Ao estar na zona máis próxima á vila do paseo do Mercurín, os muíños da Braña e
da Silva son os máis coñecidos polos ordenses. Son tamén os máis grandes e os
que mellor conservan as súas canles. Así mesmo son moi antigos porque ambos os dous aparecen citados no Catastro de la Ensenada de mediados do século XVIII (é dicir teñen más de 270 anos como mínimo). O muíño "das Brañas" pertencía entón a un tal Francisco Villaverde "por cuya utilidad le regulan 20 reales" e o muíño da Silva era propiedade de Gregorio do Río "que le regulan 15 reales".
MUÍÑO DA BRAÑA
Preto de Penelas está este muíño de 6 metros de lonxitude por
4 de anchura e tellado a dúas augas situado nunha preciosa paraxe. O máis
interesante é que a canle está perfectamente conservada e o mesmo pasa coa
presa que a iniciaba. Preto do muíño, a carón da ponte de madeira para cruzar o
río, había antigamente un lavadoiro que empregaban as mulleres do norte da
vila.
Hoxe está restaurado e conta cun tellado
novo, pero durante a maior parte do século XX o muíño estaba revocado e o
tellado era de placa de formigón, así que era dunha cor gris case negra.
Forma parte dos meus mellores recordos de
infancia entre os anos 60 e 70, pois a ese tellado subía a tomar o sol e
descansar despois de perseguir a algún dos centos de cabaliños do demo que
adornaban o río coas súas cores azuis e pardas. Contrasta isto cos recordos do
meu pai que viviu auténticos momentos de terror porque tiña que ir en plena
posguerra a moer de noite.
Si, porque é un exemplo perfecto dos muíños
comunais (ou de herdeiros) onde o dereito de moer herdábase e tamén se podía
vender ou comprar. Tal foi o noso caso pois ese dereito comprouno o meu bisavó
Juan Ferreiro Franqueira e herdárono os seus 6 fillos, entre eles a miña avoa
Babila Ferreiro Recouso, como figura no testamento:
Sexta
parte del derecho de moler y propiedad correlativa durante el día o la noche
del sábado en alternativa y quincenalmente, en el harinero de una sola rueda
y motor de agua ordinario del país con eje vertical, que denominan de la
"Braña", al que surte de aguas el riachuelo del Carboeiro, mediante
presa de su lado Norte. Tiene su única puerta al Este y ocupa con la presa
unos cincuenta y tres metros cuadrados y limita: Norte, Sur y Oeste prado de
herederos de Daniel Candal y Oeste de los de D. José Viñas, muro del
colindante en medio. Tasada la parte de esta hijuela en cinco pesetas.
Fue
adquirido por el causante durante la sociedad conyugal, a título de compra de
Dª Josefa Boo Conde, por escritura de trece de enero de mil novecientos doce,
ante el Notario de Órdenes D. Andrés Domínguez Guitián.
|
Como podedes ver o río Mercurín era chamado
entón Carboeiro.
MUÍÑO DA SILVA
Aínda que desde os anos 70 este muíño empezou
a ser coñecido como o muíño do Campo da Feira ou muíño da Feira, o seu nome
tradicional era muíño da Silva. É o máis grande de todos os que hai no regato
Mercurín. Ten 6,50
metros de lonxitude por 4,70 de anchura, o que da unha superficie de máis
de 30 metros
cadrados. Curiosamente ten tellado a unha soa auga. Conserva ao lado da porta o
pousadoiro, a pedra plana onde se colocaba o saco co gran ou a fariña mentres
se abría a porta e que facilitaba o labor de botalo ao lombo (no caso dos
homes) ou colocalo na cabeza (no das mulleres). Tamén a canle agora bordeada
por un dos camiños do paseo está ben conservada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario