viernes, 28 de febrero de 2025

Festas patronais de 2009

  As festas patronais do ano 2009 volveron a ser un gran acontecemento. O entón alcalde Regos quedara moi satisfeito coas festas do ano 2008 pero non se conformou e quixo superalas. Doutra banda non había demasiado tempo que a vila fora escenario da 2ª Gala da Orquestra Panorama contra o Cancro, un megaconcerto cuns 50.000 espectadores, e a principios de mes os míticos Boney M deslumbraran no Festival Brincadeira.
 
  Entón... como facer para que as festas non se viran deslucidas por comparación?
  Obviamente contratar ás mellores orquestras de Galicia xa non bastaba, iso dábase por sentado. Había que traer tamén unha megaestrela que atraese xente, alguén que superase o nivel de David Civera e Marlene Mourreau. E... quen mellor que o indiscutible número un da música popular española nos anos 60 e 70? Si, efectivamente, as festas de 2009 recordaron ás de 1990 porque a principal atracción foi o gran Manolo Escobar!
 
Venres 14
Fania e Panorama
Sábado 15
Bámbola e Olympus
Domingo 16
Galilea e París de Noia
Luns 17
Orquestra Suavecito e Manolo Escobar
Manu Tenorio, La Década Prodigiosa e Lavorda
 
  Outro punto de atención foi o corte do tráfico. Regos viña de gastar unha morea de cartos na ampliación da Alameda con resultados discutibles. Unha das razóns que dera para esta ampliación era quitar as festas da estrada nacional. Evidentemente isto non pasou, pero a súa propaganda fixo fincapé en que "a diferenza do que acontecía na lexislatura anterior" os cortes de tráfico só serían parciais, unicamente durante as horas das actuacións e a correspondente montaxe dos palcos.
  En palabras do seu voceiro Ordessiete: "Deste xeito evítase, ademais, calquer risco na seguridade dos asistentes a estes concertos, pois sempre haberá un camiño de acceso rodado á alameda no caso de que fose preciso. Unha eventualidade que antes non se tiña en conta, pois instalábanse dous palcos sobre a N-550, o que facía imposible o acceso de, por exemplo, un vehículo de emerxencias ou unha ambulancia".
  Ademais tampouco se cobraría a O.R.A.
 
  As festas comezaron o venres ás 10 da noite con Fania e Panorama.
  O día grande, que ademais foi sábado, a sesión vermú foi amenizada pola Banda de Música de Negreira e a orquestra Bámbola. Pola tarde as 19:30 tivo lugar un partido de fútbol entre a SD Ordes a SD Compostela. A verbena da noite, que se prolongou ata pasadas as tres da madrugada, contou con Bámbola e Olympus e a habitual sesión de fogos de artificio, ese ano a cargo da empresa Artefogo.
  O domingo 16, Día de San Roque e Día do Emigrante, contou coas orquestras Galilea e París de Noia.
 

  O último día, como xa dixemos, foi o de protagonismo absoluto de Manolo Escobar. Por se non bastara coa súa 2ª actuación nas festas patronais, o cantante (entón con 77 anos) tivo o detalle de visitar a Residencia da Terceira Idade en compañía do alcalde e algúns concelleiros. O entusiasmo dos maiores ao ter diante en persoa a un dos seu maiores ídolos deixou as estampas máis entrañables daquelas festas.
  Manu Tenorio, La Década Prodigiosa e o grupo pop Lavorda acompañaron e prolongaron a noite para os máis mozos.
  Unha semana despois, o sábado 22 de agosto, como colofón das festas actuou o gaiteiro Xosé Manuel Budiño, presentando o seu disco "Home". Esta actuación foi froito dun acordo de colaboración asinado entre o Concello de Ordes e Caixanova.
 
  E para dar máis espectáculo, ainda houbo o habitual rifirrafe político. O portavoz do BNG, Ramiro Recouso, a conta dunha carta enviada polo alcalde aos veciños, acusou a este de “pretender que os veciños paguen a débeda que está acumulando o Concello debido ao despilfarro do alcalde”. Segundo o nacionalista, “non é de recibo que [Regos] pretenda sangrar económicamente aos veciños de Ordes, nun momento de crise, co envío reiterado de cartas solicitando diñeiro para supostamente sufragar as festas, xa que o único responsábel do estado de quebra no que se atopa o Concello con máis de 5 millóns de débeda é o alcalde”.
  A resposta chegou por parte do concelleiro do Mesón Luis Gómez Candal que declaraba: "Tanto veciños coma hosteleiros manifestáronnos a súa satisfacción coas festas nas que contamos coas mellores orquestras de Galicia. Remitíronse [as cartas] como todos os anos, ao remate das festas, invitando á xente a que colabore connosco, nada máis, nin teñen obriga nin hai cota, cada quen pode colaborar ou non, según o decida”.
  Engadía logo: "Entendemos que teñan que facer oposición pero deberon poñerse nerviosos polo éxito das festas para facer ese tipo de comentarios que non teñen nada que ver coa realidade".

No hay comentarios:

Publicar un comentario