sábado, 22 de abril de 2017

O Camiño por Buscás

  Buscás é unha parroquia duns 13 km2 situada ao sur de Ardemil. A súa zona nordeste é a de maior altitude, superando os 400 m. Esta altitude vai descendendo cara ao sur e especialmente cara ao suroeste por onde discorre o río Cabrón.
  Antigamente esa zona noroeste foi unha parroquia de seu -Santa Eulalia de Faramilláns- aínda que a súa matriz era Buscás e compartían o mesmo crego.
  Son terras fértiles e poboadas desde a antigüidade como deducimos pola existencia do Castro de Buscás, apenas a 100 m ao norte da Rúa, a capital parroquial, o que demostra de paso o continuismo do poboamento ao longo da historia. Tamén moi preto da Rúa e do Camiño Inglés estaba a Torre de Buscás, da que practicamente só queda o lugar, moi apropiadamente chamado Agra da Torre.

  A principios do século XVII (ano 1607) o cardeal Jerónimo del Hoyo afirmaba que Buscás tiña 63 fregueses, a mesma cantidade que Ardemil (mentres que Poulo tiña 48 e Ordes 44).
  A mediados do século XIX, o "Diccionario de Madoz" (1846) dicía que Buscás tiña 42 veciños -230 habitantes- e Faramilláns 40 -226 habitantes-, que as terras producían millo, centeo e trigo e que había tres muíños en Buscás e un en Faramilláns.
  Actualmente hai 25 entidades de poboación que, entre todas, non chegan aos 500 habitantes. 


  Despois da Carballeira (Ardemil) o Camiño Inglés abandona o asfalto e discorre por corredoiras ata uns 300 metros antes da Rúa onde se incorpora á estrada que ven do Mesón do Vento.
  Na vila, o camiñante atopa na beirarrúa leste o "Café bar Novo", xusto fronte a "Dona María", unha casa rural excelentemente restaurada, a carón da cal está o cruceiro, interesante, pero que, contrariamente ao caso anterior, sufriu unha controvertida intervención.
  Un pouco máis adiante, despois da primitiva escola (hoxe casa particular fermosamente restaurada) atopamos a igrexa de San Paio. De orixe románica como outras da zona, a diferencia con elas é que conserva aínda eses elementos. Con todo, o que probablemente máis chame a atención do camiñante é a macabra estatua de San Paio (ano 1737) na xanela da ábsida que o mostra no momento de ser degolado.


  Tamén podemos tomar o último café na terraza do "Bar Liñares - A Rúa" contemplando o local social da parroquia (antiga escola unitaria) co seu patio onde se celebra o Santísimo Sacramento (16 de xuño), as festas patronais na honra de San Paio (26 de xuño) e a festa de San Agustín (último fin de semana de agosto).

  A ruta descende ao longo duns 1000 metros cara a Vilariño e uns 250 metros despois volve saír da estrada cara ao leste. Atopamos a Ponte do Cubo e un pequeno tramo que conserva as lastras do vello camiño. Aquí o terreo, sempre en subida, pode estar cheo de lama moitos meses do ano. Estamos entrando xa na parroquia de Poulo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario