Na parroquia de Buscás, ademais do cruceiro
da Rúa preto da igrexa de San Paio
e un cruceiro particular nunha casa da Gorita, hai outro bastante peculiar ao que
algún alcumou "cruceiro agochado". A razón é que está no bordo dun terreo
arborado polo que, a maior parte do ano, é fácil pasar preto del sen decatarse
da súa presenza. No inverno coa caída da folla xa é máis visible.
O lugar denomínase Cruz de Pedra ou O
Cruceiro e está a uns 200
metros ao norte dos Ramos e uns 80 metros ao leste do
Camiño Inglés. Uns 60
metros máis ao norte hai unha casa en ruínas a que
chamaban "Casa do Cruceiro" e coa que probablemente tivera relación.
O cruceiro está integramente feito de pedra.
É de pequeno tamaño, aproximadamente 2,60 metros. Non ten gradas e si un pedestal prismático de 40 centímetros desde
o chan e 70
centímetros de lado. Del sae un varal cilíndrico que
mide 1,60 metros
de altura (cunha greta bastante importante case a 90 cm do pedestal).
Non hai capitel senón un aro de metal ao final do varal. Tampouco hai cruz, só unha
Piedade esculpida moi toscamente e con restos de ser restaurada con cemento.
Se queres ver máis fotos e a súa
ubicación nun mapa preme en Cruceiro dos Ramos da excelente web Todos los cruceiros de Galicia.
Un saudo para este brillante ordense, que coa sua axuda aporta cultura e historia a toda a xente. Moitas grazas de parte dun paisano de Parada
ResponderEliminarAgradecido polos eloxios. Un forte abrazo.
Eliminar