Unha mestra das de antes, daquelas que
entregaban toda a súa vida á profesión, porque ata mediados do século XX ser
mestra implicaba vivir anos en aldeas case illadas e, na maioría dos casos,
renunciar a casar e formar unha familia propia.
Gaspara naceu a finais do século XIX en Santiago e estudou nas Orfas (Nuestra Señora de los Remedios). En 1902 presentouse a oposicións e pouco despois comezou a dar clase en lugares como Outes (Mazaricos), Espiñaredo (Capela) ou Lardeiros (O Pino). En 1909 gozaba en Arca dun soldo anual de 500 pesetas.
A súa vida cambiou en 1911 en que foi nomeada mestra de Xavestre (Trazo) cun soldo anual
de 625 pesetas. O sitio gustoulle e decidiu que alí quedaría.
Todo discorría placidamente a pesar de
que Xavestre non era un lugar especialmente pacífico. As pelexas eran tan
habituais como no resto da comarca e a axitación política tanto ou máis forte. Por
exemplo, en 1921, houbo un incendio provocado na casa dun concelleiro.
Non obstante Gaspara pasou alí doce anos moi
bos, pero todo cambiou en 1923.
Un nativo do lugar codiciaba a súa praza e
decidiu lograla a toda costa. Convenceu a varios dos veciños da Noia para
amedrentar a Gaspara.
Comezou así unha campaña de asedio para
facerlle a vida imposible. Primeiro comezaron con desprezos e logo pasaron aos
insultos e ameazas. A única tenda da parroquia onde podía comprar víveres
negoullos, e as mozas que lle traían o leite eran abordadas por mozos que lles
rompían os cántaros. A porta da escola aparecía a cotío chea de lixo e os
cristais destrozados. O grupo de mafiosos rematou por reunirse de noite ao lado
da escola (onde vivía a mestra) formando balbordo e disparando tiros ao aire.
Gaspara informou xa ao principio ao inspector
de primeira ensinanza da zona e a outras autoridades da situación pero nada
cambiu e pasaron meses nos que os ataques foron subindo de intensidade.
Finalmente, aterrada, Gaspara fuxiu a Ordes
en febreiro de 1924 onde puxo o caso en coñecemento do capitán de cabalería
José Méndez García, que era o delegado gobernativo no partido xudicial de
Ordes.
O paradoxo foi que esta fuxida lle significou
ser expedientada polo artigo 171 (abandono do posto de traballo, o que supoñía
a perda de soldo) aínda que en outubro de 1924 ordenouse o sobresemento do
expediente co engadido dunha declaración de que nunca se debeu iniciar, grazas
ás declaracións das autoridades de Ordes.
A historia non tivo un final feliz, ou mellor
dito, non tivo un final xusto. Gaspara pediu que se cambiara a escola a Benza,
onde non tería que soportar aos veciños de Xavestre, pero non lle foi concedida
a solicitude.
Así que finalmente, en 1926, despois de case
tres anos de sufrimento a mestra abandonou definitivamente Xavestre e comezou a
dar clase en Laraño (Santiago).
Despois de dar clase noutros lugares e xubilarse, Gaspara Barreiro Costoya volveu á
cidade de Santiago e residiu na Acibechería. Morreu en agosto de 1954 e os seus
restos repousan no cemiterio de Santo Domingo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario