Na parroquia de Mercurín, ademais do castro de Souto, o máis próximo á igrexa, e
doutro que está preto do Vilar, achamos na zona sueste, case no límite
parroquial con Leira o castro do Piñeiro.
Tamén é coñecido como castro da Portela (está
a pouco máis de 200
metros dalgunha das casas deste lugar) ou simplemente a
Medorra.
Contra o que é usual noutros castros, non está nunha zona especialmente alta e ten moi
fácil acceso, pois na estrada Ordes-Cerceda á altura da Portela hai unha pista
asfaltada que conduce ao Piñeiro e que bordea o castro. Nesta pista, na súa
zona sur está a entrada.
É un recinto vagamente circular que conserva
o parapeto no sector norte-noroeste, mentres no resto do perímetro apenas
quedan restos do mesmo. No sector norte apréciase o foso, en correspondencia co
parapeto. As súas dimensións son sobre 120 metros de norte a
sur e uns 105-110 de oeste a leste, tendo unha superficie bastante grande: aproximadamente 1,1 Hectárea (ou máis
enxebre, uns 17 ferrados).
Na actualidade está rodeado de arboredo e o
interior, dividido ao parecer en catro parcelas con orientación norte-sur,
dedícase a prados e a algún cultivo (incluíndo árbores froiteiras).
No hay comentarios:
Publicar un comentario