O concello de Oroso ten unha forma
similar á da letra U. Pois ben, a parroquia de Marzoa está no extremo nordés,
na punta dereita dese imaxinario U. Esta situación tan peculiar fixo que sempre
tivese unha maior relación coa vila de Ordes que coas ás veces lonxanas
capitais municipais de Oroso. De feito a fronteira occidental coas parroquias
ordenses (Barbeiros, Pereira e Beán) e a oriental coas de Frades (Galegos e
Moar) son ambas as dúas máis extensas que a que ten polo sur coas parroquias
orosás de Senra e Calvente.
O río Samo atravesa de norte a sur o
seu territorio de 6,2 km2, orixinando un amplo val central
que se vai elevando cara ao oeste e ao leste. O punto máis alto da parroquia
está no Coto do Lobo con máis de 350 metros. Na zona leste o antigo castro que
hai preto da igrexa pasa dos 345
metros. Os terreos máis baixos están nas ribeiras do
Samo que no seu tramo máis meridional baixan de 275 metros.
Os seus afluentes, o rego da Ponte Folgoso e
o do Prado de Ramos bañan o occidente da parroquia, mentres o río Cabrón faino
coa zona oriental e ademais serve de fronteira con Moar e Calvente.
A estrada máis importante é a CP-3802, que
vai de Ordes a Pontecarreira, pero os lugares habitados están ao sur dela nas
dúas zonas altas (non por casualidade onde están os dous castros da parroquia).
A paisaxe componse alí de praderías e leiras de millo, mentres preto do río e
ao sur de Recouso hai grandes extensións de arboredo.
A poboación
é decrecente. No ano 2000 roldaba os 280 habitantes e desde entón baixou case un
40%. En 2023
eran 176 habitantes.
Lugares:
A Armada, O Carballal, O Castro, O Covelo, A Cruz de Folgoso, A Grela, Ponte
Marzoa (A Maquía) e Recouso.
|
No Castro, capital municipal, podemos ver a igrexa de San Martiño. Esta conserva no
seu interior unha escultura de pedra policromada de San Pedro que data do
século XV. Ao seu carón está o cruceiro, erixido en 1875 e pagado por Emilio
Somoza Rey, e o pazo da familia Sánchez Somoza. Na parte máis alta está o
chamado castro de Marzoa. Preto do lugar de Recouso está o outro castro da
parroquia, onde foi atopado en 1921 o espectacular tesouro
de Recouso, formado por diversas figuras de ouro da cultura
castrexa. Algo máis ao oeste está a medorra do Coto do Lobo. En Recouso tamén
se conserva a Casa de Bastián (onde residiu unha congregación de xesuítas
composteláns). Neste ámbito etnográfico tamén son interesantes a antiga maquía
da Ponte Marzoa e o muíño da Grela.
A
parroquia estivo habitada desde a prehistoria como testemuñan os castros de Marzoa,
o de Recouso e as medorras que nela se atopan.
Na Idade Media debeu haber un poderoso propietario chamado Martius. Del viría *(villa)
Martiola, que no ano 850 sería Marçola
e remataría converténdose en Marzoa. No século XII na carta de doación da metade da
Terra de Montaos que fixo o rei Alfonso VII á Igrexa
compostelá en 1124 aparece citado "Mulas de Recouso". Non é extraño
pois por Recouso pasaba o camiño medieval que ía de Sigüeiro ata Betanzos.
No século XV naceu o personaxe máis importante da parroquia: Lope Gómez,
notario, concelleiro e recadador de impostos reais na cidade de Santiago.
No Antigo Réxime Marzoa pertencía á xurisdición de Folgoso. En 1607 Jerónimo
del Hoyo nas "Memorias
del Arzobispado de Santiago" informa que tiña 31 veciños (uns 140 habitantes),
case os mesmos que Barbeiros (que tiña 34) e máis que Galegos. As colleitas eran para a Igrexa e para dous señores: Juan Rodríguez de Tasende e herdeiros de Pedro Suárez.
No século XVIII, no Catastro
del Marqués de La Ensenada do ano 1752 os habitantes das
45 casas que había declararon ser de señorío do Conde de Altamira a quen lle
pagaban impostos. Cultivaban coles "gallegas", trigo, centeo,
liño, fabas... e criaban vacas, bois, ovellas, cabras, porcos e ata abellas.
Había 4 muíños: o da Grela, de Porto Piñeiro, de Recousiño e outro chamado muíño de Arriba.
Neste século construíuse o pazo que en principio estivo vinculado
á familia Suárez pero pasou despois a mans dos Sánchez Somoza.
No século XIX, en 1836, nacen os
concellos e Marzoa pasa a formar parte do de Oroso.
En 1845, o Diccionario de Madoz baixaba o
número de casas a 33 (166 habitantes -só algúns menos que na
actualidade-). Engade que cultivaban centeo, millo, trigo, algunhas legumes e
liño. Criaban gando vacún, lanar e cabalar. Cazaban perdices, lebres e xabarís
e, por suposto, pescaban. Tamén informa de que había un par de boas fontes de
auga e os catro muíños fariñeiros por toda industria.
No século XX Marzoa progresou. En 1921 foi atopado o tesouro de Recouso.
En 1930 era capital municipal, sendo
o pazo a casa do Concello e tamén a 2ª escola xa que a primeira ubicárase na casa dos
Naveiros, tamén no Castro.
Marzoa sufriu no Alzamento menos ca outras
parroquias e non tivo que lamentar mortes entre a súa veciñanza, aínda que si
faleceu en 1938 en acción de guerra Jesús Castro Sánchez que só tiña 25 anos. Nos
duros anos da posguerra perdeu a capitalidade en favor de Oroso e tamén foi perdendo
poboación como todo o rural da comarca ordense.
Arredor de 1960 chegaría don Diego Ríos Noya, un dos párrocos máis apreciados.
Nos anos 80 comezou o asociacionismo veciñal e creáronse varias agrupacións con
diversos fins.
No ano 2007
Manuel Pazos Gómez, nativo da
parroquia, publicou o libro "San Martiño de Marzoa. Imaxes para o
recordo", principal fonte deste artigo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario