martes, 20 de agosto de 2019

Outra liorta

  Os anos ían pasando pero a xente da comarca seguía bastante asilvestrada. As pelexas eran o noso pan de cada día e só chamaban a atención cando había feridos graves ou algún morto.
  Esta vez a gran liorta foi entre mozos de Visantoña (Mesía) e Vilamaior (Ordes) que levaban moito tempo arrastrando unha gran inimizade.
  En maio de 1929 aproveitaron unha festa en Ardemil para dar un paso adiante na súa rivalidade. Provistos de pedras, paus, armas brancas e pistolas acometéronse mutuamente ao pouco de ter empezado a verbena, provocando o caos e a fuxida precipitada dos auténticos festeiros.
  Os resultados foron graves pero afortunadamente non houbo vítimas mortais. Pola parroquia de Vilamaior, Manuel Graña Mata de 20 anos levou unha coitelada no costelar dereito de oito centímetros de extensión ademais das habituais contusións na cabeza, mentres que Antonio Gómez Blanco tivo feridas na cabeza e nas pernas "de pronóstico reservado".
  Os peor parados por parte da hoste de Visantoña foron Lino Lata Vázquez de 20 anos ao que un proxectil perforoulle a mandíbula e deixouno sen dúas moas, Ricardo Silva Gil de 27 anos e José Manteiga Mosquera de 24, ambos os dous con contusións en cabezas e corpos. A este último incautóuselle un coitelo.
  Foron detidos outros mozos participantes na pelexa: José e Jesús Manteiga Vieites, José Manteiga Roel, Andrés Manteiga Mosquera, Segundo Gómez Manteiga, Emilio e Martín Mosquera Gaudeoso e Pedro e José Gómez Blanco.
  Como vedes había Manteigas dabondo para encherse de colesterol!  

No hay comentarios:

Publicar un comentario