sábado, 15 de febrero de 2025

Vodas en 1960

   1960 foi pródigo en vodas distinguidas, dúas delas con membros da familia Pol.
 
 
En marzo casou na igrexa parroquial de Ordes Ofelia del Amo Pol con José Juan Luis Franco García.
Foron os padriños unha irmá do noivo Purificación Franco García e o pai da noiva, o profesor e antigo director de Institucións Penitenciarias na época republicana Mariano del Amo Algara. Oficiou a misa o párroco de Sada don Juan Villanueva. Portaban as arras e os aneis as nenas Margarita Castro, Guillermina Souto e Mely Pérez. A noiva levaba precioso traxe de brocado de algodón, veo de tul ilusión e tocado de azahar.
  Representou á lei Jaime Concheiro del Río. Asinaron como testemuñas por parte do noivo Antonio Rivas Núñez, Antonio Posse del Río e Antonio Souto Vázquez, mentres que pola noiva asinaron Antonio Concheiro Iglesias, Fernando García del Río, Manuel Concheiro García, Ernesto Nogueira Romero e Alberto Concheiro Barreiro.
  Despois da comida nun restaurante da localidade, os novos esposos marcharon de lúa de mel por distintas capitales españolas.
  Establecéronse en Bergondo onde ese mesmo ano naceu o seu primeiro fillo Francisco, famoso bioquímico. Terían outros dous: Julio e Mariano Franco del Amo. Despois de Bergondo irían a Carnota e finalmente acabarían vivindo na Coruña onde ela rexentou a farmacia de Monelos 211 desde 1963 ata 2009. O matrimonio durou 34 anos ata a morte de José o 16 de xullo de 1994 con 76 anos de idade. Ofelia morrería 30 anos despois no Nadal de 2024.
 
  En abril, tamén na igrexa parroquial, casaron Mª Carmen Regos Regos e o industrial Carlos Regos Faya. Foron os padriños o pai da noiva José Regos Regos e a tía do noivo Estrella Regos Caramelo (nai de Ramón o Practicante). Representou á lei Jesús Cristín Pérez e asinaron como testemuñas o pai do noivo Manuel Regos Caramelo, Fernando Vieites Faya, Segundo e Genaro Faya, Jesús Regos e José López Menviela.
  Os numerosos invitados foron obsequiados cun banquete no Nogallás. Os esposos saíron de lúa de mel por diversas capitais españolas. Establecéronse en Ordes, en Alfonso Senra, e tiveron dous fillos: María e Carlos Regos Regos. O matrimonio durou ata 1993, ano en que morreu Carlos.
 
  O luns 30 de maio, novamente na igrexa de Santa María, tivo lugar a voda de Mª Pilar Cristín Pérez con Alfonso Castro Pol. O oficiante foi o párroco de Abellá don Luis Pérez Regueiro, íntimo da familia da noiva. Portaba as arras a "encantadora nena" Victoria Lamas Pisonero.
  Os padriños foron a nai do noivo Julia Pol Crespo (m.1963) e o pai da noiva Jesús Cristín Castro. Representou á lei Alfonso de Navascués y de Pablos, xuíz de 1ª Instancia e Instrucción de Ordes. Asinaron como testemuñas Lisardo Castro Amor, Manuel Pérez Mirás, Mariano Alba Quintana, Jesús Cristín Pérez, Julio Castro Pol, Darío Fole Malvar, Antonio, Celestino e Ángel Concheiro Iglesias, Juan Liñares Castro, Manuel Rey Nión, Segismundo Viqueira Ramos, Antonio Astray Rivas, Celestino Amigo Amigo, Manuel Mª Concheiro Barreiro, José Galán, Ignacio Castro, Viriato Lamas Gutiérrez e José Luis Palmeiro.
  Os invitados foron obsequiados cun lunch. O esposos saíron en lúa de mel. Posteriormente establéceronse en Madrid, aínda que agora viven en Francia.
 
  A finais de agosto tivo lugar na profusamente adornada capela do Sanatorio Concheiro a voda de Mª Jesús Liñares Stolle co médico Leandro Rodríguez Buján, que tiña entón 30 anos e era fillo de Maximino Rodríguez (1896-1969) e de Carmen Buján (1899-1989).
  Os padriños foron a nai do noivo Carmen Buján Sampedro e o pai da noiva, o alcalde Juan Liñares Castro. Oficiou a cerimonia don Antonio Stolle Álvarez, primo da noiva. Portaban as arras e os aneis as nenas Rosa Mª Liñares, irmá da noiva, e Lucía Quintana Rodríguez, sobriña do noivo, "primorosamente ataviadas".
  A noiva levaba un modelo de Ninna Ricci e o noivo vestía de "correcta etiqueta".
 
  Representou á lei Emilio Pita Álvarez e asinaron como testemuñas un lote de personalidades: Manuel Ferro Couselo, don Joaquín Andrade Orza, Manuel Lojo Tato, Jaime Castro García, Alfonso Penavasquez de Pablo, Jesús Cristín Castro, Antonio e Celestino Concheiro, José Trillo Fernández, Benito Rivas Pichel, Luis e Olimpio Liñares Castro, Carlos Ramón Ballesteros, Manuel Concheiro García, Marcelo Riego Urgal, Antonio Quintáns Pardo, Serafín Rivera Verdes, Daniel, Leandro e Ángel Buján Fernández, Alberto Flórez Plaza, Joaquín Erranz, Antonio Mariño Iglesias, Carlos Quintáns Cambón e Jaime Cabeza González.
  Os máis de 300 invitados foron obsequiados cunha cea fría nun salón de Ordes. Os novos esposos saíron de lúa de mel por España e o estranxeiro. Primeiramente estableceríanse na Coruña, pero acabarían vivindo en Santiago. Mª Jesús herdou a farmacia de abaixo, que entón estaba en Alfonso Senra 112, e que agora (xa no número 139) está en mans da súa filla Gemma.
 
  Finalmente o luns 5 de setembro pero non en Ordes, senón na igrexa parroquial de Santa Susana en Santiago tivo lugar a fastosa voda de Mª Pilar García Yrago, máis coñecida como Pilarín, con Luis Astray Rivas, da moi coñecida familia Astray.
   Pilarín era filla do comandante de Artillería (e presidente do Santiago FC) José García Romera e de María Yrago. Luis Astray, primeiro oficial do Rexistro en Ordes era fillo do avogado e encargado do Rexistro da Propiedade Manuel Astray Mato (m.1964) e de Clara Rivas Marzoa (m.1965).
  Os padriños como era costume foron o pai da noiva e a nai do noivo. Oficiou o profesor do Seminario don Donato Dosil. Representou á lei o pai do noivo e asinaron como testemuñas Eladio Colino de Gomar, Rosendo Ramos, Ramón Ríos, Genaro González, Manuel Liñares, Manuel Peleteiro, Manuel Astray Rivas, Fernando Concheiro, César González, Joaquín Lameiro, Pablo Landeira, Alfonso Leirós, Segismundo Viqueira, Jaime Concheiro e Juan Viqueira Veiras.
  A noiva luciu un traxe brocado e veo de tul ilusión e o noivo ía de rigorosa etiqueta. Finalizado o acto os numerosos invitados foron obsequiados nada menos que no Hostal dos Reis Católicos cun ágape amenizado pola orquestra Hispania.
  O matrimonio despois da lúa de mel estableceuse en Ordes. Case durou 50 anos porque Luis morreu en 2008 e Pilar un ano despois, pero foi moi desafortunado ao final porque viron morrer novos aos seus tres fillos varóns: Rafael, Alberto e Juan Luis. Só lles sobreviviu a filla maior, Luisa Astray, que actualmente reside en Monforte de Lemos.
 
 
 Unha anécdota: Os rapaces e non tan rapaces xogaban na Alameda cando aínda tiña o chan de terra. O meu pai Juan Ferreiro volvía de ir a un prado que tiña en Vilar. Parou na Alameda para botar unha partida e para a súa desgraza foi contra Luis Astray. "Gañoume as tres canicas que levaba nun pispás. Tiña unha puntería bárbara. Era unha máquina xogando". 

No hay comentarios:

Publicar un comentario