sábado, 18 de febrero de 2017

A morte do crego Creo

  O concello de Tordoia, que xa vira o cruel asasinato de Joaquina Obelleiro a mans de Francisco Liste tres anos atrás, volveu vivir en 1905 unha situación familiar.
  O párroco de San Xián de Cabaleiros, don Andrés Creo Tobío, morreu o 24 de febreiro dunha indisposición repentina. O cadáver loxicamente recibiu sepultura e a historia podería ter rematado aquí.

  Con todo non foi así. Os veciños, escamados coa súa sorprendente morte, comezaron a sospeitar que fora envelenado. A razón? Parece ser que tiña outorgado testamento a favor da súa ama de goberno, unha anciá que levaba moitos anos ao seu servizo.
  O párroco decidiría revogar ese testamento e deixar as 90.000 pesetas en que se estimaba a súa fortuna aos seus parentes. A criada (e os seus familiares), vendo escapar un diñeiro que xa crían seu, mobilizáronse para evitalo.
  Don Andrés quería ir a Ordes para visitar ao notario, así que a familia da ama coaccionou aos veciños para que ninguén lle deixase unha cabalgadura. Contrariado, o párroco tivo que permanecer na súa casa de Cabaleiros. O caso é que aquela noite sufriu uns cólicos e achou a morte entre horribles dores.
  O primitivo testamento quedou pois en vigor por non telo podido cambiar.
  Cando os seus cinco parentes de Lousame e Santa Uxía de Ribeira (entre eles a súa irmá Ramona) chegaron, foron informados por algúns veciños do sospeitosa que fora a morte do párroco, así que decidiron dirixir unha instancia ao fiscal da Audiencia denunciando os feitos. Este dispuxo que o xuíz de Ordes procedese a instruír o sumario para pescudar se eran certas as sospeitas de envelenamento.
  O primeiro que fixo o xulgado foi acordar a exhumación do cadáver. Levou a cabo a autopsia o forense de Ordes, Antonio Concheiro Rodríguez, xunto cos de Trazo e Tordoia, auxiliados polo practicante de Cerceda, Antonio Canedo.
  As vísceras remitíronse ao Laboratorio químico de Madrid para a súa análise e os resultados tardaron bastante.

  Mentres tanto a investigación avanzou dunha forma sorprendente. O primeiro que chamou a atención foi que o cura... tiña un fermoso cabalo! Podía ir perfectamente a Ordes nel, é dicir, non necesitaba recorrer aos veciños para levalo. Tamén podía facer vir ao notario ao seu domicilio como xa fixera no caso do anterior testamento.
  Ese testamento foi a segunda sorpresa: outorgado un ano atrás, con ocasión dunha enfermidade que padeceu, non legaba nada á súa criada e si aos seus familiares. Iso si, a cantidade estaba lonxe daqueles 18.000 duros que se lle atribuían de fortuna, porque a parroquia era pobre e don Andrés, de carácter difícil, era moi afeccionado aos litixios onde se deixou bastante diñeiro.
  Obviamente cando chegaron os resultados de Madrid, xa a ninguén sorprendeu que non mostrasen signos de envelenamento. Todo fora, unha vez máis, un deses rumores, froito da imaxinación popular.
  Ás veces a crúa realidade estraga unha boa historia policial.

No hay comentarios:

Publicar un comentario