non ficaban
ociosas nas súas cortes senón que tiñan que traballar tirando do carro, dos
arados e doutros apeiros. Os cabalos non eran demasiados porque só estaban ao
alcance dos máis ricos pero abundaban os humildes asnos e as bestas, fillas de
asnos e eguas, moi apreciadas porque xuntaban o tesón e a resistencia dos seus
pais co tamaño e a forza das súas nais.
Todos eles debían ser calzados para evitar
que o duro chan das corredoiras lles producise un desgaste excesivo que magoase
os seus pés, e iso había que facelo cada poucos meses porque as ferraduras como
calquera outro tipo de calzado íanse estragando co uso.
Eran imprescindibles por tanto e moi
demandados os ferradores.
Este traballo nalgúns casos tamén era realizado polos ferreiros, que podían fabricar eles mesmos as ferraduras. Os ferradores
en cambio comprábanas en gran cantidade xa feitas e logo adaptábanas. Para iso
tiñan unha bigornia que era como a zafra pero máis pequena.
Primeiro había que sacar a ferradura vella
cun derrematador ou unhas tenaces e
logo preparar o casco cun puxavante, recortándollo ben para a nova ferradura. Esta
era cravada normalmente con seis cravos que saían fóra do casco para ser logo
remachados. O ferrador repasaba o casco ao final coa coitela e a escofina.
As vacas (e bois) tamén se ferraban, pero por
mor do seu pezuño partido, as ferraduras eran diferentes e chamábanse canelos. Polo
seu gran peso era un traballo algo máis difícil e había que poñer ao animal nun
soporte para afianzalo.
O ferrador máis coñecido de Ordes foi Manuel Viqueira
Conde (1901-1976), primoxénito dos Viqueiras do Casal, que viviu no
Recreo. No Mesón do Vento José Martínez Moar (1919-1975) desempeñou
este oficio ademais de ter unha taberna que sería logo "Casa
Victoria" -pola súa muller Victoria Veiras Candal (1927-2007)-. En Adrán na
parroquia de Vilamaior traballou Jesús Mata Vieites (1922-2005) e na Grela de
Parada Jesús
Souto Franqueira (1930-2020), entre outros varios.
Ademais de non haber tractores tampouco había
plástico, así que unha gran cantidade de menaxe doméstico estaba feito de latón
(unha aliaxe de cobre e zinc). Os ferreiros tamén podían facer algunhas veces
pezas pequenas ou reparacións sinxelas, pero habitualmente ese oficio era
exercido polos latoeiros.
Caldeiros, caldeiretas do leite, canadas para
recoller o leite ao muxir, aceiteiras, empanadeiras, moldes de doces, moldes de
flores do Entroido, candís, farois... facíanse de folla de lata fina. Outros
como as chocolateiras e caldeiras máis grandes facíanse cun latón máis groso.
As ferramentas eran un forniño, torno,
soldador, zafra, mazos, martelos, tesoira, alicate, compás e ferros especiais.
En Ordes chamábaselles latoneiros ou latoneros
(como en castelán) e todos viñeron de fóra. José Pérez Sanmartín nacera na
vila de Noia e desempeñou este oficio en Ordes ata o Alzamento. Logo sería
encarcerado e finalmente fusilado en Boisaca en 1937. Manuel Vilariño Freire (1883-1972), casado con Consuelo Pérez Fernández (1879-1965), veu da zona de
Curtis e estableceuse no norte de Alfonso Senra no que agora é un soar baleiro
que fai esquina co camiño que vai á Fonteseca e ao río. Quizais máis coñecido
foi Segundo
Costa Lapido (1912-1997), procedente de Negreira, que viviu nos
Lagartos 23 coa súa muller María Alfonsín Andrade. O seu único fillo varón,
Manuel Costa Alfonsín Manolito do Latonero
(1942-2016), xa traballou como fontaneiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario