Aínda que a multicopista (de nome científico mimeógrafo) foi inventada xa no século XIX, en España empezou a
popularizarse nas décadas dos 70 e 80. Era unha máquina na que o que se quería
copiar tíñase que escribir nun cliché
(unha folla moi fina na que se producían lixeiras fisuras coa forma das letras
ao escribir sobre ela) e que logo, colocada sobre un rodete cheo de tinta,
permitía múltiples copias a un prezo moi barato.
O seu uso (e posteriormente o das
fotocopiadoras) en centros educativos permitiulles "editar"
publicacións que, aínda que se distinguían ás leguas dos folletos e revistas
que saían das imprentas, axudaban a potenciar o gusto pola escritura dos
alumnos que estaban marabillados (eran outros tempos) de ver publicado algo
escrito por eles.
En Galicia tiñan o valor engadido de que a
maioría empregaron o galego (ao revés que as publicacións comerciais) co que foron
un factor fundamental na normalización lingüística do noso idioma.

No ano 1988
o CP do Mesón, do que era directora Mª
Dolores Pena, tiña máis de 300 alumnos desde 4 anos ata 8º de EXB. Os
nenos de Buscás e Leira ían ás súas escolas unitarias ata 3º curso e logo tamén acudían ao colexio, que estaba cheo a rebordar.
A primeira "Fontiña" eran unhas
poucas páxinas grampadas de tamaño folio (maior que o A4). Logo, xa nos 90, o
formato sería de medio folio cunha portada de cartolina branca. Normalmente era
gratuíta pero algúns anos vendeuse por 100 ou 125 pesetas que axudaban a pagar
aquelas inesquecibles excursións de 8º a Benidorm e logo a Mallorca.
A pesar do seu aspecto tan pouco "profesional"
tiña un alto nivel de contidos. Ás típicas seccións de todos os xornais
escolares como contos, debuxos ou poemas dos alumnos, engadía traballos sobre o
contorno (descricións de elementos do patrimonio, costumes, actividades
económicas ...) e sobre eventos daqueles tempos como as tractoradas campesiñas,
a desaparición das Encrobas ou as ameazas de bomba que se sufrían no colexio.
Un par daqueles traballos ("Moceando
en tempos pasados" e "As
mallas dos nosos avós") apareceron neste blog, pero houbo gran cantidade
de artigos moi interesantes. Un dos que hoxe nos pode producir máis diversión
era unha enquisa no ano 1990 sobre a
reacción dos pais se os fillos sacaban malas notas que daba os seguintes
resultados: ao 26 % dos alumnos rifábanlles, ao 15 % castigábanos, a case o 5 %
pegábanlles, ao 50 % animábanos e ata un 3 % ... falsificaban as notas! para
solucionar o problema.

No ano 2007 apareceu o lobo Ardemiro, a
mascota do colexio, que desde entón tivo moita presenza no xornal, sendo ademais
o encargado das editoriais. Pouco despois a revista que ata ese momento era
fotocopiada no propio colexio pola conserxe Anabel Liñares pasou a imprimirse
en Santiago grazas ás subvencións da Consellería.
Desde o ano 2010 as catro páxinas centrais
aparecen en cor e desde o 2013, ano en que o colexio estreou a súa páxina web,
"A Fontiña" tamén se sube á rede.
No hay comentarios:
Publicar un comentario