martes, 20 de febrero de 2024

Capela do Bidueiro


   Na aldea do Bidueiro, a carón do pazo que pertenceu aos López Rioboo, achamos esta sinxela capela de pequeno tamaño e planta rectangular. Dado que no Bidueiro a festa grande é o San Xoán tamén é chamada habitualmente capela de San Xoán. Ao ser un templo vinculado ao pazo non ten a orientación habitual, e a cabeceira, no canto de dar ao leste, da ao NO.
 

  Mide aproximadamente uns 5,40 metros de fachada por uns 8,70 de lonxitude, ou sexa arredor de 45 metros cadrados, só por enriba das capelas de San Pedro en Cestaños e de San Antón en Guindibóo. Os muros son maiormente de cachotaría revocada e pintada de cor branca, agás os esquinais e marcos de portas e fiestras que están feitos de perpiaños. As xuntas destes están cubertas e pintadas tamén de cor branca. Iso e a disposición asimétrica dos perpiaños laterais crean un efecto estético moi destacable.
 
 
A cuberta é a dúas augas con rematado de tella do país sobre armazón de madeira. Á fronte unha espadana de granito dun solo oco rematada en arco de medio punto aloxa unha campá, feito que non era moi habitual nas capelas pacegas ás que os señores podían ir cando querían.
  Enriba da porta principal de lintel recto atopamos un escudo de pedra. É moi parecido ao que hai no pazo pero con dous cuarteis menos. Nel podemos ver varias becerras, obvio símbolo da familia Becerra, rodeando 6 cuarteis que representan ás familias Torre, Moscoso, Bermúdez, Caamaño, Rioboo e Varela.
 
  O interior é bastante sombrío porque só hai unha pequena fiestra no muro sur e unha simple bufarda no norte. Destaca un sobrio retablo neoclásico con catro columnas de fuste liso pintadas de cor rosa e varias imaxes, a máis grande dunha Virxe sostendo ao neno Xesús. A finais do 2023 ou principios de 2024 colocouse diante do retablo un pequeno e estreito altar de granito.
  Na actualidade o seu estado de conservación non é demasiado bo, estando algo descoidada.
  E agora vexamos como Manuel Rodríguez García conta en "Historia viva" as festas do século XX e algunha anécdota máis sobre esta capela.
 
  No día 23, na véspera de San Xoán, faise unha boa cacharela diante da capela que dura ata cerca do día, animada con pandeiretas e gaitas de fol. Xúntase moita xente para saltar a cacharela que se hai que afumar contra as meigas e desfrutar da foliada. Ao outro día misa grande na capela e procesión pola Avenida dos Castiñeiros, acompañada pola banda de música de Ordes, e recóllese outra vez na capela. De seguido os bailes da saída da misa e, á tarde, toca a banda ata a noite no campo da romaría, que hai un bo poseo pola Avenida dos Castiñeiros.
  Esta avenida está nomeada na Real Historia de Galicia. Fraga grande chea de carballos e corticeiras. O campo de San Xoán cheo de bidueiros vellos, todos aliñados ao longo, ao ancho e ao sesgo, augas minerais no rapadoiro que, no devalo da lúa de agosto, ía moita xente tomalas, entre eles o ferreiro do Casal, Bernaldo, que viñera achacoso da guerra de Cuba.
  A capela de San Xoán ten a entrada cara ao nacente e o altar cara ao poñente e así dise a misa ao revés de todas as igrexas da zona.
 
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario