Este artigo é un
excelente traballo escolar feito por varios alumnos de 6º curso do entón CP Mesón do Vento e publicado na
revista escolar "A FONTIÑA"
en maio de 1995.
Onte estiven falando coa miña avoa e contoume
como se facían as mallas hai moito tempo. Outros compañeiros tamén preguntaron
nas súas casas e entre todos sabemos agora algo máis de como se vivía noutros
tempos.
Miña avoa dicíame que antes da malla o
primeiro que se facía era xuntarse uns poucos veciños para ir segar o trigo
dunha casa, que logo habíase traer para a eira. O trigo segábase cun lampo
ou gabillo.
Logo atábano en moullos, que viñan ser vinte
feixes segundo soubo un compañeiro de Froxil, e poñíanse en medeiros
nas leiras (doce moullos embaixo e oito enriba) onde se deixaban secar de oito
a quince días.
Máis tarde traíase para a eira e poñíase
nunha meda,
ata o día da malla para que non se mollara.
O día da malla subían aos rapaces á meda para
tirar os moullos. Daquela mallábase a man cun manle cada home. A Lucita
contáronlle que ás veces nas eiras de mallar enterraban potes vellos que ao
zoupar resoaban e daba máis ánimo.
Logo levantábase o trigo cun cribo para
limpalo porque o aire levaba as pallas máis pequenas. Había que espilir a palla
para que o trigo caera, logo rodábase (pasábase cun rodo) e finalmente barríase
cunha xesta. O trigo carrexábase para a limpadora que separaba o gran do cano,
e logo o gran ía para as huchas.
A trilladora, cun motor e dúas poleas coa súa
correa, fixeron que se deixara de mallar a man. Metíanse os monllos e saía por
un lado o trigo e por outro a palla. Os homes cunhas galletas movían a palla ata
faceren palleiro.
Para as mallas xuntábanse todos os veciños da
aldea, polo menos un de cada casa.
Nas pausas dábaselle aos malladores caña,
viño e pan. Ao rematar facíase unha comida, normalmente patacas con carne ou
pemento, pero tamén se poñían patacas con bacallau ou papas de arroz con leite...
Cando remataba a malla había unha festa e
logo baile na mesma eira para celebrar o día da malla. A xente marchaba para a
súa casa sobre as dúas ou tres da mañá.
Lucía Iglesias Barreiro e outros alumnos/as de 6º
No hay comentarios:
Publicar un comentario