Como xa temos explicado, as eleccións na Restauración estaban
completamente preparadas, pero ás veces xurdían sorpresas.
As
eleccións de 1901 e de 1903 cumpriron co guión previsto: Saturnino Aller Rodríguez, o cacique, o
home que enchía as urnas, achegou os votos para os candidatos designados polo partido. En
1901 foi o coruñés Daniel López López e en 1903 José Gasset, un dos 6 irmáns do
importante líder liberal Rafael Gasset.Pero as eleccións de setembro de 1905 saíronse dese guión e o feito foi tan soado que tivo ampla repercusión nacional.
En principio o candidato predeterminado a
gañar no distrito era D. Joaquín Peña
Failde, amigo persoal do xefe do Goberno, o compostelán Eugenio Montero Ríos. Non obstante Aller esta vez non o quixo así. As actas ao final do
proceso déronlle a el máis de 5.160 votos
mentres que Peña e Lens, un terceiro candidato, quedaban xuntos nuns escasos 1.750.
A razón oficial que explicou máis tarde era que os seus partidarios
non se atopaban cómodos co case octoxenario Peña ante os avances do
republicanismo en Ordes e que preferiron votalo a el ao que vían mellor
preparado.
A sorpresa que produciu a noticia foi enorme.
O Gobernador Civil da Coruña, Luis
Armiñán, telegrafou a Madrid inmediatamente e chovéronlle telegramas de volta
do Ministerio da Gobernación dándolle conta do monumental enfado de Montero
Ríos.
Manuel García Prieto e Juan Fernández Latorre, por se a situación non se arranxaba, ordenaron a Armiñán que se
reservasen as actas de Santiago e Ortigueira. Quedaron "conxeladas"
no Goberno Civil para ofrecerlle unha a Peña Failde. Como se pode ver a limpeza
das eleccións era inexistente, pero si había transparencia porque todas estas argalladas
eran de dominio público (para o que lese a prensa, claro).
A situación chegou a cumes esperpénticos. Cando
Armiñán soubo que Aller se dirixía á Coruña, mandou a un inspector cunha
parella de policías. A primeiras horas da noite foi interceptado cando entraba
na súa casa e levado ao Goberno Civil onde houbo unha tensa reunión de cinco
persoas, eles dous e tres destacados dirixentes do Partido Liberal: Antonio del Moral, Romero Donallo e Manuel Viturro.
Conta a lenda que a reunión durou catro horas
e os berros oíronse a distancia. Houbo ameazas, coaccións, rogos, súplicas ...
pero nada funcionou. Saturnino mantívose nos seus trece, sabedor de que anular
unhas actas legalmente asinadas e falsificar outras sería un escándalo dunhas
proporcións tan grandes que nin un réxime con tantas irregularidades se
atrevería a iso.
A incerteza mantívose un certo tempo pero ao
final, o 2 de novembro, Saturnino Aller foi oficialmente deputado nas Cortes.
Non foi, como podería parecer, un momento de
gloria. A vinganza xa estaba en marcha. Pronto os seus partidarios foron
apartados dos seus postos municipais e Saturnino tardou varios anos en lograr
recompoñer o seu poder na comarca.
De propina vai un resumo de feitos históricos nos cinco primeiros anos do século (1901, 1902, 1903, 1904 e 1905) e das páxinas do "Anuario Riera" dedicadas a Ordes no ano 1905.
De propina vai un resumo de feitos históricos nos cinco primeiros anos do século (1901, 1902, 1903, 1904 e 1905) e das páxinas do "Anuario Riera" dedicadas a Ordes no ano 1905.
No hay comentarios:
Publicar un comentario