domingo, 29 de julio de 2018

Festa da Árbore en 1921

  A década dos 20, sobre todo durante a ditadura de Primo de Rivera, foi un momento de auxe das festas patrióticas e, especialmente, da Festa da Árbore.
  Aínda que oficialmente era obrigatoria desde 1915, non parece que a maioría dos concellos fixesen moito caso desta lei, cousa que cambiou nos anos 20. En Ordes pasou máis ou menos o mesmo: non temos constancia de que houbese ningunha ata 1921, pero ese ano, baixo a alcaldía de Manuel García Bermúdez celebrouse a Festa da Árbore con bastante boato na vila.

  O evento, que foi custeado polo alcalde e o seu xenro Pedro Concheiro Rodríguezfoi bastante brillante. Celebrouse en marzo e contou con moitos escolares e público en xeral. Primeiro reuníronse as autoridades locais cos nenos, nenas, pais e nais, e logo foron todos en cívica procesión ata o lugar da plantación, o paseo que conducía ao entón novo cemiterio do Piñeiro (que hoxe xa é o vello).

  Unha vez alí, cantaron o himno á árbore que con "gran maestría había sido ensaya­do por el culto vecino y propietario don Julio Pol y Caamaño, agradando a todos por lo afinados que estuvieron".
  Logo chegaron os discursos. Comezou o mestre Nicolás del Río explicando o alcance da festa e facendo ver con entusiasmo as vantaxes da repoblación forestal para non necesitar importar madeiras. Tamén o avogado José García Barros leu un discurso. Os dous oradores foron moi aplaudidos.
  A plantación "con un orden admirable" foi feita polos nenos (aínda que parece que pronto empezaron a picarse por ver quen cavaba máis rápido). Ás nenas, que levaban pequenas regadeiras adornadas de cintas, tocáballes de tarefa a rega das novas plantacións.
  O mellor para o final: repartíronse merendas a nenos e nenas, e para que a festa fose completa, obsequiouse tamén ás señoras con pastas e aos cabaleiros con habanos.
  Por último, o procurador García Rivas tomou fotografías de todos os concorrentes.
  Segundo La Voz de Galicia: «Todas las señoras y señoritas de este pueblo contribuyeron con su presencia a hermosear la fiesta. Allí estuvieron doña Juana García de Concheiro, doña Asunción I. Rapela, doña Mercedes Salgueiro, doña Concha I. Rapela, doña Josefina Carballido, doña Josefa García de Castro, doña María Castro de Linares y las señoras de los jefes de Telégrafos y Correos; y entre las señoritas, Maruja Concheiro, Pilar Astray, Maruja y Piedad Carnota, Encarnación Castro, Amalia Concheiro, Julia, Paca y Carmen Pol, Celia del Río, Asunción Concheiro y otras no menos bellas, que sería prolijo enumerar.
  Un aplauso sincero al entusiasta alcalde don Manuel García Bermúdez y a don Pedro Concheiro, mantenedores de la fiesta.»


  En abril houbo unha segunda festa -máis modesta- no Mesón do Vento (Ardemil), organizada polo xuíz do partido, Marcial del Río Díaz, que trouxo persoalmente as árbores desde A Coruña. A Junta Protectora del Arbolado fíxose cargo dos gastos, librando así ao concello de ter que botar man do seu orzamento.
  Aínda que a asistencia de moitos escolares era unha das características habituais da festa polo seu obxectivo de concienciar ás futuras xeracións da necesidade de promover o arboledo, non foi así neste caso: só dous alumnos acompañaron ao mestre, Sr. Figueira (é posible que o resto tivese outras ocupacións máis transcendentes).
  A falta de escolares, Marcial del Río e os seus acompañantes falaron ao númeroso público adulto asistente no campo da feira da Adina sobre o alcance e as intencións da festa. Como dicía El Ideal Gallego: "Siendo de aplaudir tan feliz iniciativa y de esperar un feliz éxito".

No hay comentarios:

Publicar un comentario