Viriato naceu
en Pontevedra o 7 de decembro de 1924. Era fillo de Víctor Lamas
Fernández (irmán do vello
Viriato) e de Dolores Gutiérrez Martínez, matrimonio que
tivo outros dous fillos: Carmen e Ángel Lamas Gutiérrez Lito (1930-2011).
En 1946 volveu do seu servizo militar en
África e comezou a traballar no comercio téxtil. Coñeceu a Anastasia Pisonero Ramos Tasina, unha moza de Villalón de
Campos (Valladolid) que viñera para Vigo aos 6 anos e logo, aos 16, se trasladara a Pontevedra onde estudou
para mestra (chegou a dar clases en Tui).
Con ela casou
en febreiro de 1951 e con ela tería
9 fillos: Mª Luisa, Victoria,
Beatriz, Ana, Amparo, Víctor, Viriato, Anastasia e Pablo.
Un ano antes,
en 1950, veu a Ordes. Naquela época
o comercio de roupa nas áreas rurais estaba concentrado principalmente nas
feiras, así que era unha relativa novidade unha tenda na vila. O local alugoullo
á familia Concheiro García os de Carballo e
estaba na esquina da rúa Alfonso Senra con Rosalía.
Pero a
verdadeira novidade foi a produción propia, xa que Tasina confeccionaba os
xéneros de punto. Compraron unha máquina e contrataron a un par de mozas da
localidade. O primeiro taller tíñano na Rúa dos Lagartos e logo trasládáronse a
Alfonso Senra 79 (o antigo sanatorio e futura casa de Pilar a comadroa).
Moitas destas
prendas vendíanse en Santiago. Tasina comentaba que o primeiro pedido que lles
fixeran -de 60 prendas- pareceulles unha loucura (anos despois chegarían ás
5.000 prendas diarias!).
Pouco a pouco foron
incrementando a produción e comprando máis máquinas de tricotar, así que tiveron
que empregar cada vez máis mozas da localidade. Pronto se expandiron a outra
tenda onde agora está "Mabe".
Nos anos
60 a
empresa experimentou un gran auxe, abandonando definitivamente a venda ao
público para pasar á produción en serie de xéneros de punto que chegaban a todo
o mercado nacional. Durante esta época contaban xa cuns 100 empregados (a inmensa
maioría mulleres). Nesta década tamén lles comprou terreos (o que hoxe son a
Rúa da Fábrica e a Rúa Viriato) aos de Carballo e montou neles a primeira
fábrica e de paso construíu a súa casa.
No ano 1976 a
empresa abandona a estrutura tradicional e pasa a ser sociedade anónima cun
capital de 106 millóns de pesetas. Viriato era o presidente e o seu irmán Ángel
o director comercial. Nesta época as traballadoras xa eran 300 e Viriato SA a
gran fonte de emprego da comarca e principal responsable do aumento demográfico
da vila.
Nos anos 80 a empresa chega ao seu punto álxido con preto
de 500 traballadores (incluíndo ás que traballaban na casa: as
"rematadoras") ... pero todo o que sobe ... ten que baixar.
Viriato tivo tempo de ver o comezo da crise
do sector. As malas decisións comerciais fan que a empresa viva a súa 1ª
suspensión de pagos en 1992. Morre o 4 de xuño de 1993 aos 69 anos de idade despois dunha longa enfermidade, sen chegar a sufrir a 2ª suspensión de
pagos e posterior venda da obra da súa vida ao "arxentino" de
Cestaños Francisco Ríos.
Anecdoticamente deixou dito que non se
tocaran as campás da igrexa nin se lle puxeran esquelas na prensa. O primeiro
non sei se sucedeu, pero do 2º a hemeroteca deixa ben claro que non lle fixeron
ningún caso.
Pódese dicir que a parella Viriato-Tasina son
os personaxes máis importantes da 2ª metade do século XX en Ordes, pois a súa
fábrica foi a principal fonte de riqueza da vila e permitiu manter e
incrementar a poboación do concello cando toda a comarca a perdía.
Pero foi ademais a impulsora da entrada na
modernidade dunha sociedade ata entón ancorada no traballo rural. As mulleres
da zona, sen apenas instrución e acostumadas a unha vida moi dura no campo,
percibían a fábrica como unha liberación, ata o punto de que nos primeiros
tempos preferían ir traballar os sábados porque nas súas casas estarían
obrigadas a facer as tarefas agrícolas. Por non falar dos altos soldos (para a
época) que as poñían en pé de igualdade cos homes.
Con Viriato tamén morreu unha etapa de auxe nunca
antes vista. Ordes aínda seguiu medrando pero cun crecemento baseado no
ladrillo, na explotación das traballadoras do sector téxtil e na movida, bases
fráxiles como vemos agora.
No hay comentarios:
Publicar un comentario