miércoles, 6 de noviembre de 2019

Vellos alcumes de Ordes (5)

 
  Algúns dos alcumes teñen tanta ANTIGÜIDADE que xa é difícil na actualidade coñecer cal é a súa razón de ser.
  É o caso da familia Carril (de apelido Rodríguez), alcume que xa levaba no século XIX o patriarca da familia Eduardo Rodríguez González e que herdaron todos os descendentes.
  Igualmente é antigo o da Portuxola, unha señora de Reboredo que tivo un fillo, Jesús, deficiente mental, a quen tamén loxicamente alcumaban o Portuxolo. Naqueles tempos de pouca corrección política os rapaces metíanse a miúdo con el e escapaban despois de enfadalo. Era bastante tranquilo pero por culpa dalgúns mozotes, expertos en bromas de dubidoso gusto, era ademais o terror das mozas. Coñecendo a súa paixón polo tabaco ofrecíanlle: "Dámosche un pitillo se lle das un bico a aquela moza". Inmediatamente saía correndo cara a ela co conseguinte susto da rapaza e a algarabía dos tunantes. Tamén estaba moi fascinado con Blanca del Río da farmacia de arriba, que era moi fermosa, e algún pillabán aproveitou para ensinarlle unha canción: "Blanquita de la botica / si te pregunta tu madre / quien te rompió la camisa / dile que fue el hijo de la Portujola / con la punta de la ...".
  Non foi o único caso na vila. No Balado viviron outros personaxes como Cañotas e Manuel da Burra que tamén producían temor nos nenos dos anos 70.
  A carón da tenda de Fernanducho tiña un comercio de zapatos Antonio Veiga Valiño (m.1985) Cascarilla. Na posguerra o café escaseaba e tomábase "cascarilla" no seu lugar. Quizais lle viñera o alcume do seu gusto por aquel "café". Tamén lle gustaba moito pescar e acompañaba a José Mª Méndez-Gil ao río cando este viña á vila. Cascarilla casou con dúas irmás, Carmen (m.1936) e logo con Dolores Caramelo (m.1980). Por certo que o seu cuñado Juan Caramelo Varela (1905-1979) por traballar na Casa do Concello como porteiro tamen era coñecido como Juanito o Porteiro.
  Outro alcume do que non sabemos a razón é o Ghaletas, un xastre que vivía no Recreo a carón da de Manuel de Ponte, pero que logo se instalou ao lado da panadería de Fleira. Manuel Martínez del Río foi coñecido como o Corveiro pero este alcume xa o herdou do seu avó, polo que tamén descoñecemos a súa orixe.

  E rematamos falando de COMERCIANTES. Se hai algún establecemento no que entraron algunha vez na súa vida todos os ordenses, ese é a tenda de Francisco Vilar Nouche (1898-1994), a "Fábrica de Chocolates" -rótulo que se pintou e repintou orgullosamente na fachada-, así que el era o Chocolateiro. Tamén a tenda é coñecida popularmente como "o Chocolateiro" que, antes da aparición dos bazares chinos, era o único lugar onde se podían atopar as cousas máis extrañas ás horas onde todas as demais tendas estaban pechadas.
  Rafael Moar Lata (1905-1979) era un mozo procedente da Margarida (Buscás) cando lle comprou a casa a Rita Castro Bao, a tía avoa de Juanjo Liñares, e alí puxo unha taberna. Casou con María Viqueira Veiras (1910-1984), unha irmá de Juanito e da matriarca do "Bar Nogallás". Foron pais do moi coñecido empresario hostaleiro Antonio Moar Viqueira, quen en 1974 montou a famosa sala de festas "Órdenes 2000". Ricardo, na vellez sufriu unha enfermidade pola que o empezaron a chamar Tierra Tiembla.
  José Mª Méndez Ródríguez (1948-2017) era camareiro nunha parrillada na casa de Moar, motivo do seu alcume, o Parrillas ou Pepe de Parrillas.
  O matrimonio formado por Vicente Corral Rey e Ramona Pérez Expósito tiñan un bar no Recreo preto da farmacia. A el chamábano Vicente da Ponte o Culero, alcume que traspasou ao seu fillo Celestino (funcionario de correos), casado con Carmen Boquete Vilariño, filla de Boquete de Merelle.
  Carlos Regos Faya (1931-1993), fillo do gran carpinteiro Manuel Regos Caramelo e curmán de Ramón o Practicante, tiña o "Bar Avenida" en Alfonso Senra 89 (no que agora é o Banco Pastor) que contaba cunhas preciosas portas de madeira feitas polo seu pai. A pesar de ser un hostaleiro o seu carácter era bastante seco e pouco amigo de bromas, cousa que lle valeu para ser coñecido como o Búfalo.
  A José González Pardo (1941-1994), que viviu en Campeiras, comezaron a chamalo Pariente no Bar Xesteda porque efectivamente era familiar do propietario do bar (e da empresa de recreativos EGASA) José González Fuentes. 
  Ramón Ferreiro López (1892-1974) que tiña unha reloxería a carón do que hoxe é o Banco de Santander era coñecido como Ramón o Relojero, mentres que ao seu fillo Ramón Ferreiro Sánchez (1928-1978), tamén reloxeiro, chamábanlle Mitito. Por certo que este último era un personaxe peculiar que quería facer un avión con pezas de reloxos, proxecto no que o acompañaba o tamén peculiar Pedro do Serrador (1916-1977), ex-guerrilleiro que subía ao tellado da súa casa a tocar o saxofón.
  Antonio Remuiñán Couto, dos Remuiñán de Merelle e dos Couto de Reboredo, tivo unha tenda de motos ao lado do ultramarinos de Higinio que se chamou como o seu alcume, Cachito.
Fonte: Xorxe de Xan Ferreiro.                           Continúa en Vellos alcumes (6).

No hay comentarios:

Publicar un comentario