sábado, 24 de agosto de 2019

Cotizantes e pensións en 2018

  Que o sistema de pensións está en perigo é cousa sabida. A falta dos datos do peche definitivo do exercicio 2018, as contas da Seguridade Social mostran que só catro das 17 comunidades (Madrid, Baleares, Canarias e Murcia) serían capaces de pagar aos seus xubilados co que achegan os traballadores da rexión. en Galicia os ingresos por cotizacións apenas cobren dúas terceiras partes da nómina das pensións, que medra a un ritmo moito maior que as achegas dos traballadores, xa que a creación de emprego nos últimos anos non se ve acompañada dunha subida xeneralizada e xenerosa dos salarios. Isto limita a recadación, que apenas chega aos 5.280 millóns de euros, fronte aos case 8.300 que se van no pago de prestacións. Cos niveis actuais de cotización, farían falta algo así como 400.000 novos postos de traballo para equilibrar as contas do sistema de pensións en Galicia (ou recortar un 40 % as prestacións).


  Só quince concellos presentan unha porcentaxe superior aos dous cotizantes por pensionista (a media en España está nos 2,3, aínda que o óptimo considérase 3 ou máis).
  Como se pode ver no mapa a práctica totalidade da provincia de Ourense (onde só 7 dos 92 concellos presentan porcentaxes positivas), unha boa parte da de Lugo, o interior de Pontevedra e o oeste e norte da Coruña presentan altas taxas de dependencia económica. Tan elevadas que ata o Servizo Público de Emprego, nos seus informes sobre o mercado de traballo en Lugo e Ourense, apunta a que ambos os dous territorios teñen «un problema moi serio coa perda e o grao de envellecemento da súa poboación».
  As causas son obvias: ademais do envellecemento, as empresas teñen un tamaño moi reducido e hai moi poucas coa dimensión suficiente para xerar dinámicas positivas de crecemento, isto ocasiona debilidade do sector industrial, emigración da man de obra cualificada e dificultade para atraer talento. Se engadimos o abandono da actividade primaria temos todos os ingredientes.

 Pola contra as menores taxas de dependencia económica (é dicir, onde hai máis traballadores para soster aos pensionistas e desempregados) rexístranse nos municipios limítrofes con Santiago (Ames, Oroso e Teo) e A Coruña (Cambre, Culleredo, Arteixo e Oleiros). Ente os dez primeiros figuran tamén Barbadás, Salceda de Caselas e Ribadumia. Das sete cidades, só Ferrol presenta unha porcentaxe negativa. Fronte aos máis de 15.400 pensionistas que viven na cidade e os 4.728 parados, a urbe naval conta actualmente con só 18.594 traballadores en alta. Moi diferente á proporción que presenta a veciña Narón, onde hai apenas 9.940 xubilados e desempregados fronte a máis de 13.900 ocupados.

  Na comarca de Ordes só Oroso ten una porcentaxe superior ao 50 %. A maioría dos concellos non pasan do 20 %, agás Ordes con 35 %.
  O único concello con menos traballadores que pensionistas e parados é o de Tordoia, habitual líder comarcal na perda de pobación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario